Venres. 29.03.2024
El tiempo

Que sabemos, máis, dos Castros?

Que sabemos, máis, dos Castros?
Tito Concheiro e Xurxo Ayan nas Xornadas Castrexas de Vimianzo

Xa repasamos o que acontencía nas revolucionarias Xornadas Castrexas de Vimianzo. E non usamos ese adxectivo por que si, e o comprobamos lendo o blog dunha das figuras da arqueoloxía galega moderna, Xurxo Ayán, que no seu blog Arqueoneixón, sinala que esta actividade de divulgación e comunicación supón un punto de inflexión no modelo de encontros arqueolóxicos no noso país". Aí é nada.

E dá varias razóns, como que a franxa de idade (entre 27 e 45 anos) é moito máis baixa que "os típicos congresos xerárquicos"; como "a naturalidade coa que se asume a interdiscipinariedade"; ou a superación dos tradicionais enfoques academicistas sempre cun certo ton de autocrítica. Isto é, o "compromiso tácito coa arqueoloxía Pública".

Hoxe, ademais de dar constancia do calado destas xornadas, queremos repasar os contidos que os case 20 poñentes, chegados de todas partes de Galicia e norte de portugal, puxeron enriba da mesa, e o facemos nome a nome, título a título, repasando as pautas nas que se basaron as conferencias.

Publico nas Xornadas Castrexas de Vimianzo

"Arqueoloxía en Vimianzo: o Castro das Barreiras"

O Castro das Barreiras de Ogas, en Cambeda, sempre foi considerado un asentamento atípico, sobre todo pola súa situación, no fondo do val de Vimianzo, un tipo de emprazamento chan que o afasta dos modelos máis frecuentes para os poboados da Idade do Ferro. Nesta comunicación descríbense os traballos de escavación e posta en valor desenvolvidos entre os anos 2009 e 2011 e os excelentes resultados obtidos, así como se fai unha proposta do seu colosal valor como recurso cultural e turístico.

  • Ángel Concheiro Coello (Arquestudio S.L.)

"Gallaecia para o mundo. Os contactos exteriores dos castrexos"

A Idade do Ferro no Noroeste peninsular só se pode entender se temos en conta o carácter de encrucillada da rexión, entre o mundo atlántico e o mediterráneo. Recentes investigacións deixan fóra de toda dúbida que a partir do século V a.C. Gallaecia estaba en contacto directo e regular con sociedades máis ou menos afastadas. Estes contactos definiron as sociedades castrexas e contribuíron a darlles o seu carácter cultural único dentro da Protohistoria europea. Especialmente interesante é a constatación de poboacións foráneas vivindo nos castros galegos. Nesta comunicación falaremos das xentes e as cousas que chegaron ao Noroeste, do que buscaban por aquí e cómo se relacionaron cos indíxenas.

  • Alfredo González Ruibal (Instituto de Ciencias do Patrimonio, Consello Superior de Investigacións Científicas) e Rafael Rodríguez (Deputación de Pontevedra).

Transformacións na paisaxe na Idade do Ferro: a pegada da Cultura Castrexa

Nesta comunicación abordaranse os cambios ambientais no NW da Península Ibérica na Idade do Ferro. Os principais motores dos cambios na paisaxe foron as variacións climáticas e a actividade humana, así coma a conexión entre ambos. Os estudos sobre reconstrución paleoambiental realízanse usando diferentes tipos de arquivos naturais e antrópicos (turbeiras, solos coluviais, formacións sedimentarias, sedimentos lacustres, etc.) e dende un variado número de disciplinas das Ciencias da Terra (xeomorfoloxía, edafoloxía, palinoloxía, xeoquímica, arqueoloxía, prehistoria, etc). Nesta charla mostraremos a información paleombiental que se pode obter a partir da evolución xeomorfolóxica das formacións superficiais, centrándonos na información que achegan Idade do Ferro.

Os trazos sedimentarios e xeoquímicos confirman que existiron fases de erosión/sedimentación, ligadas a fases de inestabilidade na paisaxe, controladas pola interacción entre clima e actividade do ser humano. As modificacións antrópicas, convértense nunha importante forza motriz, que provoca unha evolución xeomorfolóxica dominada pola inestabilidade das ladeiras, que se acentúa dende mediados do Holoceno. Carbóns, niveis de queima, e a natureza aromática da materia orgánica apuntan a recorrentes episodios de lume, que ante axentes atmosféricos adversos, aceleran a erosión e o transporte dos solos. O uso recorrente do lume, ten efecto inmediato na modificación da cuberta vexetal e na aceleración da erosión, provocando cambios xeomorfolóxicos na paisaxe. Así, o resultado directo destas prácticas é a redistribución do recurso solo, acumulándose preferentemente o material erosionado, nos fondos de cavorco e depresións, fronte a unhas ladeiras e cumios, que son desprovistos paulatinamente do solo, favorecendo que a rocha se exhume e apareza dominando as partes altas e medias das ladeiras. Moitos destes eventos erosivos son recoñecidos de forma global, e pódense asimilar con fases ou eventos climáticos puntuais, mentres que outros reflicten que as condicións locais xogaron un importante papel como elemento diferenciador e configurador dunha paisaxe na que estaban integrados os Castros.

