Venres. 29.03.2024
El tiempo

GALICIA ESCURA, FISTERRA VIVO

A represión -e paixón- dos Carabineiros da Costa da Morte

Coruña008
Castelo de San Antón, A Coruña.
A represión -e paixón- dos Carabineiros da Costa da Morte

Hai algúns anos que un fisterrán de Corcubión, Raul Gómez Coiradas, puxo nas miñas mans unha serie de documentos e un texto escrito por un dos seus fillos, entre os que se atopaba unha “Relación nominal do persoal de Carabineiros, que o 26 de xullo último” -refírese a 1936- “fuxíronse por este porto nos vapores 'Santa Eulalia' e 'Santa Rosa'”.., un documento datado en Muros o 10 de abril de 1937 e asinado polo comandante militar dos sublevados franquistas na devandita localidade. En total aparecen 36 nomes de Carabineiros fuxidos á zona republicana desde o porto de Muros, e nesa relación figuran varios dos que estaban destinados en localidades da actual comarca de Fisterra: de Corcubión son Manuel Fernández Costa, Xusto Gómez Vergés e Ricardo do Porto Prada; de Muxía é Francisco Vivane Casas; de Fisterra, José García Magdaleno; de Cee, Felipe Beira Beira...

Cando se perdeu Galicia para a Segunda República moitos dos Carabineiros -e tamén outros individuos con responsabilidades sociais, sindicais ou políticas e paisanos comprometidos na defensa do réxime republicano e fieis ao goberno lexítimo presidido por Santiago Casares Quiroga-, despois de incautarse dos barcos embarcaron nos dous vapores xa citados. Entre as dúas e as tres da madrugada do 26 de xullo de 1936 saíron de Muros en roteiro cara ao norte co obxectivo de sumar singraduras e poder chegar a terras leais ao goberno lexítimo, entrando despois de varios días en Portugalete-Biscaia. Unha vez alí toda esa xente sumouse ao exército republicano do Norte, participando durante a guerra civil nas frontes de guerra, falecendo uns en enfrontamentos armados, trasladándose outros á zona republicana ao producirse a derrota do fronte Norte; outros foron detidos polos forzas franquistas, e os menos se exiliaron en Francia ao final da contenda civil. En tanto, no mes de abril de 1937 apareceu publicada unha requisitoria xudicial en La Voz de Galicia, dos Carabineiros fuxidos. O xuíz do partido xudicial de Muros instruíu, por delegación da autoridade militar, un sumario sobre rebelión, publicando unha célula de citación.

Os Carabineiros de Corcubión

Uno destes Carabineiros que fuxiron nos vapores “Santa Rosa” e “Santa Eulalia”, foi Xusto Gómez Vergés, nacido en Beteta-Cuenca e que en xullo de 1936 estaba casado en segundas nupcias en Corcubión, localidade na que estaba destinado. E Xusto Gómez é precisamente o pai de Raúl Gómez Coiradas, o amigo e conveciño que me facilitou a documentación referenciada. En maio de 1932, a Xusto concedíanlle un premio á constancia consistente en 40 pesetas mensuais pola Dirección Xeral de Carabineiros. E cando Xusto Gómez, con 47 anos, foi detido ao caer o fronte Norte, foi trasladado a Coruña para xulgarlle acusado de auxilio á rebelión, e condenado finalmente a 15 anos de prisión, pena que cumpriu nas instalacións do castelo de San Antón, da Coruña, abríndolle tamén durante eses anos, concretamente en maio de 1940, un expediente de Responsabilidades Políticas. E cando Xusto Gómez abandonou o cárcere coruñés saíu enfermo do pulmón, con tuberculose, unha enfermidade adquirida como consecuencia das extremas condicións do seu peche e as humidades da cela na que estivo detido, local no que entraba auga no inverno polas filtracións da choiva.

Nos anos da posguerra, ao saír de presidio o ex carabineiro residiu en Corcubión traballando en pequenos encargos, “ chancas” dicíase entón, porque ao estar enfermo non lle foi posible atopar un traballo fixo. E nese difícil período mantivo e alimentou un pequeno caderno onde ía anotando certos remedios naturais para curar enfermidades. E nunha ocasión na que un dos seus fillos, Manolo, sufriu queimaduras, o ex carabineiro curoulle con herbas naturais non quedándolle sinal nin cicatriz algunha no seu corpo. Noutra ocasión fixo o mesmo cunha #medio irmán. Pero, despois de varios anos sufrindo penalidades, necesidades e os desgustos da posguerra e a represión franquista, Xusto Gómez Vergés faleceu en 1956, moi lonxe do tempo no que regresou a democracia a España.

