Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Tania Fuegho: O lume creativo de Mazaricos

Tania Fuegho: O lume creativo de Mazaricos
Tania Fuegho Artista de MazaricosTania Fuegho Artista de Mazaricos

Unha vez preguntáronlle ao intelectual francés Jean Cocteau que salvaría da extinción se na súa casa se producira un incendio. El contestou que sobre todo salvaría o lume. O soado escritor, cineasta e debuxante surrealista con esta resposta non creo que se referira ao lume material, senón a outro máis simbólico, máis íntimo e persoal: o lume da paixón creativa, do ardor amoroso, da fogaxe sexual. É dicir, o lume da vida consumida con intensidade que tamén cantou Rosalía de Castro:

“Sentí otra vez el fuego que ilumina y que crea, los secretos anhelos, los amores sin nombre, que como al arpa eólica el viento, al alma arrancan sus notas más vibrantes, sus más dulces canciones”

E aínda que non o pareza despois desta introdución, hoxe queremos escribir sobre TANIA FUEGHO; e para facelo, coma nos versos de Rosalía, non podemos esquecer o lume, as notas máis vibrantes e as máis doces cancións.

Porque na nosa veciña a forza interpretativa non desbota, cando o require o tema, a máis tenra das dozuras. Pero si tiveramos que resaltar os principais sinais de identidade do seu estilo, teríamos que subliñar, tanto nas súas composicións coma nas alleas, a súa poderosa presenza no escenario e o seu volcánico torrente de voz; resultando en ámbolos casos unhas creacións propias e intransferibles. En Tania Fuegho o apelido artístico non é gratuíto, está estreitamente xunguido á súa personalidade, ao seu xeito exaltado e ardente de encarar todo o que fai e á apaixonada enerxía que desprenden as súas cancións.

A súa carreira profesional é unha boa mostra do que dicimos. Con dezaoito anos participa no concurso “Son de Estrelas” no que queda de finalista, e xa daquela sobresaía pola súa arrebatadora personalidade.

A partir daquelas aparicións televisivas abríronselle as portas doutros programas: sucesivas edicións de “Son de Estrelas”, “Son de Verán”, “Heicho cantar queridiña”, “Bamboleo”, Luar,… No ano 2011 a Federación de organismos de radio e televisión autonómica (FORTA) realiza un anuncio con diferentes artistas, do que formou parte a nosa veciña.

Coa súa incrible voz logra compartir escenario con figuras do panorama nacional e internacional: Mónica Naranjo, Francisco, Albano, Andy & Lucas, Angy, Camela,…

Tania canta pero tamén compón. Ata o momento leva sacado un disco sinxelo con temas realizados por ela como “Emigrante” ou “Todos a Santiago”. Continuou esta faceta creativa coas cancións “Estrelas por compartir” e “O imposible”. Precisamente estas composicións, sobre todo “Emigrante”, “Estrelas por compartir” e “O imposible” tiveron un éxito inusitado na Arxentina, manténdose durante moitísimo tempo no top 10 do programa radiofónico ELEGIDOS 45. Sen lugar a dúbidas a calidade dos temas e a fogosa interpretación que Tania fai dos mesmos está detrás destes trunfos, cos que logrou que o citado programa de radio lle concedera o premio á mellor cantante solista española durante os anos 2015 e 2016.

Foi nun concurso para talentos novos no que Tania Fuegho se dou a coñecer ao gran público e, precisamente, dende o 2012 forma parte do xurado de RECANTOS, unha sección do programa televisivo LUAR no que se lle dá oportunidade de facerse un sitio no mundo da música ás persoas que empezan nesta competitiva e dura carreira. Para este labor poderíamos pensar que Tania escollería unha actitude máis comedida, máis convencional, máis formalista. Todo o contrario, a nosa veciña alí onde vai nunca pasa desapercibida. Para este cometido, máis que nunca, decidiu ser ela mesma: explosiva, auténtica, racial. Botando man continuamente, ademais dos seus abondosos coñecementos musicais , das súas raíces, da súa terra, das súas xentes, de Mazaricos. Nunca lle agradeceremos abondo que dende o programa máis lonxevo e de máis audiencia da televisión en Galicia se erixira nunha verdadeira embaixadora deste pequeno curroucho do mundo, para dalo a coñecer sempre en positivo, lembrándolle aos telespectadores por activa e por pasiva os moitos valores do noso Concello. ¡¡¡¡¡GRAZAS TANIA!!!!!

Este vindeiro sábado 22 de decembro a partir das 10 da noite volveremos gozar da súa música en directo na Casa de Cultura de Mazaricos. Será, de seguro, un espectáculo memorable onde a súa potente e ardorosa presenza física e vocálica fará vibrar a tódolos asistentes.

Volvendo a un exemplo literario, neste caso lembraremos ao poeta Ramón Cabanillas parafraseando uns versos nos que invoca o poder de exaltación do viño Espadeiro:

¡Acende os corazóns dos apoucados! ¡¡Prende lume nas almas, Tania Fuegho!!

 
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

https://quepasanacosta.gal/pero-onde-esta-mazaricos/   “De cañeiras e de esterco” — Que pasa na costa

Comentarios