Venres. 19.04.2024
El tiempo

O Santuario de Virxindón de Quintáns

Perspectiva na que podemos observar a fachada principal da capela e un dos seus laterais do Santuario de Virxindon de Quintans Mazaricos
Perspectiva na que podemos observar a fachada principal da capela e un dos seus laterais do Santuario de Virxindon de Quintans Mazaricos
O Santuario de Virxindón de Quintáns

Coa romaría da Virxindón ás portas imos deixar constancia, no texto que segue, dalgúns datos que fomos reunindo sobre a capela e a devoción mariana que nela se festexa. 

No máis alto do lughar de Quintáns, nunha paraxe de orografía bastante costenta sitúase dende hai máis de catro séculos un santuario dedicado á VIRXE DA O, máis coñecida entre nós pola VIRXINDÓN

Foi a principios do século XVII, descoñecemos a ano exacto, cando un crego da parroquia de Corzón, FRANCISCO GONZÁLEZ, decidiu fundar esta ermida, dotándoa dunhas rendas para o mantemento do santuario, para a celebración de sete misas rezadas e unha cantada ao longo do ano, e coa obriga engadida de festexar coa máxima solemnidade a advocación mariana da VIRXE DA O tódolos 8 de setembro. Estas rendas serían administradas por un patrón pertencente á familia do clérigo e polos sucesivos descendentes deste, como era costume noutras institucións relixiosas de fundación privada. 

O retablo pétreo do santuario de Virxindon de Quintans Mazaricos presidido pola Inmaculada
O retablo pétreo do santuario presidido pola Inmaculada

Precisamente foi un destes herdeiros, Alberto González do Riveiro, quen no ano 1712 dotou a capela cun novo retablo tallado en pedra. A escolla deste material estaría motivada pola súa maior resistencia aos efectos do tempo, fronte á madeira que se deterioraba moito máis axiña. De tódolos xeitos con anterioridade a 1740 a ermida atopábase en moi mal estado, provocando que o cura da parroquia denunciara aos administradores das rendas pola situación indecorosa que sufría, mesmo imposibilitando que se puideran celebrar os actos relixiosos coa decencia que estes requirían. Será no ano antes citado cando o patrón da capela, Domingo Antonio González do Riveiro, faga os arranxos que esta precisaba: bótase un novo tellado, píntase o retablo e mércanse as roupaxes e os obxectos litúrxicos (cáliz, patena, vinaxeiras,…) indispensables para o desenvolvemento axeitado das celebracións relixiosas.

Nos primeiros anos do século XIX deixamos de contar con referencias documentais sobre o estado da capela e sobre a familia que a administraba. Por referencias orais, das que non sabemos ata onde pode chegar a súa veracidade, os actuais Alvites do lugar de Alborés serían descendentes por liña lateral do párroco fundador da ermida. 

A partir de 1833 moitas destas fundacións privadas desapareceron coa promulgación das leis liberalizadoras das propiedades coas que se sostiñan estas institucións. Algunhas capelas foron derruídas con posterioridade a esta data; este foi o caso das ermidas do Bo Xesús das Maroñas ou de Santo Ildefonso nos arredores da Picota; por citar dous casos pertencentes ao Concello de Mazaricos. O santuario da Virxindón de Quintáns tivo máis sorte e pasou a ser administrado polo párroco de Corzón. Das obrigas litúrxicas que tiña só conservou a celebración da festividade da Virxe da O, aínda que dende a data antes sinalada serían os veciños da parroquia de Corzón os encargados de organizar e pagar os gastos que ocasionara a romaría: misas, gaiteiros,…

Nos últimos anos a capela e o campo onde se sitúa melloraron moito o seu aspecto. A ermida foi restaurada interiormente con moito gusto e o campo foi achandado e repoboado de diferentes especies arbóreas. 

