Venres. 19.04.2024
El tiempo

Talleres, música, teatro e deporte copan o programa de Nadal de Muros

nadal muros portada
Talleres, música, teatro e deporte copan o programa de Nadal de Muros

O Programa de Nadal presentado polo Concello de Muros, que deu comezo a pasada fin de semana, continúa o venres 13 de decembro con catro actividades: o “Mercadiño Solidario”, o Concerto de Nadal da ESMU de Muros, un Contacontos e a representación de “Bailamos”.

Converterase no día máis “solidario” para os muradáns de todo o Nadal, pois dúas das actividades teñen como finalidade recadar fondos para unha ONG que axude a pasar un mellor Nadal as persoas que viven situacións desfavorables, e que este ano se optou polos grupos de Cáritas deste termo municipal. O “Mercadiño Solidario” terá lugar de 10 a 13 horas no Mercado de Muros, e nel participan os centros de ensino do municipio, aportando o seu traballo para recadar fondos con destino a Cáritas de Muros e Esteiro. Ás cinco da tarde sairán á rúa o alumnado e profesorado da Escola de Música de Muros, para amenizar a todo o público co seu Concerto de Nadal, ás seis visitará a Biblioteca municipal Raquel Queizás e ás nove da noite, no auditorio do Centro cultural de Muros, o grupo local AQUELANDO TEATRO DE MUROS, representará “Bailamos” Tamén nesta ocasión co fin de que Cáritas de Muros poda recadar fondos e deste xeito contribuír a que toda a veciñanza pase un Nadal agradable.

O director desta obra é Lucho Penabade e o elenco está integrado por: Lola Barreiros Lestón, Pepa Caamaño García, Juana Caamaño Lago, Lita Cantariño Cubelo, Bernardino Fernández Lloréns, Dora Formoso Figueiras, Pepe Formoso Sande, Maruxa Mayo Priegue e  Belén Vidal Piñeiro. BAILAMOS é unha peza teatral que recolle vivencias propias representadas polos seus protagonistas co afán de recoñecelas e compartilas. No acontecer presente e pasado conviven sensacións e historias que nos van marcando para toda a vida.

Ao día seguinte continuarase con dous obradoiros e outra representación teatral. Pola mañá nos soportais da Pista de Axesta realizarase un obradoiro de Agasallos de Nadal, destinado a persoas de entre seis e doce anos, e pola tarde, no Mercado e para persoas adultas e mocidade, outro obradoiro de grilandas e coroas, traballos ornamentais con elementos vexetais. Pola noite, ás nove, visitaranos o grupo coruñés TROTACONVENTOS TEATRO, que poñerá en escena o espectáculo “Polo Plan”, para esta obra, como sucede en case todas as actividades de Nadal, as entradas son de balde, mais as persoas interesadas poden reservar as entradas no centro cultural de Muros, debido a que o aforo é limitado.

O grupo TROTACONVENTOS xa ven sendo habitual na programación escénica de Muros, e de novo quere achegarse a este público para facelos partícipes do seu novo traballo “Polo Plan”, a obra está dirixida por Carlos Freire e interpretada por un nutrido elenco de dezaseis actores e actrices. “Polo Plan” analiza  as relacións home-muller nunha sociedade na que aínda se mantén o predominio do varón, pola escena pasa unha chea de persoas que, ademais de desenvolver o seu papel, desvelan as trécolas que argallan os “abusadores”. Finalmente a conversa de dúas empregadas e un chofer da mansión proporcionará un remate inesperado a esta historia…

Na seguinte semana, o xoves 19 haberá outro Concerto da ESMU de Muros na Capela de San Xosé, o venres 20, celebraranse unhas Xornadas de Natación e un Obradoiro de Cociña e o sábado 21, continuarán cos Obradoiros de Cociña, de agasallos de Nadal e realizarase outro de Decoración de galletas para os máis pequenos, ademais o Orfeón Ría de Muros deleitará con Panxoliñas na rúa.

O venres 27, organízase un Torneo de pádel e a compañía Os Monicreques de Kukas representará no Mercado o espectáculo “Xan Perillán”, o sábado 28, continuará o Torneo de pádel, o Orfeón Ría de Muros ofrece outra sesión de Panxoliñas na rúa e no centro cultural representarase “Cartoons”, de Excéntricas, protagonizada por Josito Porto e Víctor Mosqueira.

O venres 3 estará o Contacontos “Chocolate”, o sábado 4, un Obradoiro de Cantos de Reis, para a rapazada, e o día 5 a entidade Fouleada, en colaboración co concello, organizarán Cabalgada dos Reis Magos.

nadal muros 2019

Comentarios