Venres. 29.03.2024
El tiempo
José Luis Louzán
11:14
03/12/19

Retráctese Vostede

Retráctese Vostede

Na columna “Non” do 27 de Novembro afirmei que Antón Losada, o profesor da USC e tertuliano habitual na Cadena SER afirmara nunha intervención nunha tertulia radiofónica nesa emisora en Galicia hai 8 anos que a Autopista da Costa da Morte era unha obra prescindible e para nada prioritaria.

Parece ser que o Sr. Losada dou lido a tal columna e parece ser que se sentiu molesto pola crítica á súa postura. Non dá máis explicación que o seu malestar (non define si agora está ou non a favor da citada obra e pasa amplamente de respostar a ningunha das miñas peticions de aclaración) pero exise unha rectificación que, por desgraza, non vai recibir. Podo dicir, porén, que lamento o malestar do Sr. Losada, porque non lle teño arreglo. Entendo que poida molestar que a un lle digan que o que di está mal, pero iso penso e non podo máis que ser sinceiro comigo mesmo.

Digo por desgraza porque non está no meu ánimo molestar a ninguén. Non creo tampouco que cando o Sr. Losada manifestou con total tranquilidade que a Autopista da Costa da Morte se ampliaba para acadar tan só “que a viaxe a Cee desde a Coruña leve 10 minutos menos” o fixera con idea de enfrontarse con todo o territorio. Seguro que antes de dicir semellante cousa tivo o coidado de poder demostrar que o que dicía era certo. Seguro que consultou con enxeñeiros, cargos públicos e técnicos para poder manifestar con total lixeireza que unha obra de ese custe era unha mera ocurrencia, absolutamente prescindible. Porque a maneira na que di o que di, ademais do textual, amosa un nivel de desprezo similar ao amosado nas súas respostas no twitter a este servidor, que tivo a “desfachatez” de debater o comentado por vostede. O respecto que eu amoso pola súa persoa non se ve reflectido na súa maneira de expresarse, pero asumo que twitter é así. Para que molestarse.

O Sr. Losada pídeme nas redes sociais que rectifique e a este medio que faga o propio. Non vexo razón para tal cousa porque, coma ben dixen na miña columna, Sr. Losada, se facemos caso ás súas palabras, non quere que se despilfarren cartos na construción de esta infraestrutura. Non digo que lle pareza mal o Entroido de Fisterra ou que estea en contra das mariscadoras de Camariñas. Digo que manifestou, nunha tertulia radiofónica das máis escoitadas en Galicia, que a obra “non é necesaria”. Rotundo. Sen medias tintas nin dar lugar ao malentendido. Cortante. Directo.

Así que, chegados a este punto, pregunto: Vai rectificar, Sr. Losada?.

Pido desculpas, iso si, por referirme a alguén deste xeito. É probable que, oito anos despois destas declaracións, o Sr. Losada teña mudado de opinión. Tal vez descubrira, quen sabe, que o traxecto entre Cee e Coruña viviu diferentes duracións. Estas son simples inferencias que fago a partir dunha posicion de hai oito anos, e descoñezo que pensa o Sr. Losada. Pero servidor estivo a piques de morrer desangrado alo polo 81 nun traxecto que levaba case 2 horas realizar. Despois Cuiña ensinou a patiña e se abriu o primeiro tramo entre a Coruña e Carballo, que acurtaba o traxecto a unha hora e tres cuartos. Co tempo a cousa ampliouse a Paiosaco e a viaxe reduciuse outros dez minutos, e o tramo de 2017 que remata en Baio deixa a cousa en unha hora e dez. Co tramo ata Cee é probable que chegar a Coruña baixe dunha hora. Non son “so 10 minutos menos”, son 20, pero tampouco é iso. Son vidas, é seguridade, é comodidade, por suposto, pero sobre todo é dignidade. Merecemos o mesmo que teñen todos os demais, polo menos a maioría deles. E si hai que comunicar mellor a Mariña Lucense, quero ser o primeiro en pedilo. Un traxecto de hora e media entre Xove e a capital, Lugo, é infame a estas alturas da película. A min non me sobra a autovía interior da provincia de Lugo. A min non me molesta.

Todo este episodio me deixa unha reflexión. Algo debo de ter ben feito cando unha vaca sagrada do tamaño de Antón Losada se sinte ferido polas simples queixas dun “chaiñas” que escribe no QPC dende a fin do mundo coñecido. Igual debemos seguir escribindo. Igual hai que seguir dicindo, coma deixou escrito Dylan Thomas, que non debemos entrar “docilmente nesa boa noite. Enfurécete, enfurécete diante da morte da luz.”

 

OUTROS ARTIGOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

DE QUE ESTAMOS FALANDO...

 

INFORMES SOCIOECONÓMICOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

Comentarios