Martes. 16.04.2024
El tiempo

Reflexións sobre o incencio do Santuario da Barca de Muxía

Reflexións sobre o incencio do Santuario da Barca de Muxía
A Pedra de Abalar e o santuario da Barca- Foto XM Lema Non cabe dúbida de que o incendio do santuario da Virxe da Barca de Muxía na Noiteboa pasada, é unha catástrofe moral e material para Muxía e para toda a Costa da Morte. Tamén para Galicia, como xa expresei nun breve artigo publicado na edición de Carballo de La Voz de Galicia (26-12-2013). Seica a causa foi un raio nun transformador cercano. Non hai que poñelo en dúbida, pero o certo é que, por unhas causas ou por outras, o rico patrimonio artístico e documental galego que está en mans da Igrexa católica está sufrindo serios danos por fas ou por nefas. Hai menos dun ano desaparecían da igrexa de San Simón de Nande todas as imaxes do retablo lateral de san Roque, que eu datara n’A Arte Relixiosa na Terra de Soneira (1993; tomo III, p. 343) no primeiro terzo do séc. XVIII, contra 1720, na mesma época dos retablos da Barca, casualmente. As figuriñas roubadas (un san Roque, unha Inmaculada, un san Xosé, un san Gregorio...) eran das mellores tallas barrocas de todo o arciprestado de Soneira. Seguramente andarán agora por tendas clandestinas de anticuarios sen escrúpulos.

Os frecuentes roubos nas igrexas

Retablo de san Roque de Nande-Foto XM Lema Os roubos nas igrexas, sobre todo nas rurais, continuaron sen que un teña noticia de que, sobre todo por parte do Arcebispado compostelán, se tomasen medidas para evitalos. Polo menos habería que poñer alarmas antirroubo nas igrexas, digo eu, como fai calquera particular na súa casa. O que a Igrexa aforra no IBI das súas propiedades ben podía investilo en seguridade. Xa non volvo insistir máis no inexplicable abandono das casas reitorais, que mesmo podían aproveitarse para turismo rural cunhas mínimas reformas. A ruína dalgunha destas casas levou consigo a perda de non poucos arquivos parroquiais.
E agora o incendio dun dos santuarios-símbolo de toda Galicia. Aínda que hai outros, este e o de Santo André de Teixido teño para min que son os máis populares, os que desde tempos inmemoriais lograron xuntar maior número de peregrinos. Xa se ten dito que os galegos peregrinamos máis a eles que á tumba de Santiago. A Compostela vaise en peregrinacións organizadas polos párrocos nos anos xacobeos; a Muxía e a Teixido non fai falla a intervención dos cregos, pois xa os veciños se arranxan.

¿O mellor retablo da Costa da Morte?

Santiago ante a Virxe no xa desaparecido retablo maior da Barca-Foto-XM Lema É ben certo que empezamos a calibrar o valor dun ben cando o perdemos. Xa temos falado do empeño que teñen agora moitos habitantes de Cornualles (Gran Bretaña) por recuperaren o seu vello idioma córnico, perdido hai 300 anos. Aforremos falar agora da situación do noso milenario idioma e volvamos ó suceso da Barca: quizais agora que se perderon sen remedio as valiosas obras artísticas do seu interior se empecen a valorar na súa xusta medida. (¿Ou xa non? Houbo xente que xa respirou aliviada ó saber que a imaxe orixinal da Virxe da Barca se salvara porque estaba gardada noutro lugar). O edificio seguro que non vai haber problema restauralo, pero nada se vai poder facer polo retablo maior, quizais o mellor de toda a Costa da Morte, obra do gran mestre compostelán Miguel de Romai, en 1717. Desde logo, os especialistas en historia da arte non temos noticia da intervención de ningún mestre barroco do nivel de Romai en ningún centro de culto dos arciprestados de Bergantiños, Seaia, Soneira Nemancos ou Duio. Poderase agora facer unha copia máis ou menos exacta del, pero xa non será o mesmo. Supoño que tampouco se poderán recuperar os exvotos que había pendurados das nas paredes (un cadro, tamén barroco, do pintor Domingo Uzal, representando ó conde de Frigiliana axeonllado ante a Virxe) e do teito (maquetas de barcos veleiros). A pintura-exvoto do conde de Frigiliana secXVIII situada no muro sur da nave do santuario muxian-Foto- XM Lema

Libros e documentais sobre A Barca

Nunca pensei, tampouco, que sería nunha ocasión tan funesta coma esta cando lles ía dar máis valor que nunca a dous recentes e excelentes traballos divulgativos de dous amigos e compañeiros, Xan Fernández Carrera e Manuel Vilar, os dous co mesmo título, A Romaría da Barca, o primeiro en forma de libro (do ano 2007) e o segundo un documental de 17 minutos de duración deste mesmo ano que remata, 2013 (quen o desexe pode velo desde xa na web da SEMESCOM). Ben sei que tanto un coma ou outro se basearon en boa parte en investigacións anteriores (Rivadulla Porta, Antón Castro e Eva López Añón, esta na súa tese sobre a arte moble do arciprestado de Nemancos), pero repasando estas obras podemos calibrar na súa xusta medida a importancia deste templo e do seu significado material e simbólico para Muxía, a Costa da Morte e Galicia enteira. O documental realizouno o Seminario de Estudos da Costa da Morte cunha axuda da Deputación da Coruña. Do ano 2011 tiñamos outro documental (As imaxes de Santiago nas igrexas e santuarios da Costa da Morte) no que a Barca tiña un gran protagonismo, dada a singular iconografía de Santiago do seu retablo: o Apóstolo axeonllado ós pés da Virxe, elevada esta sobre unha barca, semellante na forma á do Pilar de Zaragoza. A gravación correra a cargo dun grande especialista: Marcos Gallego, de SAGA-TV. Tamén o tiñamos en formato libro a doutora Eva López Añón e quen subscribe. SEMESCOM-DVD Romaria da Barca

Reflexións en voz alta

Só nos queda, finalmente, facer un par de reflexións: 1º) ¿Que cousas se fixeron mal para que en case trescentos anos se conservasen os retablos e imaxes do santuario sen maiores incidencias e agora, con todos os nosos avances tecnolóxicos, pasase o que pasou na Noiteboa de 2013? 2º) O presidente da Xunta anunciou que se ía restaurar o santuario custase o que custase. ¿Servirá isto para esquecer definitivamente Moraime, o histórico mosteiro bieito, xoia do románico da Costa da Morte, sen o cal seguramente nin Muxía nin o santuario da Barca existirían, polo menos coa importancia que tiveron en tempos pasados e teñen actualmente?

A Alba de Gloria dos poetas muxiáns falecidos (Gonzalo López Abente e Xervasio Paz Lestón) está de luito e sen dúbida estarán recibindo as condolencias por parte de Rosalía de Castro e Federico García Lorca, que tamén poetizaran a romaxe da Barca. Vexo tamén ó Crego Sabio, o real e o ficticio, na escena. Este último prepárase para un longo e revolucionario sermón. Os lectores de Costa do Solpor xa me entenden (por certo, os seus protagonistas tampouco teñen hoxe moi boa cara que digamos).

Portada do libro e do DVD da Semescom sobre a Imaxes de Santiago

Novas relacionadas

Máis información

Máis información

Artigos de Lema Suárez en QPC

Fonte

Comentarios