Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Señor presidente dos Estados Unidos Mexicanos

Señor presidente dos Estados Unidos Mexicanos


Moi prezado presidente, Don Andrés Manuel López Obrador:

    Quero pedirlle teña a ben aceptar as desculpas de quen foi un feliz neno emigrante en Montevideo polas atrocidades cometidas desde 1492 no moi noxento “proceso civilizador” que levou adiante o Reino de España. Nacín en Tines (aldea do concello de Vimianzo) pero con cinco anos, collido da man da miña nai, embarquei no “Cabo de Hornos” para ir xunto a meu pai que levaba xa un tempo na capital uruguaia. 

    Sei que vostede coñece o exemplar labor educativo do ensino público na República Oreintal do Uruguai. O que quizais non saiba é que as bases fundamentais da reforma educativa foron obra de Xosé Pedro Varela, mestre descendente da emigración galega. Varela dixo algo que coido ten moita importancia: La ilustración del pueblo es la verdadera locomotora del progreso.

    Se fago esta referencia persoal aos meus anos de infancia e adolescencia en Montevideo é para que  sexa vostede indulxente con aqueles cidadáns españois que non tiveron a sorte de formarse nunha escola do Uruguai. Foi no ensino primario onde aprendín a respectar os valores democráticos que trasmitía a figura senlleira do nobre Artigas. 

    O pai da patria foi sempre irmán e compañeiro dos poboadores orixinarios. Eu admiraba aquel home (descendente de aragoneses) que falaba varias linguas indíxenas e que mateaba na compaña dos máis desfavorecidos. Aínda que non sabía o significado do colonialismo, o certo é que sentía repugnancia cando lía sobre as actividades de Cortés ou Pizarro. Supoño que se quedase en Tines, de seguro vía aos moi cativos conquistadores como valentes cabaleiros que buscan un tesouro en América.

    Hai algo que desexo sinalar para que vostede, don Andrés Manuel, saiba que é en Galicia onde menos descerebrados temos que se sintan ofendidos pola petición de perdón por desfeitas cometidas na invasión a terras americanas. Aquí somos máis líricos que épicos. Quizais porque nunca faltou o caldiño quente e un anaco de pan de centeo para mantenza da familia nos longos invernos de friaxe. 

    Os galegos foron sementar para erquer un niño afastado das fortes tormentas. Non deixaron o seu paraíso por ambición ou interese particular. Foron buscar un futuro mellor para os seus descendentes. Os nosos emigrantes leron a Eduardo Galeano e aplauden cada unha das páxinas de “Las venas abiertas de América Latina”. Os “ofendidos” son infelices que descoñecen o valor ético dunha desculpa sincera. 

    Coido que moitos destes “ofendidos” esqueceron a recomendación de Antonio Machado: Nunca perdáis contacto con el suelo porque solo así tendréis una idea aproximada de vuestra estatura. Sinto vergonza allea cando vexo notas de algúns xornalistas (máis ben son mercenarios de certos medios de incomunicación) que só espallan odio e resentimento contra todo o que beneficie aos que menos teñen. 

    O seu pedido de perdón é moi razoable e ademáis non custa nada pero a mafia mediática, en vez de reflexionar, sae entolecida a encher de agravios a quen quere sandar vellas feridas. Sei que vostede non confunde a estes covardes desinformadores coa maioría cidadá dos que sen reparos pedimos perdón polos crimes de séculos pasados. Reciba un cordial saúdo desde Santiago de Compostela deste humilde emigrante que non esquece as portas abertas do xeneroso presidente Cárdenas.  ¡VIVA MÉXICO!

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Comentarios