Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Tesouros da Fundación: Gramófono

  • Inventor: EMILE BERLINER (1851-1929).
  • Fabricante: GRAMOPHONE & TYPEWRITER LTD (LONDRES).
  • Distribuidor en España: ÁLVARO UREÑA (MADRID).
  • Cronoloxía: 1903-1904.
Gramófono da Fundacion Fernando Blanco
Gramófono da Fundación Fernando Blanco
Tesouros da Fundación: Gramófono

Caixa sonora de madeira, artisticamente traballada, sobre a que xira unha plataforma mediante un mecanismo motor. Os discos xiran sobre ela e unha agulla percorre a curva sonora facendo vibrar unha membrana. O son refórzase cun gran pavillón.

O gramófono, ideado por Emile Berliner no 1887, é unha modificación do fonógrafo, tendo a vantaxe sobre este de proporcionar sons mais intensos. Os sons que se gravan sobre un disco, no que a curva sonora ten forma de espiral, elabóranse industrialmente e posibilitan o volver a escoitar os sons gravados orixinalmente.

Emile Berliner (1851-1929)
Emile Berliner (1851-1929)

O gramófono comezou a usarse para recoller a voz dos grandes cantantes e intérpretes da época. Os discos estaban feitos de baquelita e rompían con facilidade. A pesares de tales limitacións, o gramófono acadou unha gran popularidade nos EEUU e en Europa, sobre todo grazas á fabricación dunha ampla colección de pezas musicais rexistradas por compañías de gravación americanas e europeas.

O inmenso éxito deste aparello desembocou na esixencia dun mellor son. Sobre 1920, o anticuado inxenio mecánico comezou a substituírse pola gravación e reprodución eléctrica, na que as vibracións da agulla amplificábanse mediante elementos electromagnéticos no lugar da bucina. Emile Berliner naceu en Alemaña no 1851, pero con só 19 anos emigrou aos EEUU.

É o creador dos prototipos do micrófono e do transformador, ámbolos dous mecanismos básicos para a comunicación electrónica. Nesa época, o micrófono tiña o problema da perda de forza da corrente eléctrica na distancia, e Berliner logrou solucionar este problema engadíndolle unha bobina de indución ao transmisor con corrente continua.

No 1878 a empresa Bell Telephone comproulle a Berliner os seus inventos por 50.000 dólares, ademais de contratalo para traballar con eles. Estes dous inventos foron aplicados á transmisión eléctrica do son, feito que converteu o teléfono de Reis e o de Meucci en meras curiosidades científicas, ao tempo que lle deu o impulso definitivo ao aparello ideado por Bell.

No 1881 volveu a Alemaña e, xunto a un irmán, fundou a Telephon-Fabrik Berliner, con sucursais en Viena, Berlín, Budapest, Londres e París. Foi no 1887 cando patentou nos EEUU e en Alemaña o seu gran invento: o gramófono. Un ano máis tarde, o Instituto Franklin outorgoulle a medalla de Scott pola súa contribución ao desenvolvemento da acústica e a reprodución do son.

Publicidade de venda de gramófonos na revista PBT (Bos Aires). 1908
Publicidade de venda de gramófonos na revista PBT (Bos Aires). 1908

Ademais dos seus experimentos no campo do son, Berliner tamén traballou noutros ámbitos como o da aeronáutica. Así, foi o primeiro en empregar un motor lixeiro de combustión interna que, posteriormente, utilizouse nos aeroplanos. Baixo a súa supervisión, o seu fillo Henry Berliner, deseñou un helicóptero que voou con éxito no ano 1919. A pesares deste repentino interese pola aeronáutica, volveu aos problemas da reprodución do son, e, no 1925, creou unhas baldosas acústicas para o seu uso en auditorios e salas de concertos.

Cadro de Francis Barraud que Berliner usou como logotipo
Cadro de Francis Barraud que Berliner usou como logotipo

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN

Comentarios