Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Unha corredoira do lugar de Campelo

Unha corredoira do lugar de Campelo
Ai cantas corredoiras haberá pola Costa da Morte… E cantas estarán case que no esquecemento. Esas vías de comunicación, fundamentais hai anos, hoxe son parte do noso patrimonio. E artigos coma este de Suso Jurjo, serven para mantelas vivas.

Unha corredoira do lugar de Campelo

corredoira-de-rebadisa-campelo-mazaricos Corredoira de Rebadisa, Campelo, Mazaricos ”Corredoiras apertadas, camiños de moitas pedras; se non te casas comigo nunca bo camiño levas.” As corredoiras, fondas, estreitas, sinuosas e sombrizas, formaban parte do ADN do noso rural ata que as concentracións parcelarias, o asfalto e os tractores, cada vez máis grandes, acabaron con elas. As poucas que aínda sobreviven acostuman atoparse en desuso e impenetrables debido á propagación da maleza. A fotografía que ilustra esta entrada móstranos o estado en que se atopaba esta “curreduira” do lugar de Campelo no ano 2002. A día de hoxe non sabemos se aínda terá este aspecto tan enxebre ou se xa sería “modernizada” cunha boa tona de aglomerado. Os ribóns que se foron formando ás súas beiras móstrannos o grao de erosión que as choivas, os desaugues das leiras contiguas e o intenso tráfico do vivir labrego foron producindo na súa superficie ao longo dos seus moitos anos de existencia, deixando ao descuberto a rocha nai do subsolo. Completan a súa morfoloxía: os rebolos que o tempo foi depositando no seu leito, os rústicos balados que delimitan as fincas lindeiras, ese hórreo construído mesmo ao barbelo entre o público e o privado, e as pozas que, acó e acolá, non poden faltar en ningunha corredoira dende o outono ata a primavera. Só precisaría para completar a imaxe prototípica deste tipo de vieiros: unhas boas sebes de gamallada, a ambos lados, para imprimirlle un aire sombrizo e misterioso, moi apropiado para tantos e tantos encontros co alén, co mundo do máis alá da morte. Aínda que esta corredoira alimente en nós a lembranza sentimental de tempos pretéritos, as reformas e ampliacións das vías de comunicación que se realizaron nos últimos cincuenta anos foron imprescindibles para o desenvolvemento do noso agro. Agora ben, non estaría mal recuperar e limpar as corredoiras que aínda se conservan. Ademais do seu atractivo como parte de futuros roteiros turísticos, eran parte fundamental da arquitectura da paisaxe, dunha maneira secular de ordenar o territorio e, polo tanto, un patrimonio que, na medida do posible, debemos transmitirlle ás xeracións futuras. Eu, de maneira interesada, propoño empezar pola corredoira que vai dende o lugar de Quintáns ata A Picota. Un residuo dos tempos anteriores á concentración parcelaria. Andei moitas veces por ela na miña infancia. Empeza na Capela da Virxindón e remata no alto do Batán, á entrada da capital municipal. Posúe tódolos valores propios deste tipo de camiños e por riba, a súa enxebre rusticidade, contrasta poderosamente coa urbanidade da vila.  
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios