Venres. 26.04.2024
El tiempo

Tesouros da Fundación: Cámara escura fotográfica

  • Fabricante: John Henry Dallmeyer (1830-1883)
  • Distribuidores en España: Mahou e Salvi (Madrid).
  • Ano: 1890-1891.
Tesouros da Fundacion Fernando Blanco-CÁMARA ESCURA FOTOGRÁFICA J. H. DALLMEYER
Tesouros da Fundación: Cámara escura fotográfica

Cámara escura fotográfica formada por dous bastidores de madeira unidos por un fol de cartón pregado. A parte anterior vai pechada hermeticamente por unha tapa de madeira na que van montados os obxectivos e o diafragma; a parte posterior leva unhas regañas para soster o chasis, rematando nun vidro deslustrado.

O chasis é unha caixiña hermeticamente pechada na que se transportan as placas e as películas preparadas no laboratorio, resgardándoas da acción da luz.
O conxunto está fixo nun trípode moi lixeiro.

A fotografía comprende o conxunto de métodos e procedementos para fixar as imaxes dos obxectos pola acción da luz sobre diferentes sustancias sensibles a esta acción. Foi descuberta en Francia en 1839, ano no que Aragó presentou na Academia Francesa os resultados dos traballos comúns de Niepce e Daguerre. As cámaras escuras, como a descrita, foron os dispositivos utilizados na fotografía a finais do século XIX e principios do XX. Para enfocar cubríase o bastidor cun pano negro e estirábase o fol, mais ou menos, ata que o vidro deslustrado se situaba no plano focal do obxectivo que correspondía ao máximo de nitidez. Co obxectivo pechado colocábase na cámara o chasis, que contiña a capa sensible, e erguíase a tapa deste, para logo abrir o obxectivo e deixar pasar a luz un certo tempo. A determinación do tempo exacto de exposición era un dos maiores problemas. As placas impresionábanse ao abrir o obxectivo.

As placas fotográficas preparábanse, xeralmente, cun precipitado de bromuro de prata en suspensión sobre unha disolución xelatinosa.

John Henry Dallmeyer

JOHN HENRY DALLMEYER (1830-1883)
JOHN HENRY DALLMEYER (1830-1883)

Naceu en Loxten - Westfalia (Alemaña) o 6 de setembro de 1830, e dende moi novo traballou como aprendiz nunha óptica de Osnabrück. Con 21 anos emigrou a Inglaterra onde traballou primeiro no taller de óptica de H. Hewitt, e a continuación na empresa óptica de Andrew Ross, a cal tiña moita fama, a nivel europeo, na fabricación de microscopios, telescopios e lentes.

Como asesor científico da empresa, varios dos equipos que desenvolveu foron empregados para observar os tránsitos de Venus e os eclipses solares. En recoñecemento ás súas contribucións, foi elixido membro da Royal Astronomical Society.

Casou cunha filla de Ross e entrou a forma parte do grupo familiar, creando unha nova fábrica dedicada aos obxectivos para cámaras fotográficas. A partires deste momento, ópticas e obxectivos serán sempre a prioridade da casa Dallmeyer.

Óptico excelente, construíu, entre outras cousas, sistemas para observatorios astronómicos que lle valeron numerosos premios, entre eles a Orde de San Estanislao do goberno ruso, ou a Lexión de Honra do gobernos francés.

Unha das innovacións mais impresionantes de Dallmeyer foi a tripla lente acromática que se usou para paisaxes arquitectónicas e copias que estaban notablemente libres de distorsión.

Aínda que as súas lentes para retratos construíronse inicialmente en base ás técnicas de deseño desenvolvidas polo profesor Joseph Petzal, Dallmeyer realizou un cambio importante que permitiu aos fotógrafos difundir facilmente o seu enfoque si así o desexaban. Pioneiro na fotografía celestial, desenvolveu fotoheliografías para o Observatorio Wilna de Rusia no 1863 e para o Observatorio do Harvard College un ano mais tarde.

Anuncios na prensa da Casa Dallmeyer
Anuncios na prensa da Casa Dallmeyer

Como membro da Royal Microscopical Society, Dallmeyer tamén traballou na mellora do condensador para lentes de microscopio. O seu condensador de lanterna óptica, unha combinación de lentes plano convexo e dobre convexo, foi moi ben recibido pola comunidade.

Sen embargo, este pioneiro das lentes, tiña unha saúde moi delicada, polo que cedeu o control do seu negocio a un dos seus fillos, Thomas Rudolph Dallmeyer, o cal xa era un reputado enxeñeiro que estudiara óptica no Kings College de Londres.

Os últimos anos da vida de John Henry Dallmeyer pasounos viaxando a lugares exóticos coa esperanza de mellorar o seu delicado estado de saúde. Morreu nun barco fronte á costa de Nova Zelanda o 30 de decembro de 1883, á idade de 53 anos.

THOMAS RUDOLPH DALLMEYER (1859-1906)
THOMAS RUDOLPH DALLMEYER (1859-1906)

  • Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco.

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN

Comentarios