Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Primeiro de maio, a traballar

Fisterra-Corme Xuvenil en Ara Solis-Foto-Fin Lema
O Corme Xuvenil ten un partido importante-Foto-Fin Lema
Primeiro de maio, a traballar

​O primeiro de maio é a festa da clase traballadora, e os operarios costeiros do silbato festexarán esta data cunha xornada intensa e con moitos polos de atención na que boa parte das miradas se dirixirán a Carballo.

Na capital de Bergantiños vivirase o último partido da previa da Copa da Costa, o que enfrontará, a partir das 17.00 horas, nas Pedreiras, a San Lorenzo e Soneira. Dirixirá o duelo David Castreje, auxiliado nas bandas por Óscar Rey e Breogán Rey.

E nas Eiroas haberá unha xornada tremendamente cargada, na que competirán os mellores equipos do Bergantiños (os que se encadran na Liga Galega Xuvenil, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete, Liga Galega Infantil e Segunda Feminina), ademais de algún encontro de fútbol base.

Especialmente trascendente será o encontro que se disputará a partir das 19.15 horas (Alberto Baña, Juan Marcos Ríos e Iván Vilanova) e que enfrontará, na Liga Galega Xuvenil, a Bergantiños e O Val. Ambos equipos están separados por só dous puntos (a favor dos visitantes) e dispútanse, neste duelo directo e ás portas da fin da temporada, a segunda praza, ou o que é o mesmo, o ascenso de categoría.

Na matinal destaca tamén o partido da División de Honra Cadete entre Bergantiños e Deportivo da Coruña (12.00 horas, Bruno Méndez, Carlos Señarís e Lucas Vicente). Os carballeses conseguiron saír dos postos de descenso despois dunha complicada temporada, e incluso a vitoria desta fin de semana lles deu unha marxe de catro puntos sobre o descenso, pero é obvio que os visitantes son o peor rival imaxinable a estas alturas da competición, e sumar sería moi positivo para evitar sufrir nas últimas xornadas.

Tamén na xornada de mañá as rapazas do Bergantiños (12.00 horas, Luis Insua) vivirán un interesante encontro fronte ao Narón, correspondente aos cuartos de final da Copa da Coruña feminina. Despois de superar con claridade ao Portazgo na ronda anterior, reciben agora a un equipo moi complicado (as ferrolás son cuartas no seu grupo da Segunda Feminina, o mesmo que o das carballesas, ás que avantaxan en dezanove puntos). Sen embargo, na competición ligueira este duelo saldouse con empate a 1, polo que todo pode pasar.

No fútbol costeiro, o Corme pode asegurarse o subcampionato (e, polo tanto, o acceso ao play off de ascenso) da competición xuvenil. Despois de despedirse do título no enfrontamento contra Os Miúdos, recibe ao Laxe (O Cairo, 19.00 horas, Esteban Domínguez) co ánimo de pechar en positivo unha irregular temporada e clasificarse para disputar o ascenso un ano máis.

E pola mañá algo parecido acontece na categoría infantil, neste caso con un duelo directo. A falta dunha xornada, o terceiro clasificado (Xallas) recibe ao segundo (Dumbría), de quen o separan só tres puntos. O partido (San Pedro de Castriz, 11.00 horas, Óscar Santos) chega tamén despois de que os visitantes se despedisen do título no enfrontamento do sábado contra o Cee, e definirá que equipo acompañará aos da Vila da Xunqueira á fase de ascenso.

---

Todas as designacións arbitrais, como cada semana, categoría a categoría, dende os senior a todo o fútbol base, en www.futgal.es. 

Ademais, en www.futboldacosta.com tendes as competicións ligueiras e en www.copadacosta.com, as copa e as fases de ascenso.

Comentarios