Venres. 29.03.2024
El tiempo

Refrescando a memoria do Prestige

Unha exposición e un par de “asembleas da memoria” serán as actividades principais deste proxecto comisariado por María Bella
Exposicion Burla Negra Prestige-Maria bella
Imaxe da exposición sobre o Prestige comisariada por María Bella, da man de Unha Gran Burla Negra, que se celebrará no Museo de Man
Refrescando a memoria do Prestige

Con enorme ilusión e unha marea de traballo, quere revolver na memoria daqueles negros, e brancos anos, a pensadora e produtora María Bella. Un longo proceso de inmersión nos tempos do Prestige, na zona 0, escoitando a ducias de protagonsitas para permitirnos compartir, e repasar experiencias.

Unha exposición e un par de “asembleas da memoria” serán as actividades principais deste proxecto, que terá no Museo do Man de Camelle un evidente punto de encontro. Así, a inauguración da exposición ‘Un Nunca Máis contado polas fillas de Manfred’ será o 26 de xullo ás 20:00h no museo camariñán, e a exposición estará aberta do 27 de xullo ao 29 de setembro.

A exposición está promovida pola asociación “Unha Gran Burla Negra”, entidade que herda o nome da pata cultural do #NuncaMáis, e que quere volver a poñer en circulación todo o material que recompilou a editorial "Disfusora". Algunhas desas pezas artísticas, poemas, imaxes, músicas, textos e intervencións, anónimas ou non, que desbordaron rúas e medios durante os meses nos que se estendeu a catástrofe do Prestige, forman parte desta exposición

A exposición segue un fío argumental relacionado coas catro fillas de Manfred (Lucía, Teresa, Eugenia e Rosalía) que supostamente enviaron ao Museo catro caixas cheas de documentación xerada a partir das súas investigacións ao redor do afundimento do Prestige.

O obxectivo desta mostra según a súa comisaria, María Bella, é “facer memoria, celebrar o empoderamento colectivo e a unión lograda naquela época entre persoas de diferentes lugares, e recuperar esta conciencia para aplicala no presente e imaxinar o futuro que queremos nun tempo no que a cuestión medioambiental está moi vixente”.

Asembleas da memoria

Os outros dous momentos singulares do proxecto serán as Asembleas da memoria. Citas ás que están chamadas todas aquelas persoas que viviron directamente a catástrofe, e o proceso de salvamento coa marea branca de voluntarios, así como todo aquel que queira coñecer de primeira man aos protagonistas. Serán eles os que teñan a palabra, os que se conten os uns aos outros as súas experiencias, “para que que o Prestige de cada un sexa tamén o Prestige de todos”, explica Bella.

A primeira, que terá lugar o mesmo 26 de xullo previamente á inauguración, ás 18 horas, busca reunir a diferentes persoas que viviron dun xeito ou outro as consecuencias do afundimento do petroleiro para, a través das súas testemuñas, “comprender mellor ese Nunca Máis que foi de todos e de ninguén”, explica María.

Por outra banda, o venres 23 de agosto ás 18 horas celebrarase a segunda destas asembleas, que pretende revivir a figura de Man “desviando a atención do que se di e poñendo o foco especialmente sobre a memoria das experiencias que compartiron outras persoas, veciños e veciñas da zona, con él”, comenta a comisaria.

Novas do Prestige

Os voluntarios que cambiaron a Costa

Seguemento do xuízo do Prestige

Comentarios