  • Manuela Costa Casais (Instituto de Ciencias do Patrimonio, Consello Superior de Investigacións Científicas)

Arqueobotánica e arqueoloxía: a explotación dos recursos forestais polas comunidades da Idade do Ferro no Noroeste peninsular

A arqueobotánica permítenos realizar unha aproximación arqueolóxica á produción de combustibles e manufacturas en madeira polas comunidades da Idade do Ferro no noroeste peninsular. A revisión da información achegada polas análises xilo-antracolóxicas en xacementos deste período cronocultural neste ámbito xeográfico permítenos aproximarnos a diferentes aspectos da vida cotiá -xestión dos recursos forestais, produción de combustibles e manufacturas- e ao territorio explotado por estas comunidades.

  • María Martín-Seijo (GEPN-Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico. Universidade de Santiago de Compostela)

Mariscada a la antigua

Un dos elementos máis característicos dos castros costeiros do Noroeste son os concheiros, pousos de cunchas. Estes son froito do marisqueo e do consumo de moluscos por parte destas comunidades da Idade do Ferro. Os romanos cambiarán esta explotación, dándolle un carácter máis comercial e elitista. Pescando entre castreños

  • Víctor Bejega García (Universidade de León)

Ao longo da Idade do Ferro, os asentamentos costeiros do noroeste van desenvolver unha pesca enfocada ao autoconsumo, explotando o medio máis cercano. Coa chegada de pobos mediterráneos potenciarase a actividade pesqueira, chegando en época romana á aparición de “auténticas industrias conserveiras”.

  • Eduardo González Gómez de Agüero (Universidade de León)

Como se construían os castros?

Os castros semellan asentamentos sinxelos e moi funcionais. Lonxe desta idea, as últimas escavacións en xacementos fortificados da Idade do Ferro revelan unha gran sofisticación da arquitectura defensiva e doméstica. Unha serie de escavacións recentes en castros galegos, veñen a demostrar que os poboados da Idade do Ferro do Noroeste eran complicadas estruturas arquitectónicas, nas que o carácter monumental de murallas, accesos e casas reflicten unha sociedade moi complexa e avanzada, incluso moito antes da integración plena de Galicia no mundo romano.

  • Yolanda Álvarez González, Luís F. López González e Miguel A. López Marcos (TerraArqueos S.L.)

Do obradoiro ó corpo: produción metalúrxica e expresións de poder nos castros do Noroeste

Esta contribución explora o papel do metal como expresión de poder na Idade do Ferro do Noroeste a partir de dúas perspectivas complementarias: por un lado, a produción metalúrxica e a figura do artesán metalúrxico; por outro, os metais vinculados a tres esferas interconectadas como son a guerra, a ostentación de adornos persoais e o sacrificio-banquete. Os resultados presentados son froito dun proxecto de investigación financiado polo Plan Xeral de I+D da Xunta de Galicia.

  • Xosé Lois Armada Pita (Instituto de Ciencias do Patrimonio, Consello Superior de Investigacións Científicas)

O estaño dos Ártabros

As zonas de Bergantiños e a Mariña Coruñesa son ricas en minerais, unha riqueza coñecida dende a Prehistoria. Un destes minerais foi o estaño, un mineral explotado, exportado e moi cobizado, orixe da gran lenda das Cassiterides, tan grande como a da Atlántida.

  • Mónica Montero Borrazás (Arqueóloga).

Cultura(s) Castrexa(s) ou grupos castreños da Idade do Ferro?

O decimonónico paradigma histórico-cultural aínda segue sendo o discurso hexemónico en Arqueoloxía. Por iso non é estraño que tanto nos estudos universitarios, nos libros de texto da educación primaria e secundaria, como a nivel popular, os castros e os celtas sigan estando asociados a unha "cultura castrexa" vinculada ao Noroeste da Península Ibérica. É hora de superar esta forma de pensar o pasado, pois está amparada polo nacionalismo, as connotacións raciais e porque ademais impide recoñecer a diversidade de grupos castrexos que se reparten por todo o norte peninsular.

  • Carlos Marín Suárez (Universidade Complutense de Madrid).