Outro dos Carabineiros destinados en Corcubión foi Manuel Fernández Costa, casado. A este home tamén lle foi concedido en maio de 1932 pola Dirección Xeral de Carabineiros un premio á constancia de 40 pesetas mensuais. E tamén foi detido polos franquistas ao derrubarse o fronte Norte e acusado de auxilio á rebelión. Fernández Costa foi condenado a 12 anos de prisión, abríndolle igualmente no mes de maio de 1940 o correspondente expediente de Responsabilidades Políticas.

E Ricardo do Porto Prada, solteiro, tamén estaba destinado en Corcubión en xullo de 1936. Despois de fuxir loitou no fronte Norte, ascendendo en Santander o 2 de agosto de 1937 a sarxento do Corpo de Carabineiros. E tamén foi detido e procesado polos franquistas, acusado de adhesión á rebelión e condenado a cadea perpetua na Coruña, seguramente pola agravante de ser ascendido polo goberno da Segunda República española. E tamén lle abriron un expediente de Responsabilidades Políticas en maio de 1940.

Muxía, Fisterra, Cee...

Destinado en Muxía en xullo de 1936 estaba o carabineiro Francisco Viviani Casas. Por parte da Dirección Xeral de Carabineiros en maio de 1932 foille concedido un premio á constancia de 40 pesetas mensuais. E el tamén foi procesado e condenado como os anteriores, abríndolle así mesmo un expediente de Responsabilidades Políticas en maio de 1940, pasando as mesmas penas e as mesmas angustias e miserias que os seus anteriores compañeiros.

Pola súa banda, José García Magdaleno, natural de León, casado, estaba destinado en xullo de 1936 en Fisterra e foille concedida pola Dirección Xeral de Carabineiros no mes de maio de 1932 un premio á constancia por importe de 40 pesetas mensuais. E foi procesado e condenado igualmente por auxilio á rebelión a 12 anos de prisión. Tiña 49 cando foi xulgado e pasou no cárcere entre tres e catro anos, abríndolle o preceptivo expediente de Responsabilidades Políticas en maio de 1940. Doce anos despois, José García Magdaleno faleceu na vila do Santo Cristo o 13 de maio de 1952. Tiña 65 anos e deixou algunha interesante e divertida anécdota na memoria dalgúns anciáns fisterráns.

A Felipe Beira Beira, Carabineiro destinado en Cee en xullo de 1936, tamén a Dirección Xeral de Carabineiros concedeulle en xullo de 1925 un premio á constancia e outro máis en maio de 1932, con 40 pesetas mensuais adicionais. Este Carabineiro loitou na fronte de Asturias e cando foi detido foi procesado polos militares sublevados e condenado polo delito de adhesión á rebelión á cadea perpetua. Tiña entón 47 anos e foi sometido igualmente a un expediente de Responsabilidades Políticas. No ano 1948 figura nunha “Relación de libertos condicionais e confinados que residían na Coruña en decembro de 1.948” que localicei nos arquivos madrileños. E unha vez saíu de prisión, Felipe Beira residiu no barrio de Monte Alto, na Coruña, falecendo o 28 de marzo de 1953 aos 64 anos. Deixou tres fillos: Josefa, Sebastián e Manuel.

E poderiamos seguir con Romualdo Sánchez Donato, un carabineiro en Ou Pindo; ou con Pablo Díaz Sierra, que faleceu en Bilbao por mor dun “colapso cardíaco”, o que significa que foi fusilado con 49 anos; ou con... En fin, que ao saír do cárcere, que non foi igual que quedar en liberdade, expulsados do Corpo de Carabineiros, as expectativas de todos eles non foron nada halagüeñas, véndose na necesidade de nadar ao contraxeito para refacer de novo a vida, que a todos púxoselles moi costa arriba.

Estas breves recensións biográficas reflectidas, son historias de represión, persecución e cicatrices de humillación e medo, e perténcennos a todos. Hai quen di que a escritura logra que o pasado sexa algo novo, real e verdadeiro. Non o sei, pero polo menos serve para axustar contas co pasado e para xerar ecos de memoria, memoria rehabilitada en todo caso. A que con tanto interese puxo nas miñas mans o meu amigo Raúl Gómez Coiradas, falecido hai algúns anos en Fisterra. Por el facemos, pois, un pequeno reconto de inxustizas do franquismo...

Comentarios