Recunchos da Costa: Os Muíños da Ribeira
Tamén coñecidos como Muíños de Ardeleiro, son unha xoia da parroquia malpica de Cerqueda. Xusto na desembocadora do rego dos Muíños, que ademais forma unha fermosa enseada, 5 muíños, perfectamente restaurados, deixan unha imaxe absolutamente singular.
Curiosos son tamén os nomes cos que se coñecen os muíños. Dende o interior imos atopando o Muíño do Pirillete ou de Andrade, o Muíño do Tecedén, o Muíño de Novo, o Muíño de Mandián e, o último, o Muíño de Varela ou de Lopes.
A cruz de pedra que está no alto lembra o naufraxio da lancha “David”, acontecido o 8 de xullo de 1899 no que, segundo Xelucho Abella, afogaron o patrón e os seus tres fillos.
Ademais da visita ao lugar, que permite baixar ata practicamente o mar, gabeando polas rochas e vendo como se derivaban os regos con construcións de pedra moi integradas na paisaxe, podemos completar a xornada cunha andaina.
Pola zona pasa a Ruta dos Pinos, que une Razo con Malpica, e que serve de previa para o Camiño dos Faros.
Vistas da escarpada costa coruñesa dende o lugar
Como chegar
Dende a estrada AC-414, que une Buño e Malpica, ao pasarmos unha fábrica de cerámica, hai un desvío sinalizado á dereita. Cómpre atravesar a aldea de Ardeleiro (que ten varias casas rurais) e coller outro desvío á esquerda onde comeza unha pista de terra. Cómpre seguir tirando cara as esquerdas ata chegar ao mirador.
Outros RECUNCHOS DA COSTA
- A área fluvial de Verdes.
- O Pozo da Orca.
- Praia fluvial de Carreira.
- As casetas da Feira na A Ponte Olveira.
- O Pozo Encantado de Salgueiros.
- O Fuso da Moura
- Pedrafita do Marco da Anta ou Menhir de Erboedo.
- A Ponte do Peón de San Crimezo do Ézaro.
- Cabo Roncudo.
- A ponte da Pontenova.
- A Furna do Osmo.
- Mirador de Louredo.
- A área recreativa de Gabenlle.
- O Cabo, e Faro, Vilán.
- As praias de Reira e o foxo do lobo.
- O Cemiterio dos Ingleses.
- As praias do Trece e a Duna Monte Branco.
- O hórreo de Carnota.
- O hórreo de Lira.
- A Fervenza de Noveira.
- O Casco Vello de Corcubión.
- Os petroglifos de Boallo.
- A ruta do Muíño de Louredo.