O poboamento da Idade do Ferro na zona occidental da provincia de Zamora e a súa relación coa cultura castrexa

Desde o ano 2007 o proxecto de Investigación e Difusión sobre o Patrimonio Arqueolóxico Protohistórico da provincia de Zamora (P.I.D.P.A.D.Z.), vén desenvolvendo unha serie de escavacións e prospeccións arqueolóxicas na zona occidental da provincia de Zamora, con novas metodoloxías de traballo. O noso proxecto buscou en todo momento manter un contacto constante coa sociedade, co obxectivo de transmitirlle os resultados das nosas investigacións, así como de conciencialos sobre o rico patrimonio arqueolóxico que posúe a provincia de Zamora e os beneficios deste sobre a sociedade.

  • José Carlos Sastre Blanco (Universidad de Granda, Asociación Científico - Cultural Zamoraprotohistorica) e Óscar Rodríguez Monterrubio (U.N.E.D., Asociación Científico - Cultural Zamoraprotohistorica).

A especificidade da transição entre a Idade do Ferro e a Época Romana no Alto Trás-os-Montes Ocidental, Norte de Portugal

Pretendemos com este trabalho discutir acerca da especificidade da transição entre a Idade do Ferro e a Época Romana no Alto Trás-os-Montes Ocidental (Norte de Portugal) no contexto do Noroeste Peninsular. Para tal, apresentaremos alguns casos de estudo que temos em curso e que reforçam a ideia da variabilidade de contextos e de experiências da chamada "cultura castreja" do Noroeste Peninsular. Partiremos das formas de construção da paisagem e dos padrões de povoamento, para nos centrarmos depois nas atividades produtivas e respetivas dinâmicas socio-políticas.

  • João Fonte (Instituto de Ciencias do Patrimonio, Consello Superior de Investigacións Científicas)

Abre la muralla: castros, públicos e comunidades locais

Os castros seguen sendo espazos sociais vivos e referentes identitarios para as comunidades locais do noso país. Esta dimensión simbólica dos poboados fortificados no presente non sempre foi tida en conta pola Arqueoloxía científica, máis preocupada polas estratigrafías e os fósiles directores, nin pola Administración, ocupada en solventar expedientes e deseñar estratexias de posta en valor de bens patrimoniais. Neste senso, a investigación sobre o mundo dos castros foi unha Arqueoloxía emparapetada que, por unha banda, priorizou sempre o estudo intramuros da Idade do Ferro e, por outra banda, ergueu novos muros que invisibilizaron as escavacións arqueolóxicas e o coñecemento xerado pola propia investigación. A nosa comunicación pretende amosar un modelo diferente de xestión, propio dunha Arqueoloxía pública, a partir das experiencias acumuladas polo noso equipo de traballo no proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón (Boiro, A Coruña) (2003-2008), o proxecto de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) (2000-2010) e o proxecto arqueolóxico Pousadas do Salnés (Sanxenxo, Pontevedra)(2010), este último en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

  • Xurxo M. Ayán Vila Fonte (Instituto de Ciencias do Patrimonio, Consello Superior de Investigacións Científicas)

Iniciativas de dinamización do Xacemento romano de Cambre. As Xornadas Castrexas

Unha das liñas fundamentais da posta en valor do Xacemento romano de Cambre foi, desde o principio, a divulgación da realidade arqueolóxica local. Centrámonos no mundo castrexo pola atracción que exerce e por ser unha realidade presente na vida imaxinaria dos veciños e veciñas. A intención última, foi e é, a recuperación do Castro de Cambre, que completaría un círculo paradigmático: castro-xacemento romano-xacemento medieval.

  • Ramón Boga Moscoso (Responsable do Museo Romano de Cambre)

A Idade do Ferro no século XXI. Atividades de extensão cultural em Briteiros

Gonçalo Cruz nas Xornadas Castrexas de Vimianzo

Serão apresentadas, nesta comunicação, diferentes configurações da transmissão de conhecimentos relativos ao passado proto-histórico, no âmbito da fruição cultural da Citânia de Briteiros (Guimarães, Portugal) enquanto monumento no século XXI. As diferentes atividades realizadas no âmbito do serviço educativo da Sociedade Martins Sarmento e a interação com a população local, são duas vertentes a discutir, no contexto da utilização de um monumento arqueológico que pretendemos, duplamente, usufruir e preservar.

  • Gonçalo Cruz (Sociedade Martins Sarmento, Guimarães, Portugal)

O coñecemento construído: web 2.0, redes sociais e memoria cultural

Manuel Gago nas Xornadas Castrexas de Vimianzo

O acceso masivo á Internet de amplas capas da sociedade están a redefinir o modo no que accedemos ao coñecemento sobre o patrimonio cultural, pero o novo papel do usuario como prescritor e transmisor introduce novas condicións sobre a creación do coñecemento e a súa xestión. Este relatorio explora as posibilidades das novas aplicacións e tecnoloxías da Internet de segunda e terceira xeración e as súas consecuencias no traballo e nas accións dos científicos, técnicos, afeccionados e público, tanto na difusión como na construción do coñecemento.

  • Manuel Gago Mariño (Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela / Consello da Cultura Galega)

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios