Imprimir

Preferente costeira

que pasa na costa | 21 de Febreiro de 2019

Trío arbitral do pasado derbi de 1ª disputado no Conco
Trío arbitral do pasado derbi de 1ª disputado no Conco

Esta fin de semana a Preferente terá un sabor costeiro especial, xa que ademais dos dous equipos da zona que compiten na categoría (Sofán e Xallas), haberá representación arbitral da Costa da Morte noutros tres campos.

Marcos Ordóñez terá unha viaxe curta para dirixir na matinal do domingo (12.00 horas, Ponte dos Brozos) o derbi coruñés entre Arteixo e Ordes. Tranquilo para os locais, que viaxan nunha cómoda media táboa, e agónico para os visitantes, antano equipo de Terceira División, e que pugna atalora por fuxir da queima do descenso. Marcos Ordóñez estará auxiliado nas bandas por dous compañeiros da Delegación da Coruña, Antonio Fuentes e Brais Núñez.

Haberá trío costeiro no Valladares-Vilalonga (domingo, 16.30 horas, A Gándara), partido correspondente ao grupo sur e no que se repite o escenario de Arteixo: un conxunto local que viaxa nunha posición cómoda e un visitante nos límites dos postos de descenso. O trío arbitral estará composto por Rubén Reborido, Bruno Méndez e Daniel Martínez

E no Campo da Aira (domingo, 17.00 horas) o coruñés Alexandre Represas dirixirá un encontro por todo o baixo da táboa, Velle-Antela, dous equipos inmersos na pelexa pola salvación, e contará como asistentes con dous colexiados costeiros, Adrián Pérez e Juan  Marcos Ríos. 

A Subdelegación do Comité de Árbitros da Costa da Morte disporá tamén esta fin de semana tríos arbitrais para outros dous encontros. 

O sábado (18.30 horas, Dani Mallo), David Vázquez dirixirá o encontro da Primeira Galicia entre Cambre e Imperátor, en tanto o domingo (16.30 horas, O Pinguel) Pablo Rama estará auxiliado por Rai Reborido e Sebastián Pérez no encontro estrela da Liga da Costa, o derbi da vila de Pondal entre Ponteceso e Corme.

O domingo volverase vivir unha nova e apaixonante xornada na mellor competición do mundo, esta nosa Liga da Costa, tanto por arriba, onde o líder buscará aproveitarse do enfrontamento pontecesán para aumentar distancias a costa do San Lorenzo (16.30 horas, Peña do Ouro, Alberto Baña); como sobre todo por abaixo, con dous enfrontamentos destacados entre equipos implicados na loita pola salvación: Lira-Cee (16.30 horas, Lombáns, David Castreje) e Ameixenda-Buño (16.30 horas, Sampaio de Refoxos, David Vázquez).

Na Terceira da Costa, o duelo estelar será na Rocheira (domingo, 17.00 horas, Rodrigo García [Delegación da Coruña]), e tamén se vivirá un novo duelo camariñán, desta volta entre As Baleas e Camariñas (domingo, 16.30 horas, Hermanas Patiño, Óscar Rey).

E moito, moito máis fútbol, en cada recanto da Costa da Morte. Pódense consultar todos os horarios e partidos, así como todas as designacións arbitrais, categoría a categoría, en www.futgal.es. 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/futbol-da-costa/preferente-costeira/20190221074128106880.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA