Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Roberto Mallo, da Cruz Vermella de Carballo:"Dende os primeiros días moita xente achegouse para ofrecerse como voluntarios"

Persoal da Cruz Vermella Terra de Soneira nun reparto de alimentos.
Persoal da Cruz Vermella da Terra de Soneira nun reparto de alimentos.
Roberto Mallo, da Cruz Vermella de Carballo:"Dende os primeiros días moita xente achegouse para ofrecerse como voluntarios"

A Cruz Vermella, tanto na Costa da Morte coma no resto de España, leva dende hai moitos anos exercendo unha labor fundamental na nosa sociedade axudando con accións sociais das que se benefician moitos usuarios día tras día. A aparición do coronavirus foi un feito que desatou unha crisel a nivel mundial e que afectou a todos os sectores posibles, mais a pesar disto, a súa labor social non cesa.

Ante unha situación coma esta, todas as asembleas da Cruz Vermella da nosa zona tiveron que adaptar en tempo récord os proxectos que xa tiñan en marcha e, á súa vez, implementar novos proxectos e accións debido a moitos dos problemas que xurdiron á veciñanza con esta situación. Un cambio que foi “bastante grande”, tal e como asegura Roberto Mallo, presidente da asemblea de Carballo, pois “aquí en Carballo tiñamos bastantes actividades presenciais. Entón, cando comezou todo iste lío, tivemos que cancelar todas esas actividades e realmente seguimos tendo a actividade das axudas máis directas”. Aínda así, a presidenta da asemblea da Terra de Soneira e delegada da comarca de Fisterra, Rebeca Veiga, comenta que foi fácil adaptarse porque “nós sempre traballamos en coordinación cos Concellos xa dende antes” e agora, con esta situación, “moito máis”.

Por outro lado, a propia solidariedade da veciñanza é outro dos punto claves. En canto saltou esta crise, moita xente contactou con Cruz Vermella para colaborar e axudar na súa causa. “Normalmente temos un volume de captación de voluntarios máis ou menos estable, pero dende os primeiros días moita xente achegouse ou chamou para ofrecerse como voluntarios”, afirma Mallo. En Carballo tamén, mesmo varios negocios quixeron aportar o seu gran de area: “Ao principio tiñamos algunha mascarilla porque Cruz Vermella ten capacidade e xa tiña ese material, pero eran moi xustiñas. Un par de clínicas dentais chamáronnos e donáronnos unhas caixiñas. Tamén nos chamou algún restaurante para ofrecernos comida que por desgraza non puidemos aceptar porque todos os repartos que facemos son de produtos non perecederos”, explica o presidente da asemblea carballesa.

Incrementan as peticións de axuda

Debido á crise económica que está a derivar desta crise sanitaria, son moitas as persoas que se están vendo afectadas e que nunca se viran antes nunha situación de precariedade coma esta. “Nós temos día a día un montón de xente nova que non era usuaria e que non precisaba dos nosos servizos. Antes disto atendíamos a 80 persoas e a cifra vai incrementando todos os días. Agora temos máis de 150 persoas que están demandando as nosas axudas só en Vimianzo”, explica Veiga.

Un incremento que, segundo a vimiancesa, débese ao arraigo que ten a zona coa hostalería e o traballo esporádico. “Aquí hai moito traballo temporal, sobre todo en Camariñas. Despois da Semana Santa cimos un incremento grandísimo, xa que despois de esta comezaba a Feira do Encaixe e tanto en Camariñas como en Vimianzo hai moitísima hostalería. Entón, se está paralizada, loxicamente esa xente que contrataban para isto está na casa”, indica.

Mallo incluso pon como exemplo o caso concreto dun rapaz en Carballo que nunca antes fora usuario e que, por culpa das circunstancias, explicaba que non tiña “para comer estes días”.” É un momento que che pode dar unha volta na vida, non só agora, e este é un lugar ao que se pode acudir a pedir axuda. Estamos para iso e non hai nada de que avergoñarse, a todos nos pode pasar que nun momento dado o precisemos”, afirma Mallo. Unha premisa coa que coincide Veiga, quen declara que “nesta situación podemos estar ti e eu”.

A desinformación na zona

Un dos principais problemas que detectou Mallo foi que moita xente viuse afectada pola desinformación e a falta de información, en moitos casos, debido á avanzada idade da poboación da zona. “Nós concienciamos a través das redes sociais, a prensa... pero as persoas maiores non acceden ás redes sociais e, cando chegou todo isto, quedáronse na casa, co cal, non compraban o xornal”, asegura o carballés.

Mallo recoñece que todo “ten as súas cousas positivas e cousas negativas”. Por un lado destaca que unha das vantaxes da nosa zona é a “rede social” da que dispoñemos, pois “a maioría de xente ten veciños ou familiares que che botan un cable”, mais para aqueles que non contan coa mesma sorte, “si que lles costaba máis coñecer que podían chamar a Cruz Vermella ou ao Concello e que lles podíamos axudar”.

Nesta situación, Cruz Vermella fixo un esforzo por intentar contactar con esas persoas telefonicamente para poder informarlles, “tanto colaborando con algúns número que nos pasaba o Concello como mesmo coa nosa base de datos, pois ao final en Cruz Vermella temos moitísima xente nos proxectos e ao final tempo o contacto de persoas maiores, xente que participou nos talleres...”, explica Mallo. Aínda así, a presidenta da asemblea de Vimianzo afirma que na súa zona “os voluntarios están respondendo moi ben e estiveron chamando á xente e estando en contacto con eles todo o tempo”.

Comentarios