Imprimir

Un veciño desenmascara o roubo dun canón do sec.XVII dos fondos mariños

que pasa na costa | 21 de novembro de 2011

Parece que o Museo subacuático da Costa da Morte non será moi factible, por moitas promesas que a Xunta lle faga ao alcalde fisterrán. Pero hai quen se quere adiantar a un hipotético museo e levalo á súa casa.

Así acontenceu esta fin de semana, cando Axentes do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil de Arteixo detiveron onte a un armador como suposto autor dun delito contra o patrimonio histórico. I é que o armador tiña gardado na súa nave en Ponteceso, un canón do século XVII, de tipo medio culebrina, que un arrastreiro extraera do fondo mariño.

Un veciño clave na investigación

As primeiras investigacións que permitiron recuperar esta peza de artillería, caracterizada pola lonxitude do seu tubo, débense á colaboración desinteresada dun cidadán, que puña en coñecemento do Seprona da Garda Civil que o pasado mes de xaneiro un pesqueiro descargara un canón nun porto da Costa da Morte.

Os axentes do Seprona, tras ter coñecemento destes extremos, iniciaron de inmediato unha serie de xestións que permitiron en primeiro lugar pescudar a identidade do armador do referido pesqueiro, e a continuación localizar o canón gardado nunha nave situada no termo de Ponteceso.

O detido atópase en liberdade con cargos e en todo caso, do mesmo xeito que o canón, a disposición da Autoridade Xudicial.

Pola súa banda, a Garda Civil xa puxo os feitos en coñecemento de Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia, a fin de que técnicos da mesma procedan á catalogación definitiva da peza incautada.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Garca Civil.
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/ponteceso/un-vecino-desenmascara-o-roubo-dun-canon-do-sec-xvii-dos-fondos-marinos/20111121083003069248.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA