Venres. 29.03.2024
El tiempo
Marisol Soneira
09:54
05/04/19

Recuperar o mundo rural: Sobran palabras e faltan políticas

Recuperar o mundo rural: Sobran palabras e faltan políticas

Parece ser que o que non se visualiza nunha grande manifestación en Madrid non existe. Pasou coa mobilización das mulleres no 8 de marzo do ano pasado, e pasou este fin de semana pola manifestación do mundo rural para poñer de manifesto o abandono de décadas do mundo rural. 

En Galicia son moitas as medidas que, presuntamente, se teñen tomado para dinamizar o mundo rural. Pero parece que non teñen tido moito éxito si temos que fiarnos dos datos estatísticos. Hoxe Galicia é das zonas con menos taxa de fertilidade de todo o mundo e hai concellos rurais onde a media de idade supera os 55 anos.  Con eses datos non é de sorprender que oito de cada dez aldeas abandonadas en España, sexan galegas. 

Esta situación non é casual. Durante décadas vivimos obsesionados con acadar taxas de actividade no sector primario homologables ás europeas, e así fixemos todo o posible por ir eliminando explotacións agrarias sen caer na conta que, en torno a elas, desenvólvese un número importante de microempresas de servicios que son esenciais para que haxa vida e actividade. E ben fácil de entender que non é o mesmo producir un millón de litros de leite nunha única explotación que entre 10, aínda que sesudos economistas afirmen o contrario de acordo coas súas ortodoxas teorías. E posiblemente sexa así se non se ten en conta os danos colaterais: demografía negativa, abandono de terras, incendios, etc.

Pero tampouco acertamos co conxunto de medidas deseñadas para “modernizar” ese tan esquecido mundo rural. Temos deseñado un modelo educativo que secuestra aos nenos pola mañá cedo e non os devolve a súa casa ate a noite. Edúcanse en centros urbanos onde case non hai referencias ao mundo rural. Non hai nenos nas aldeas en aras a un suposto aforro e unha maior calidade educativa, pero Galicia gasta en transporte público educativo case a metade do que gasta o conxunto do Estado.  Podemos falar tamén do obsoleto e carente de contacto coa realidade da oferta educativa onde poucas materias, por non dicir ningunha, teñen relación coa actividade agraria.

E logo está a nova moda seudoecoloxista que pretende que as leiras sexan parques naturais e que os “paisanos” as protexan -gratis total- para que os urbanita as desfruten cada fin de semana. E que non cheiren a xurro, por Deus!, que iso é moi feo. Como a un empresario agrícola se lle pase pola cachola plantar eucaliptos no seu monte caerán sobre el tódalas críticas habidas e por haber. Curiosamente o eucalipto é un dos poucos cultivos rendibles dos que dispón agora mesmo. Iso si, a ninguén se lle ocorre renunciar no seu confortable entorno urbano a iniciativas empresariais que fan a renda dun habitante de Coruña ou Arteixo multiplique por cen a dun habitante de Mazaricos: refinerías, cementeiras, industrias químicas diversas, etc, etc. Suponse que ningunha delas afecta negativamente ao medio ambiente pero, iso si, ninguén se queixa porque estas empresas reciban cuantiosas subvencións por facer o que debería  ser inherente á actividade: solucionar os problemas de contaminación que xeran. Aínda hoxe hai toneladas de lodos tóxicos na ría do Burgo imposibles de eliminar. Pero a un habitante do rural que non se lle ocurra sementar eucaliptos!

E que dicir do urbanismo? Si un arquitecto famoso deseña cemiterios de formigón á vista, é unha obra de arte. Si un habitante do rural utiliza formigón á vista para rehabilitar unha eira é feísmo. 

Podemos seguir así ate o infinito: o minifundismo, as herdades abandonadas pola emigración histórica, os montes veciñais en man común convertidos en selvas, o abandono do monte, a forestación de terras agrarias, a carencia de servicios básicos, a falta de infraestruturas.... E aínda nos preguntamos porqué o mundo rural está morrendo.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

 

Outros Artigos de Marisol Soneira

Comentarios