Venres. 19.04.2024
El tiempo

Unha de cal e unha de area

Unha de cal e unha de area
Dolmen de Dombate musealizado

Mentres a Deputación, dona e señora das nosas reseñas turísticas bergantiñáns, pecha as portas de "Don bater", dun forte portazo, as necesarias actividades socio-culturais, nesa impresionante réplica do berce do Megalitismo galego, aproximación mutua e agarimosa ó noso Pobo, a tan importante sepulcro… e mentres acontece iso… silvas e musgo, hongos, bacterias e humidade toman por asalto o Dolmen real, derradeiro gran tesouro emblemático da nosa arqueoloxía neolítica galega e Ibérica. Só queda tapialo con cal viva coma nun pesadelo… durísimo e incomprensible.

Tivo que facelas maletas o gardián de Dombate, Lito, Ángel Eiroa, que xa non explicará máis esas cuestións técnicas que propiciaban luz a esa longa noite de pedra informativa de cinco mil anos baixo terra. Tampouco poderemos contar con ese guía local borneirán, amante da súa propia parroquia e do seu Dombate, pois agora será, novamente, o silencio e a noite, as tebras e esa cal que soterrarán de cegueira esa gran cúpula acristalada que garda un símbolo do pasado ancestral galaico, hoxe, en perigo de morte.

E tamén quero anotar algún apunte de aninovo sobre as areas, esas areas pontecesáns que tanto amou o bardo, Eduardo Pondal, cando se comparou cun cisne cantor defensor desas mesmas areas douradas e, tan benqueridas, para toda Galiza. Pois el dicianos: que din os rumorosos…?

Os rumorosos falan de palangres e redes na boca da barra con lanchiñas clandestinas nese nocturnidade que todo o oculta. E falan, as malas linguas, de furtivos mariscando almejas coquinas nas areas da Illa Tiñosa, os pes do Monte Branco, con impunidade nas mareas diurnas do verán. Falan os rumores dos rumorosos de cuotas de berberecho apañadas de noite, máis que de día, por eses mesmos furtivos que non teñen dabondo con nada. E falan os que latrican esas malintencionadas letanías de casas onde mercar miñoca e mangón, sen declarar, e viveiros de gavilán (unha lombriz de mar moi cara, alimento fundamental dos peixes) que se exporta a Cataluña e Francia, sen os permisos correctos e sen o control correspondente. Todo rumores. Ata contan tamén os rumorosos, que eses mesmos bandidos ególatras, teñen agora a licencia legal das autoridades sobre os poliquetos (lombrices para pescar), como derradeira estocada a maltreita ribeira do Esteiro do Anllóns.

Se tales rumores fosen certos, ogallá non o sexan, os xubilados e desempregados (ampla maioría) que afogan as súas tristuras na pesca deportiva tradicional con cana e cebo, terían que retirar as súas gamelas pra terra firme, e xa non poderían considerar súa esa tan amada ria, onde a pesca deportiva ancestral é antídoto anti-alcohol, anti-estres e anti-suicidios… calma de tódalas penurias… xa non poderían apañar miñocas para pescar nesa lagoa salgada propiedade de catro mangantes… coa bendición do alto mando?

Unha inmensa ringleira de postes invisibles rodeana como marcando unha extensa marisqueira privada propiedade dos malechores e dos saqueadores asasinos do mar. Pero cando algo que é considerado como común e valorado como algo de todos pasa a ser de catro nadamáis o que acontece normalmente e que as areas transfórmanse misteriosamente en cal viva, con cianuro e tóxicos perigosos, que esbaran por tódolos regatos camiño do mar. Porque ninguén valora a inxustiza e o desafiuzamento do común, e iso mesmo, co tempo, acaba en guerra e contaminación, desastre que fai libre, por sempre, un territorio onde o cisne cantor desexaba repousar como última voluntade poética símbolo desa viaxe final da alma, rio abaixo… camiño do mar.

Non podemos ter nada!!

  • Óscar de Souto, pintor de follas en branco e autor de Trece Poemas.

Outros artigos de Óscar de Souto

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios