Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A seguridade no mar da Costa da Morte volveu ao Parlamento

Montse Prado na Comision de Pesca
Montse Prado na Comisión de Pesca
A seguridade no mar da Costa da Morte volveu ao Parlamento

Este pasado mércores a seguridade no mar da Costa da Morte volveu ao Parlamento Galego. Foi a voceira de Pesca do BNG Monste Prado a que levou á Comisión varias preguntas relativas á nosa zona, volvendo lembrar o tráxico accidente do pasado 19 de decembro cando 4 persoas perdían a vida no naufraxio do Sin Querer 2, nos Baixos Meixidos. Prado lembrou que foron dous barcos pesqueiros os que salvaron 6 vidas, e lamentou que os medios públicos só puidesen rescatar cadáveres (queda un corpo desaparecido.

Prado lembrou tamén que Costa da Morte é das máis batidas de Europa, que polo corredor de Fisterra pasan 40.000 barcos ao ano, e que hai centos de barcos que saen a faenar diariamente, que van xa máis de 100 naufraxios no que levamos de século.

Nese contexto, lamenta que a base de salvamento marítimo de Rubio en Lires, Cee pechada desde hai catro anos, arredor de 2 millóns de euros malgastados nun heliporto e nunha nave inoperativas e coas instalacións pechadas, ao que hai que sumar os 13 millóns de euros da adquisicións dun helicóptero que agora ten a súa base en Santiago a 70 quilómetros da costa, “todo un despropósito”. Ao igual que o material para a loita contra a contaminación estea nunha nave en Fene e non na Costa da morte.

Se ben hai unha investigación en marcha tanto polo Xulgado no 2 de Instrución de Corcubión como pola Comisión de Investigacións de Accidentes Marítimo, o BNG considera necesario tomar medidas, e por iso fixo varias preguntas ao grupo de goberno sobre que medidas se vam tomar, ou se a Xunta vai solicitar a transferencia das competencias de Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación.

O Director Xeral de Gardacostas baseou a súa defensa en que dos 100 naufraxios, “só” 60 foron barcos pesqueiros galegos, o resto son mercantes sobre os que a Xunta considera que non son competencia galega, unha resposta que indignou á oposición. Asegurou ademais que a Consellería do Mar investiu un millón de euros en axudas para instalar medidas de seguridade nos barcos, e tamén recoñeceu que "o heliporto de Lires non serve, hai que pechalo e actuar dende outro lado".

O Director Xeral “protexeuse” cos numerosos medios que estiveron funcionando neses naufraxios e nas axudas que se brindaron ás familias, pero deu datos do tempo de resposta dos pesqueiros que traballaban na zona e non se referiu a canto tempo realmente tardaron os medios de Salvamento (o helicóptero tardou 45 minutos como vemos no video da secuencia temporal do afundimento).

O BNG volveu lamentar que a Xunta derive as competencias en Madrid ou Bruxelas, e deixou patente a súa disconformidade con que a Costa da Morte vaia continuar sen unha base de medios aéreos para socorrer ás xentes do mar.

NOVAS RELACIONADAS

ARTIGOS RELACIONADOS

Comentarios