Imprimir

A Rede de Museos Atlánticos REMA segue medrando dende a Fábrica de Sel

que pasa na costa | 16 de maio de 2019

Reunión na Fábrica de Sel de Muros da Rede de Espazos Museísticos do Atlántico REMA
Reunión na Fábrica de Sel de Muros da Rede de Espazos Museísticos do Atlántico REMA

A Fábrica de Sel de Muros acolleu este pasado mércores unha nova xuntanza da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos, REMA. Unha Rede da que precisamente forma parte a propia Fábrica, ademais do tamén muradán Museo do Pozo de Cachón, o Museo do Mar de Laxe, o Ecomuseo do Forno do Forte de Malpica, o Museo da Pesca de Fisterra e o Museo de Man de Camelle.

Unha Asemblea para aprobar a incorporación de catro novos membros, como son o Museo ANFACO da Industria Conserveira, o Museo de Historia Natural de Ferrol, o Museo Mares de Cedeira e a Torre de Hércules. Con estas novas incorporacións, REMA conta con quince espazos en Galicia e un centro portugués: o Museu Marítimo de Ílhavo.

Ademais, a entidade anunciou que o novo prazo de recepción de solicitudes de adhesión manterase aberto ata o vindeiro 30 de xuño.

REMA

A rede REMA forma parte de Morada Atlántica, un proxecto de cooperación interterritorial e transnacional cuxa primeira fase foi promovida polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro Costa da Morte e Costa Sostible. A segunda fase achegouse ao resto de Galicia ao contar co apoio dos GALP restantes, axudando así a fortalecer os lazos de unión entre estes espazos divulgativos e potenciar o intercambio de coñecemento entre os mesmos.
O proxecto Morada Atlántica foi aprobado pola Consellería do Mar e está financiado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Novas relacionadas

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/muros/rede-museos-atlanticos-rema/20190516101339109752.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA