Martes. 16.04.2024
El tiempo

Sicixia seleccionada no 54º festival internacional de Cine de Xixón

Sicixia seleccionada no 54º festival internacional de Cine de Xixón
A Sección Oficial do 54º Internacional de Cine de Xixón - que se celebra entre o 19 e o 26 de novembro de 2016 - vén e seleccionar a longametraxe Sicixia rodada en boa parte na Costa da Morte. O filme foi seleccionado entre máis de 2.000 títulos de todo o mundo e competirá con 15 fitas na categoría de ficción procedentes de EEUU, Francia, Italia, México, Bulgaria, entre outros. Neste certame internacional Sicixia opta aos seguintes galardóns: premio Principado de Asturias á Mellor longametraxe; premio ao Mellor Director; premio á Mellor Actriz; premio ao Mellor Actor; premio ao Mellor Guión; premio Especial do Xurado. A organización do festival confirmou que Sicixia será o único filme español a competición na presente edición. Ademais subliñou que éste é o primeiro filme rodado en galego que participa no Festival Internacional de Cine de Xixón nos seus 54 anos de historia. "Esta selección supón un novo éxito na traxectoria de Sicixia, logo do recente premio á Mellor Actriz outorgado a Marta Lado no XXI Festival Cinespaña de Toulouse - Francia -" indican dende Vía Láctea Filmes. Campaña de promoción No marco da campaña de promoción da estrea en cines de Sicixia - que será o venres 25 de novembro - o vindeiro 7 de novembro celebrarase unha preestrea do filme no Cinéma Majestic-Passy de París, á que asistirán o director Ignacio Vilar, a actriz Marta Lado e o actor Monti Castiñeiras. O selecto público terá a oportunidade de viaxar a "Galicia a través dos cinco sentidos", xa que logo do pase ofrecerase unha degustación de produtos do mar e viño D.O. Valdeorras na que participarán os cociñeiros Iván Domínguez (Grupo Nove; Alborada), Miguel G. Silvarredonda e Tino Otero (Porto-Muíños). Sicixia conta co apoio e a colaboración de: AGADIC, ICAA, Deputación da Coruña, GALP Costa da Morte, e os concellos de Carballo, Fisterra, Camariñas, Carnota, Cerceda, A Laracha, A Estrada, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Corcubión e Zas.

Máis información

Novas cinematográficas

Outras novas

Fonte

Comentarios