Venres. 29.03.2024
El tiempo

Selfies, comics, bolsas e teatro para o #25N da Laracha

Selfies, comics, bolsas e teatro para o #25N da Laracha

Innovador e distinto o programa “Eu implícome contra a Violencia de Xénero “do Concello da Laracha. Pensada para interactuar, pero sen pensar só nas redes, a campaña consta de tres partes diferentes e complementarias entre si.

Por un lado, o proxecto “Xanelas” consiste na distribución de carteis ríxidos e adhesivos en formato globo de cómic con frases inspiradoras e potentes contra a violencia de xénero para colocar nas fachadas exteriores dos locais comerciais e das vivendas particulares que o soliciten.

O proxecto Selfie consiste nun concurso no que as persoas que desexen participar deben sacarse unha fotografía xunto ao globo de cómic coa frase que considere mellor representa o seu sentimento de rexeitamento á violencia de xénero e enviala ao Concello vía correo electrónico para ser publicada no Instagram @Xuventudealaracha. As tres imaxes que obteñan máis “gústame” entre o 23 e o 30 de novembro serán premiadas cunha tableta, un reloxo intelixente e un altofalante portátil.

A terceira será distribución de bolsas e de máscaras de cor violeta que levan gravado sobre un lazo o lema “Eu implícome” e o escudo do Concello da Laracha.

Obra de teatro

O programa municipal en torno ao 25 de novembro tamén inclúe unha función dentro dos Venres Teatrais relacionada coa temática da violencia de xénero. Será o 4 de decembro con Soa, espectáculo protagonizado por unha muller maltratada física e psicoloxicamente á que dá vida a actriz Rogelia dos Outeiros. A peza está dirixida por Fran Rei e inspirada no monólogo de Darío Fo La donna sola. Neste caso o Concello conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia dentro do programa FalaRedes e do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021.

Novas sobre o #25N

Comentarios