O resultado de todas estas circunstancias é o conxunto que posuímos na actualidade; composto, como todo santuario que se prece de selo, por a capela, un cruceiro e unha fonte.
A capela, sen lugar a dúbidas, é a construción principal deste trío. Trátase dunha sinxela edificación dunha nave realizada con cachotes, agás a fachada que é de cantería e está coroada por unha graciosa espadana. Toda esta estrutura atópase cuberta por un tellado a dúas augas rematado con tella do país. 

O interior atópase branqueado e presidido polo retablo tallado en pedra do que xa falamos. É a estrutura máis sobresaínte de toda a construción. Posúe dos corpos separados por un adiantado entabuamento, e tres rúa acoutadas por columnas salomónicas no primeiro corpo e por pilastras decoradas con ramallos de froitas no segundo. Na fornela central do primeiro corpo atópase unha Inmaculada que segue o modelo iconográfico creado por Gregorio Fernández. Á ámbalas beiras ten a Santo Outel e Santa Bárbara. O corpo superior está presidido por un Crucificado na parte central e nas laterais por Santo Antonio e San Roque. Santos, todos eles, con fama de milagreiros. Tanto o retablo como a imaxinería forman un conxunto que segue os modelos da arquitectura barroca culta pero con resultados dunha rusticidade e dun primitivismo de raizame popular. O uso de cores de forte saturación nas labores de policromía aumenta aínda máis a inxenuidade do seu aspecto.

Un momento da procesión pertencente á celebración do ano 2018 da Virxindon de Quintans Mazaricos
Un momento da procesión pertencente á celebración do ano 2018

Como vimos de comprobar entre as esculturas nomeadas non está a da Virxe da O. Unha iconografía moi característica na que María aparece nun avanzado estado de xestación. Esta carencia tampouco se corrixe coa imaxe procesional que, conxuntamente con San Cristovo, se trae da igrexa parroquial o domingo anterior ao 8 de setembro, para retornar á mesma o domingo posterior. Esta talla que forma parte do retablo de Corzón é unha Dolorosa e non unha Virxe da O como sería de rigor. Descoñecemos os motivos desta falta de concordancia entre a advocación celebrada e a imaxe venerada. 

O cruceiro, imprescindible para a celebración da procesión do día da festa, organízase cunha plataforma de cinco chanzos na que apoia directamente o varal: de sección cadrada con chafráns. O capitel de forma cuadrangular está animado por unha moldura en escocia. A cruz de sinxela sección cadrada dálle soporte ao tándem figurativo máis clásico: o Crucificado e a Piedade, materializados nuns volumes sumariamente bosquexados de extracción tipicamente popular. 

A fonte de augas con fama de milagreiras está precisada dunha restauración. Hai anos que lle rompeu o picho orixinal, substituíndose por un de cemento que desvirtúa a rusticidade do conxunto.

Das romarías doutros tempos xa pouco queda. Os xantares campestres que se celebraban nos arredores da capela xa desapareceron hai máis de cincuenta anos; as verbenas nocturnas tamén deixaron de facerse; tan só quedan os actos relixiosos coa solemne procesión e as bailas de mediodía; aínda que todo hai que dicilo, con pouca xente disposta a animar a festa.

Esperando con acompañamento musical a que chegue máis xente para empezar a celebracion de Virxindon
Esperando con acompañamento musical a que chegue máis xente para empezar a celebración

Nesta pasada primavera abriu as súas portas o albergue e restaurante VIRXE DA O na vella casa da BEIRA DE RIBA de Quintáns. Un establecemento moi próximo ao santuario do que toma o seu nome e que de seguro lle imprimirá unha nova vida á vivenda, ata esas datas deshabitada, e contribuirá ao dinamismo económico e social de toda a aldea.

 O Albergue e restaurante VIRXE DA O-MazaricosO Albergue e restaurante VIRXE DA O aberto esta última primavera en Quintáns. Un establecemento que toma o seu nome do santuario e que de seguro lle imprimirá una nova vida á vella casa da BEIRA de RIBA e contribuirá ao dinamismo social e económico da aldea.   


 

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.

 

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

 

Comentarios