Venres. 29.03.2024
El tiempo

Última bala para tres

  • Última hora: Suspendida a xornada deste sábado 21 de decembro de todo o Fútbol Federado, pola alerta laranxa-vermella que hai activada durante todo o día.
Sorteo de campos no choque do Dumbria desta fin de semana
Sorteo de campos no choque do Dumbría desta fin de semana
Última bala para tres

Chega a última xornada completa de fútbol do ano 2019 (a semana do 29 de decembro aínda vivirá algúns partidos, con xornada case íntegra no fútbol veterano), e coa competición regular mediada en practicamente todas as competicións é hora de facer balanzo para os equipos e reflexionar durante quince días sobre o que se fixo ben e o que non.

Tres equipos intentarán esta fin de semana non chegar ás festas e comer só carbón e carbón. Tres equipos de fútbol once na Costa da Morte poden pechar o ano 2019 sen coñecer a vitoria (no que se refire á temporada en curso) e teñen apenas unha última oportunidade para logralo.

O caso máis preocupante é para un histórico como o Buño. Despois de varias temporadas consecutivas na Liga da Costa a súa permanencia comeza a estar moi seriamente ameazada. Polo de agora, conseguiu o dubidoso rexistro de ser o único equipo senior que non gañou en toda a primeira volta da competición, xa rematada (o Zas evitou isto sobre a bocina, gañando o último partido). Os oleiros levan seis empates e nove  derrotas en quince partidos, ocupan a última posición da táboa e as sensacións non son boas. Esta xornada non semella que sexa a máis propicia para a vitoria, pois teñen de visitar (Municipal de Arliña, domingo, 16.00 horas, Manuel Espasandín) a todo un Muxía, quinto clasificado, que non regalará nada para non descolgarse da pelexa polos postos de ascenso. O Corme proclamouse campión de inverno da competición, e o Ponteceso, tras vencer no partido da xornada á Esteirana, acadou o subcampionato. 

Os resultados foron aínda máis adversos para o Sofán na División de Honra do fútbol veterano. Recén chegados á categoría, a súa adaptación non está a ser a desexada, e suman tres empates e oito derrotas en once xornadas. Esta semana teñen unha ocasión propicia para sumar os seus tres primeiros puntos, pois reciben no seu campo (O Carral, domingo, 10.00 horas, Alberto Baña) a outro dos recén ascendidos, o Deportivo Razo, que os precede na clasificación con só sete puntos. 

E, por último, na competición infantil é o Laxe quen o sábado (Municipal de Laxe, 11.30 horas, Iván Ferreiro), fronte ao Fisterra, quererá estrear o seu casilleiro de vitorias antes das vacacións.

Tres tríos costeiros e moito máis

A Subdelegación da Costa da Morte do Comité de Árbitros, ademais de atender toda a competición local, disporá este domingo tres tríos arbitrais para a competición de ámbito superior.

Na Preferente Galicia, grupo 2, Pablo Rama (auxiliado por Alberto Baña e Iván Vilanova) visitará o fermoso campo da Senra (domingo, 17.00 horas) para o Ribadumia-Gran Peña.

E na Primeira Galicia, David Vázquez (auxiliado por Daniel Martínez e Esteban Domínguez) dirixirá o Betanzos-Club do Mar do grupo 1 (García Hermanos, domingo, 16.00 horas) e David Castreje (auxiliado por Carlos Señarís e Christian Sendón) pechará o ano no Platas Reinoso (domingo, 16.15 horas, Baio- Esclavitud).

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Comentarios