Venres. 19.04.2024
El tiempo

Presión hospitalaria: entendendo mellor os datos

Explosion en Madrid-Foto-BBC
Foto da explosión acontecida no centro de Madrid-BBC
Presión hospitalaria: entendendo mellor os datos

O pasado 20 de Xaneiro de 2021 estabamos a piques de rematar un día normal (se aínda existen estes días) no centro de saúde no que traballo en Madrid. Eran case as 3 do mediodía cando a escasos metros escoitamos unha enorme explosión. Casualmente, fronte ao noso centro hai un parque de bombeiros; e en apenas 2-3 minutos trala explosión chegamos ao lugar, ademais dos bombeiros, os primeiros policías, persoal de emerxencias (SAMUR), dous psicólogos, outra compañeira psiquiatra e eu. Como médico e psiquiatra, inicialmente non sabía (ninguén o sabía) cal ía ser a miña función. Ninguén podería saber se nos iamos atopar con 50 mortos, ou 50 feridos, ou 100; e esta dúbida nese preciso momento xenera unha grande ansiedade, especialmente aos que non traballamos en emerxencias. Mais concretamente, non sabía se ía ter que actuar como médico, é dicir, tratar de reanimar feridos moi graves mentres ían chegando os equipos de emerxencias (catástrofe con predominio de feridos) ou se ía ter que actuar como psiquiatra manexando crises de pánico de veciños e familiares (crises máis graves cas nosas -o escenario impuña-). “Afortunadamente” ao cabo duns minutos os equipos de emerxencias fixéronse co control da situación, e os pesimistas presaxios iniciais foron desmentidos pola realidade, aínda que houbo que lamentar catro falecidos, que para algún poden semellar insignificantes nesta terrible pandemia que parece que nos acostumou máis á morte cá vida.

Nembargantes, tratándose dun edificio no centro dunha gran cidade a carón dun colexio e dunha residencia de maiores, os nosos pesimistas pensamentos eran razoables. Non pretendo con esta exposición alarmar más á poboación pero sí chamar á concienciación do que é seu, os hospitais, para que sexan correctamente usados neste contexto de pandemia. E dentro dos hospitais, un recurso obviamente limitado pero que pode salvar vidas son as unidades de UCI, especialmente na patoloxía da COVID-19 (pola necesidade de ventilación mecánica nos casos máis graves), UCIs que están actualmente saturadas.

E falando da saturación das UCIs por COVID-19, un exemplo hipotético e representativo: non é o mesmo unha saturación do 50% de (en Madrid) 1408 camas de UCI, o que deixaría unhas 704 camas baleiras para outras patoloxías e accidentes, que o 50% (Melilla) de 16 camas de UCI. Si, as poboacións de Madrid (máis de 6 millóns de habitantes) e Melilla (uns 85.000 habitantes) son moi diferentes. Pero e se hai una explosión como a mencionada e son necesarias de forma urxente 10 ou 15, ou 50, camas de UCI, o que pode ocorrer en calquera parte? Non vou insistir nas medidas de distanciamento social coas que todos podemos contribuir á prevención da pandemia, consciente da sobrecarga psicolóxica e do impacto económico que conlevan, sobre todo tras un ano de pandemia.

E por iso cómpre necesario rematar cunha mensaxe de esperanza real, para todos: as vacinas, das que seguirei a falar no meu seguinte artigo. 

  • Javier López Moríñigo, coruñés na diáspora. Médico-Psiquiatra formado na USC. Doutor en Medicina polo King’s College London (Reino Unido). Na actualidade, Investigador Principal na Universidade Autónoma de Madrid e Médico-Psiquiatra no Hospital Universitario Fundación Jiménez Díaz (Madrid).

     

 

Outros artigos de Javier López Moríñigo en QPC

Comentarios