Martes. 19.03.2024
El tiempo
Luís Lamela
12:27
08/07/19

Reflexións sobre un presente político

Reflexións sobre un presente político

En todo o territorio do Partido Xudicial de Corcubión, núcleo central da Costa da Morte, hai actualmente alcaldes socialistas -coa única excepción do concello de Zas, militante do BNG-. E nesta conxuntura cremos que debería nacer un tempo novo para ese deprimido espazo xeográfico e social que chamamos comarcas de Fisterra e Soneira. Se a isto sumamos que o Goberno central e a Deputación provincial están en mans do mesmo partido político, e que existe a posibilidade a medio prazo de que poidan conseguir tamén a gobernanza da Xunta de Galicia, os próximos catro anos poderían ser os das oportunidades para este “finisterrae” galego, abríndose todo un universo de posibilidades.

Agora que as posibilidades e os camiños están moi abertos, é hora, pois, de prepararnos para axuntar esforzos e acometer solucións, pero a prudencia dime que non debemos botar as campás ao aire. A realidade da nosa política comarcal é que nesta nova fornada de alcaldes do Partido Socialista aínda non existen perfís de políticos experimentados nin sólidos e polo momento moitos dos elixidos nas urnas carecen dun liderado maduro e quizais da visión necesario para capitanear a nivel comarcal -se exceptuamos a José Manuel Pequeño, de Dumbría, o referente máis sólido pero quizais os anos temperaron a súa inicial vitalidade reivindicativa, facéndolle máis pragmático-, esta nova onda que nos parece traer o vento a favor. Con todo, José Manuel Pequeño, e desde a súa representación na Deputación Provincial aínda pode ser a argamasa que una os esforzos para o obxectivo de mellorar as comarcas de Fisterra e Soneira.

Nada sabemos da capacidade dos novos mandatarios, pero con seguridade que estarán máis ocupados “ao seu”, e refírome aos problemas dos seus respectivos municipios e veciños, os chamados problemas “domésticos”, pelexando coa oposición e ás veces ao contraxeito, tratando de xestionar a súa parcela local máis que en achegar esforzo en beneficio dos retos a nivel das dúas comarcas. Quizais, senón todos, algúns dos alcaldes sexan xente cun potencial extraordinario, valiosas pezas para armar un crebacabezas, ou que poidan ser o mascarón de proa comarcal que arme á súa vez unha eficiente unión ou agrupación de vontades para reivindicar proxectos conxuntos, ao carecer de deputados nacionais que nos axuden, representen ou medien ante os poderes do Estado. Pero, lamentablemente non podemos deixar de temer que todo termine nunha oportunidade perdida, que esta xeografía extrema do Fisterra siga baleirándose de mozos e de oportunidades de traballo.

Para evitalo é imprescindible unir forzas, sumar vontades e pasar á acción para non construír un futuro de area. Pero, non sei, non sei…

  • Luís Lamela. Historiador e escritor corcubionés, un activo da recuperación da memoria histórica da Costa da Morte.

Outros artigos de Luís Lamela

Serie “Galicia escura, Fisterra viva”