Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A Xunta paraliza todas as competicións autonómicas

A Xunta paraliza todas as competicións autonómicas

Como avisara o Conselleiro de Sanidade na rolda de prensa de onte, a Xunta vén de determinar a suspensión de todas as competicións deportivas federadas para paliar o avance do covid.

Unha decisión que provoca a suspensión das categorías do Fútbol galego que estaban a piques de comezar este 31 de xaneiro. A Preferente, na que compiten SD Sofán e Xallas FC, tiña, de feito, o sorteo do calendario este vindeiro luns, que queda suspendido. As Ligas Autonómicas de Base, con 3 equipos do Dumbría CF en competición, tamén queda paralizada. Non sofren a paralización as competicións nacionais como a 3ª División (co Fisterra SD en marcha), que seguen en marcha.

A partir das 00.00 horas do xoves as competicións federadas de nivel autonómico quedan suspendidas, mentres que os adestramentos só estarán permitidos a nivel individual ou cun máximo de catro persoas. En todos os casos, estes deberán adaptarse ao peche perimetral de cada localidade e ao toque de queda ás 22 horas. 

Así o anuncia a Real Federación Galega de Fútbol despois da reunión mantida esta pasada tarde de martes entre a Secretaría Xeral para o Deporte con todas as Federacións Deportivas Galegas.

A RFGF recoñece que "continuará colaborando estreitamente coas autoridades sanitarias na loita contra o Covid-19 e asumirá e executará todas as medidas que adopten en cada momento as autoridades competentes". "A RFGF ten moi claro que o máis importante é a saúde e seguirá loitando e traballando a carón de todos os clubs para que o fútbol poida regresar canto antes", sinala nun comunicado.

Comentarios