Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Quilmas segue loitando polo consumo responsable cun novo Mercado Ecolóxico e unha limpeza de ríos

Quilmas segue loitando polo consumo responsable cun novo Mercado Ecolóxico e unha limpeza de ríos

7 mercados ecolóxicos para 7 meses. Esa era a proposta que fai a Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa para este curso. E esta fin de semana xa toca a 3ª edición deste fantástico Mercado Ecolóxico-Tradicional "pola defensa da terra". Unha proposta necesaria para incidir na importancia do consumo responsable na nosa sociedade globalizada, facendo especial fincapé no produto local.
Así, a vila carnotá de Quilmas acollerá a cita este sábado 1 de outubro. Alí estarán os responsables da Croa do Castro, a nova horta ecolóxica posta en marcha dende Cerqueda, que visitaremos en breve.

Pero non quedan aí as citas medioambientais da fin de semana, pois o domingo 2 de outubro, realizarase en Carnota a IV Limpeza Simultánea de Ríos, actividade realizada ao longo de todo o pais, de gran interese a concienciación cidadá cara o voluntariado medioambiental. Ademais, o percorrido escollido nun tramo do río Vadebois, é de gran beleza e merece a pena coñecelo.

Programa do Mercado Ecolóxico de Quilmas

O sábado 1 de outubro, o centro de Quilmas acollerá o Mercado ecolóxico tradicional de hortalizas, mel, alimentación ecolóxica e artesanía de proximidade. Estará aberto dende as 10:00h da mañá ata a tardiña, con parada para o xantar.
Ademais haberá degustación de diferentes variedades de tomate e mel, e Música animosa durante todo o día.

Tamén haberá diferentes postos informativos de asociacións que defenden o territorio, promoven a biodiversidade e fomentan o consumo responsable. A Barra da Raínha Lupa traerá produtos biolóxicos e naturais. E terase a posibilidade de facer o xantar na feira xa que haberá un pulpeiro e diversos postos con empanadas, e outros produtos caseiros....

IV Limpeza Simultánea de Ríos

O domingo 2 de outubro, dende as 10:30h partirá a expedición de limpeza de ríos. A saída será dende Quilmas para realizar a limpeza dun tramo do río de Vadebois, a actividade terá unha duración de 2 horas aproximadamente.

Esta actividade voluntaria realizarase de xeito simultáneo en 31 concellos galegos e está organizada polo PROXECTO RÍOS que leva anos facendo educación ambiental e formando a grupos de persoas que custodian os ríos e fan seguimentos periódicos do seu estado vital.

Esta xornada rematará na Lagoa de Caldebarcos onde, conmemorando o día mundial das aves, realizarase un avistamento de paxaros nesta marisma.

Desta volta, a entidade coordinadora en Carnota é ADEGA Costa da Morte e, para acudir, precísase de facer unha inscrición previa través dunha chamada ao 697.364.124.
Recoméndase levar botas de auga, luvas e prismáticos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa.

Comentarios