Imprimir

Produtores locais e centros de ensino unen lazos para crear Ecocomedores escolares

que pasa na costa | 08 de novembro de 2019

Representantes de Centros escolares e produtores locais reuníronse en Baio a través do proxecto do GDR
Representantes de Centros escolares e produtores locais reuníronse en Baio a través do proxecto do GDR

Informar aos centros de ensino do que se fai en outras zonas en materia de comedores escolares foi o obxectivo da reunión organizada polo GDR deste pasado mércores en Baio. Arredor de 50 persoas, entre representantes dos colexios (de 11 colexios), ANPAs e produtores locais, acodiron para buscar fíos de interconexión para introducir nos comedores produtos de calidade e de temporada producidos no territorio, nun proxecto que ademais pode axudar a incentivar a economia local.

O proxecto nace a raíz dunha xornada que houbo na Picota sobre Comedores Escolares na Costa da Morte e tendo en conta tamén que cando se fixo a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa para concurrir e conseguir as axudas LEADER para este territorio comentábase que nos colexios da zona deberíanse consumir produtos de proximidade, é decir, de produtores locais. Esta reunión pode ser o primeiro paso.

Para o proceso de articulación e de creación de circuitos cortos sería necesaria unha fase previa para identificar as expectativas de todos os actores que poden e queren participar (produtores, equipo de cociña, familias, profesorado e dirección das escolas) así como ter un espazo para que todos os actores se poidan coñecer e intercambiar opinións, realidades e necesidades de todas as partes.

Para expoñer como se está levando a cabo isto na zona das Mariñas Betanzos, viñeron as seguintes persoas: Beatriz Ferreira Varela (Directora  EIM A Caracola), Miguel Fernández (Técnico do GDR de Mariñas Betanzos) e varios produtores daquela zona pertencentes a ALEGA (Asociación de Labregos Ecolóxicos de Galicia).

Asistiron representantes dos seguintes colexios: CEIP Eduardo Pondal, CEIP Labarta Pose, CEIP Os Muiños, CEIP Pino de Val, CEIP Ponte do Porto, CEIP Santa Eulalia, CEIP Vilarmide, CPA As Revoltas, CPI A Picota, CPI de Zas, EFA Fonteboa.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/costa-da-morte/produtores-locais-centros-ensino-unen-lazos-crear-ecocomedores-escolares/20191108140454114800.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA