Venres. 19.04.2024
El tiempo

Santa Comba destina máis de 540.000 euros do Plan Único á mellora do firme de varias rúas e camiños municipais

Santa Comba destina máis de 540.000 euros do Plan Único á mellora do firme de varias rúas e camiños municipais
rua-rosalia-castro-santa-comba As melloras realizaranse en varias vías de Santa Comba, tales como na rúa Rosalía de Castro O BOP - Boletín Oficial da Provincia - vén de publicar a licitación de dous proxectos que financia o Plan Único da Deputación en Santa Comba para mellorar o firme de varias rúas e camiños municipais. En total, estas obras supoñen un investimento total de 540.546,82 euros por parte da Deputación da Coruña. O concello de Santa Comba destina gran parte dos fondos do novo plan provincial ao mantemento e a mellora dos viais municipais. Ademais dos dous proxectos que sairon onte a licitación, tamén se inclúen no Plan Único o mantemento dos camiños de Picotos a Varilongo e de Santa Sabiña, así coma a adecuación do entorno do CEIP Barrié de la Maza. Este tipo de obras supoñen un investimento total de 786.175 euros, dentro do total de 1.605.653,25 euros que recibe o concello de Santa Comba este ano. O importe restante destínase a financiar parte do gasto corrente municipal e reducir a débeda, contribuíndo así ao saneamento das contas do Concello. Estradas As obras que sairon a licitación terán unha duración aproximada de tres meses e afectarán por unha banda ao camiño de Estevez a Traba, e por outra a varios viais do centro urbano de Santa Comba, incluíndo a Praza do Mercado, nas rúas Rosalía de Castro, Corredoira da Torre, Ferradura, Eduardo Pondal e as que circundan o centro de saúde. Ambos proxectos, dotados con 254.00,58 euros e 286.542,24 euros respectivamente, consistirán na limpeza e o fresado do pavimento, co obxectivo de eliminar a superficie danada e as diferenzas de nivel. Tamén se realizará o bacheo e o saneamento do firme, que posteriormente se rematará cunha capa de rodaxe de 5 centímetros de pavimento asfáltico. As obras tamén incluirán a posta a cota das tapas dos pozos, arquetas e outros elementos das redes abastecemento e saneamento. Po rúltimo, renovarase a sinalización vial, que consistirá en sinais verticais de aceiro galvanizado e marcas horizontais retrorreflectantes.

Comentarios