Imprimir

Suma en Ponteceso: valorar o presente para que haxa futuro

que pasa na costa | 07 de novembro de 2019

Tinturaría Lavandaría O Tendal na campaña Suma en Ponteceso-Foto-Paula Vázquez
Tinturaría Lavandaría O Tendal na campaña Suma en Ponteceso-Foto-Paula Vázquez

Dende a Asociación de Empresarios de Ponteceso, Cabana e Laxe levan xa algúns meses “sumando en Ponteceso”, desenvolvendo unha campaña que ten un obxectivo claro: poñer a mirada nas empresas e nos profesionais da contorna. Elas foron as primeiras en apostar por quedar e loitar polo futuro da zona. Con que recursos conta Ponteceso?

Son moitos os negocios que forman parte da asociación e só unha parte formaron parte da campaña durante este ano. Queda tempo para seguir coñecéndoos e dándoos a coñecer. Poñer en valor o seu traballo é necesario para que a xente nova teña un espello no que reflexarse.

IMG_4242bA tenda dos Libros-Foto-Paula Vázquez

Para alguén de fóra da Costa da Morte seguro que non resulta doado crer que en Ponteceso hai unha libraría que vende máis libros que xornais; durante o inverno aos seus veciños e no verán tamén para os viaxeiros que fan parada na vila. Que hai unha peixería que garante calidade e cercanía, pero na que non podes despistarte porque se deixas pasar tempo de máis, xa o vendeu todo a través do Whatsapp.

Hai historias de xente que volveu de Suíza e creou, por exemplo, unha tinturaría que continúa aberta. Ou a dunha familia, nai e filla, que xestionan unha tenda –xoguetería, decoración e menaxe– e que pensan seguir xestionándoa moitos anos; a seguinte xeración non ten intención de marchar a ningures.IMG_9214bFerretería Mato-Foto-Paula Vázquez

Na parafarmacia ou na óptica regalan as recomendacións. Saben que nos lugares pequenos importan tanto a rendibilidade como a relación cos veciños. Na ferretería, non busquedes ao “encargado”. Porque as encargadas son dúas mulleres, dúas irmás, que se gañaron o cariño e o respecto da xente de Ponteceso e arredores co traballo que comezaron a facer nos anos noventa.

IMG_9249bArautos Vehículos de Ocasión-Foto-Paula Vázquez

A proba de que é un lugar que mira cara o futuro é que se pode atopar unha empresa que crea páxinas web ou tendas de comercio electrónico dende aquí. A través da rede podemos conectar Ponteceso con calquera parte do mundo. Senón que llo digan a quen, dende a Costa da Morte, vende coches aos seus veciños pero tamén a calquera persoa de Galicia ou de fóra que contactan con el a través de Internet.

Estas son só algunhas das aprendizaxes dunha campaña que se desenvolveu, sobre todo, a través de Facebook, conseguindo que moita xente en Ponteceso e na Costa da Morte puidera coñecer e apostar polas empresas que forman parte da Asociación de Empresarios de Ponteceso, Cabana e Laxe. Os vídeos de #SumaenPonteceso están todos dispoñibles na súa canle de Youtube.

O obxectivo estará conseguido se a mirada continúa posta nos negocios de Ponteceso. Aquí antes que “clientes” hai “veciños”, unha rede de persoas que cómpre que, entre todos e pouco a pouco, coidemos e fagamos máis forte.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/ponteceso/suma-ponteceso-valorar-presente-haxa-futuro/20191107110406114769.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA