Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Unha finde de Primeira

Alberto Bana Sebas Rellan e Pablo Rama no Mazaricos-Flavia
Alberto Baña, Sebas Pérez Rellán e Pablo Rama pitaron o Mazaricos-Flavia desta semana
Unha finde de Primeira

A Subdelegación da Costa da Morte do Comité de Árbitros vivirá unha xornada dominical centrada na Primeira: tres dos catro colexiados desta categoría liderarán tríos costeiros noutros tantos partidos da competición.

O que menos viaxará será Luis Insua, que dirixirá o partido do líder do grupo 2 no Municipal de Vimianzo. O Soneira, en racha (tres vitorias nas últimas tres xornadas que o auparon ao liderado) recibe (17.00 horas) a un irregular Esclavitud, situado no medio da táboa despois de tres vitorias, dous empates e dúas derrotas. Luis Insua estará auxiliado nas bandas por Daniel Martínez e Rai Reborido.

David Vázquez e David Castreje, pola súa banda, viaxarán a terras coruñesas para dirixir encontros do grupo 1. Ás catro da tarde, na Grela 1, David Castreje (auxiliado por Iván Vilanova e Iván Ferreiro) comandará o encontro de urxencias entre Ciudad e Valdoviño, que ocupan, respectivamente, a antepenúltima e a penúltima posición da táboa, sen coñecer a vitoria ningún deles despois de sete partidos, ambos con tres empates e catro derrotas. 

Dun cariz moi distinto será o encontro que lle toque dirixir a David Vázquez. A partir das 17.00 horas, no Complexo Deportivo de Vilaboa, compartindo trío arbitral con Óscar Rey e Christian Sendón, impartirá xustiza entre dous dos grandes favoritos pero que, non obstante, comezaron con moi distinto empuxe a competición: o Olímpico, local, navega na media táboa con só nove puntos, en tanto o conxunto visitante, o Ordes, se atopa líder en solitario despois de seis vitorias e unha única derrota.

Sufrimento na Liga da Costa

Despois dunha sétima xornada centrada nos dous duelos por arriba que se levaron os dous equipos da vila de Pondal, esta xornada as miradas enfócanse cara o fondo da táboa.

En Xaviña (domingo, 17.00 horas) vivirase un derbi que será de moitas urxencias: o tamén malpicán Marcos Ordóñez dirixirá o encontro entre Buño e Malpica. Para os locais, con relevo no banco, son sete xa as xornadas sen coñecer a vitoria (penúltima posición, con só tres puntos). A folla de servizos do Malpica é lixeramente mellor, sete puntos en outras tantas xornadas, pero os postos de descenso están a tiro de pedra e van dúas derrotas consecutivas.

O outro equipo que aínda non coñece a vitoria, o pechacancelas, é o Sporting Zas, que só suma dous puntos. Nesta xornada visita (domingo, 17.15, Óscar Santos) o Sampaio de Refoxos para medirse a un UC Cee que comezou con boas sensacións a temporada (nove puntos sobre os primeiros doce posibles) pero que agora encadea tres derrotas consecutivas.

No que á parte alta da táboa respecta, os partidos da semana pasada deixaron cambio de liderado (agora encabeza o Ponteceso) e cinco equipos en apenas dous puntos. O novo líder recibe a unha das sorpresas da competición, o recén ascendido Coristanco (precisamente quinto a dous puntos). O encontro será novamente no exilio, no Platas Reinoso (domingo, 17.00 horas, Pablo Rama).

Xornada con moitos puntos de interese

Como cada fin de semana, cada categoría deixa máis de media ducia de partidos e moitos focos de interese nos que fixar as miradas.

A categoría xuvenil ten un “líder ficticio”, xa que o feito de ser un número impar de equipos leva a que o Soneira sexa líder virtual por diante de dous conxuntos (Seaia e Outes) que suman por vitorias todos os seus encontros (iso si, tiveron unha semana de descanso). O Seaia visita ao vixente campión de Copa, Corme (O Cairo, sábado, 17.00 horas, José Ageitos), en tanto o Outes se despraza en partido adiantado ao venres ao Carral para medirse a un difícil Sofán, quinto clasificado (19.00 horas, Alberto Baña).

Tamén quedaron impares os cadetes, polo que despois de cinco xornadas son catro os equipos que suman doce puntos, pero só un deles gañou todo até o de agora, o Xallas, que visita (Municipal de Laxe, venres, 18.00 horas, Manuel Trillo) ao Laxe. O duelo máis apretado por arriba semella o Cee-Cabana (domingo, 11.00 horas, Carlos Señarís), que medirá no Sampaio de Refoxos a cuarto e quinto clasificados (os locais, catro vitorias e unha derrota; os visitantes, tres vitorias, un empate e unha derrota).

Na categoría infantil, os dominadores das últimas temporadas, Dumbría e Cee, seguen o seu man a man (cinco de cinco vitorias para cada un neste arrinque), e ambos xogarán a domicilio nesta xornada: Sofán-Dumbría (O Carral, sábado, 11.00 horas, José Ageitos) e Porteño-Cee (A Grixa, sábado, 12.00 horas, Óscar Santos).

No fútbol veterano, na División de Honra, non hai duelos directos nin por arriba nin por abaixo. Os equipos comezan a tomar posición, e despois de cinco xornadas, os principais favoritos xa colleron o mando: Zas (líder), San Román (segundo) e San Lorenzo (cuarto). O Zas, vixente campión, que suma catro vitorias e un empate na presente temporada, defenderá o liderado esta sexta xornada en San Andrés fronte a un recén ascendido Mazaricos, que está a adaptarse moi ben á competición despois dun comezo complicado (sexto clasificado, con tres vitorias nas últimas tres xornadas e dúas derrotas nas dúas iniciais). O encontro será na matinal do domingo, 10.00 horas, e arbitrará Juan Marcos Ríos.

Na Primeira do fútbol veterano, o dominio está a ser para o equipo debutante de Fisterra, o Arasolis, que só cedeu esa posición nunha xornada, tras perder co Deportivo Carballo. Refíxose inmediatamente, e salvo ese pinchazo na terceira estación, foi líder e gañou os seus restantes catro partidos con suficiencia (en total 18 goles a favor e só 3 en contra, todos recibidos no encontro que perderon), deixando a súa porta a cero e promediando máis de catro por encontro a favor. Folla de ruta parecida para o Leiloio, que perdeu na estrea pero agora suma catro vitorias consecutivas, igualando a puntos cos fisterráns. Nesta xornada, o Arasolis visita ao Sporting Bértoa (Municipal da Laracha, domingo, 12.00 horas, Rubén Rivas) e o Leiloio recibe (Feiranova, domingo, 10.30 horas, Iván Vilanova) ao Malpica.

---

Todas as designacións, como cada xornada, categoría a categoría, en futgal.es.

E todos os os horarios, as clasificacións e o carrusel dominical en www.futboldacosta.com.

Comentarios