Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Un pescador de luras do porto de Corcubión

Un pescador de luras do porto de Corcubión
Os feitos acaecidos no peirao malpicán entre varios pescadores afeccionados están levantando certa polémica. A elevación da problemática ata un hipotético “mercado negro do calamar” por parte dalgún medio, provoca o levantamento de moitos dos pescadores da comarca. Xa Óscar de Souto falaba dende Laxe da gran mentira do “Caso Luras”, e hoxe baixamos ata Corcubión, onde Manuel Canosa quere contarnos a súa visión dos feitos.  

Un pescador de luras do porto de Corcubión

Pescando calamares no porto de Corcubion 2 Pescando luras no porto de Corcubión Ante á agresión acaecida no porto de Malpica, tanto os meus compañeiros coma eu estamos totalmente en contra e pedimos que ós agresores se lles castigue coa máxima severidade posible. Pero me temo que estes acontecementos concretos e puntuais traian, como consecuencia, danos futuros a todos nós. Gustaríame facer un chamamento en defensa da pesca deportiva nos portos e en particular da nosa. Levo moitos anos, dende que era rapaz e xa pinto canas, pescando luras nos portos de Cee, Corcubión, Fisterra, Sardiñeiro, O Pindo… actividade que me relaxa e axuda a loitar en contra do estrés diario. É unha actividade que se realiza cando anoitece e apenas interrompemos as actividades pesqueiras dos portos xa que normalmente a esas horas os barcos non faenan. Dependendo do día e particularmente os fin de semana, xuntámonos un grupo máis ou menos grande de afeccionados, e salvo algunha excepción, a nosa relación é cordial, de compañeirismo e nalgúns casos de amizade. Axudámonos uns a outros, intercambiamos aparellos, roupa cando fai frío e moitas das veces comida e café, xa que pasamos moitas horas xuntos, e cando entre dúas persoas hai algún roce, nos mediamos para calmar os ánimos. Nunca presenciei altercados graves ou enfrontamentos que non se puideran resolver falando como persoas adultas. No verán énchense os peiraos de turistas, xente nova que acompañan a seus pais, e a pesar de pescar cóbado con cóbado, e de aguantar a súa inexperiencia, entendemos que o mar é de todos e si molestan moito con cambiar de sitio xa está. Non somos mafia nin somos mafiosos, e nos portos que nomeei nunca vin a ningunha mafia actuar. Tampouco somos fedidos que haxa que botar de ningún sitio. Todo o contrario, o noso pasatempo é san, xera riqueza, pagamos licencias, mercamos varas, carretes, fío, poteiras, roupa e calzado de auga… só en Corcubión e Cee hai catro tendas que viven da venta case exclusiva de material de pesca. Espero que polo acontecido en Malpica non teñamos que pagar xustos por pecadores e si existe tal mafia que os xulgados e a garda civil tomen as medidas pertinentes para a súa depuración, pero que non se tomen medidas que nos impidan pescar nos portos da comarca. Creo que o que aquí expoño pode facerse extensible ó 99% dos pescadores de luras que coma eu pescan, en ratos libres, nos nosos peiraos.
  • Manuel Canosa Sanjurjo, 59 anos, veciño de Corcubión.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios