Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Recuperan un vello Belén da Guerra Civil na Ponte do Porto

Belen da Guerra Civil recuperado na Ponte do Porto
Recuperan un vello Belén da Guerra Civil na Ponte do Porto


Un vello belén de 40 figuras nunha caixa de madeira das que traían coñac desde Vigo nos antigos pataches pola ría de Camariñas arriba levaba máis de medio século escondido no desván dun falecido sacristán de Ponte do Porto. Aínda que podería tratarse dun conto de Nadal o certo é que este pesebre tradicional de arcilla pintada é un pedazo da nosa historia. Trátase dun belén trasladado o 20 de xullo de 1936 da casa rectoral que fora ocupada polo Sindicato de Oficios Varios de Ponte do Porto fundado en 1932 e dependente da CNT anarquista. A rectoral foi convertida en casa do pobo desde o 18 de xullo ata o 27, en pleno golpe de Estado contra a República. Nese traslado, pese a facerse con coidado e sen violencia, algunhas figuras rompéronse e de feito o belén non volveu ver a luz desde entón, ata que unha obra no teito do desván localizou esa caixa acolchada de palla coas figuras que foron unhas vítimas indirectas e involuntarias da guerra civil. Agora poden verse no local social do colectivo PX, en cuxa biblioteca gardar tamén a memoria sindical e social da República en Ponte do Porto, con fotos e documentos aportados polos seus protagonistas. Na asociación por agora non queren restaurar as figuras rotas pois entenden que o seu actual estado é unha mensaxe sobre unha etapa triste da nosa historia e unha desculpa para saber un pouco máis sobre aquela época que tanto marcou o devir do país.

Os sindicalistas de Ponte do Porto ao decatarse do golpe de estado crearon un CDR Comité en Defensa da República, que mantivo o control político do municipio durante nove días, pero para salvar a democracia española e o goberno lexítimo, pese a que posteriormente moitos foron apresados e condenados por rebelión. O comité incautou da rectoral e facía requisas polos pobos próximos. O cura párroco, Juan Bautista Boo Romeu, foi increpado por dous anarquistas, un deles quixo arroxalo pola fiestra; aínda que tamén foi defendido por outros veciños, sobre todo dun grupo de mulleres encabezadas por Trina Figueiras. O comité mandou ao cura a hospedarse nunha fonda, en fronte á casa parroquial. Na rectoral foi colocado un letreiro: Casa do Pobo, e a bandeira comunista. Dous obreiros intentan facerse con varios sacos do desván e coa librería, tamén con maíz e galiñas, pero os directivos do SOV que presidía Rogelio Mazaeda, protexen ao cura e aos seus bens. Ademais os sindicalistas axudaron ao cura a recoller os seus pertenencias, mobles, e o que estimase de valor, pagando 40 pesetas aos encargados do carro que os levou á pensión. Neste tránsito a caixa do belén artesano non tivo sorte.

Comentarios