Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O TSXG asegura a vinculación das fábricas e a produción eléctrica de XEAL

Pancarta posta durante a volta polos traballadores de XEAL no Ezaro
Pancarta posta durante a volta polos traballadores de XEAL no Ezaro
O TSXG asegura a vinculación das fábricas e a produción eléctrica de XEAL

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de desestimar o recurso de alzada que Ferroatlántica interpuxo en decembro de 2017 contra o acordo de Augas de Galicia, no que denegaba a segregación das actividade de ferroaliaxes e da produción de enerxía. Unha gran nova para os traballadores en loita das fábricas, pois a sentenza ratifica o carácter esencial da vinculación da produción de ferraleacións nas fábricas e a produción hiroeléctrica nas centrais, como garantía do interese público, neste caso ligado ao mantemento do emprego.

A segregación sobrevoa a zona como unha pantasma, e os traballadores temen que os novos propietarios teñan a intención de ir desmantelando as fábricas para quedar só coa beneficiosa produción hidroeléctrica das centrais do Xallas. Que non eliminasen este recurso é proba, para o Comité, da intención dos donos actuais.

En todo caso, a representación do persoal valora “moi positivamente a resolución, entendendo que, tal e como está recollido nas cláusulas das concesións, non había lugar para unha decisión en sentido contrario. E así se analiza polo miúdo no punto décimo da sentenza, na que explicitamente se afirma que a prohibición de desvincular actividades constitúe unha condición esencial das concesións, introducida para garantir o interese público, neste caso o mantemento do emprego nas plantas de ferroaliaxes. Non estando por enriba da salvagarda do interese xeral nin a liberdade de empresa nin o libre mercado, tal e como argumentou Ferroatlántica”.

O comité salienta que “esta sentenza dálle a razón os traballadores e as traballadoras e deixa en evidencia a fraude das actuacións de Ferroatlántica, que no seu momento pretendeu vender os dereitos de explotación dos aproveitamentos hidráulicos do río Xallas e Grande como se foran da súa propiedade; e cando non o conseguiu orquestrou unha operación fraudulenta para traspasar a TPG-Ithaka o complexo industrial e as centrais, buscando darlle unha aparencia de legalidade”.

Quedan pendentes moitas cousas, como o Plan de Viabilidade que tamén esixe a Xunta, así como facer realidade o plan de investimentos para ir retomando a actividade, que segue ao 30%.

Doazón de XEAL

A empresa fixo onte entrega da segunda quenda de doazóns posta en marcha a través da campaña #DOA, coa que empregados e a propia empresa queren axudar aos concellos de Cee e Dumbría, así como as organizacións sen ánimo de lucro Cruz Vermella e Cáritas. Desta volta foron 5.000€ para axudar aos colectivos máis vulnerables da sociedade e ao pequeno comercio da Costa da Morte, dous dos grupos máis castigados pola pandemia do Covid-19.

NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA

Comentarios