Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Unha macroFoliada Solidaria en clave de muller para axudar aos refuxiados

Unha macroFoliada Solidaria en clave de muller para axudar aos refuxiados
Foliada Solidaria do IES de Baio

Isabel Risco, Antía Ameixeiras, A Benedicta, Alba María e Lupe Blanco, as Pandeireitas do Muíño, Belém Tajes… Espectacular o cartel que vén de confirmar o alumnado de Artes Escénicas e Xestión Cultural do IES Maximino Romero de Lema para a súa III Foliada Solidaria. Un cartaz de luxo para unha noite seguramente inesquecíbel e chea de sorpresas. Nen unha produtora de primeiro nivel tería armado un cartel así para un festival sen por sen galaico.

Unha cita solidaria que servirá ademais de merecida homenaxe ás pandereteiras de Muiño e a todo o que representa a música tradicional, co baile e a regueifa como grandes protagonistas tamén. A gran cita será este sábado 17 de marzo, no auditorio de Baio, a partir das 20:00h.

E todo, cun sentido solidario, poñendo o foco no tráxico -e ás veces esquecido- panorama actual das persoas refuxiadas. Así, todo o recadado será doado a Pallas@s en Rebeldía, organización que está traballando activamente para axudar aos protagonistas desta dura realidade.

Un traballo práctico valiosísimo

Impresionante o traballo que hai detrás destes eventos, e que lles serve de inmellorable posta en práctica dos aspectos teóricos aprendidos durante as horas de Artes Escénicas e Xestión Cultural. Conta co apoio e a colaboración do alumnado de 4o da ESO, do grupo tradiciona Vintenbaio, da ANPA, da asociación cultural ADRO, de Badius e do Concello de Zas, pero fixeron absolutamente todo eles. Xestionaron a produción técnica e buscaron a colaboración desinteresada de diversos grupos de música galega, todos vinculados dalgunha maneira ao pobo de Baio.

Ligando proxectos

Este ano a Foliada, seguindo coa liña do Proxecto Feminino Plural, pretende homenaxear ás Pandereteiras de Muiño. Unha fonte de inspiración para moitas e moitos dos artistas que traballan no mundo da música tradicional. Estas mulleres bravas traerán á Foliada toda a enerxía da súa aldea, unha das zonas de Galiza que mellor soubo gardar a súa música e bailes tradicionais.

Falando de bailes Chus Caramés e Carme Campo unhas das persoas que recolleron bailes en Muiño, impartirán un obradoiro para aprender os pasos da zona a partir das 20:00h a todas as persoas que o desexen.

A gala comezará ás 21:00 horas coa presentación de Isabel Risco e do seu proxecto solidario que encherá a tarde de emocións e reflexións.

A continuación, darán unha volta polas músicas e os bailes de Galiza co colectivo Punto e Volta. As pandereteiras Rueiro da Cancela achegaran ás cantigas das homenaxeadas da noite: As Pandereteiras de Muiño.

E chega o momento de descansar do baile e comezar a Regueifesta. Alba e Lupe serán as encargadas de facernos rir e pensar ao mesmo tempo. Porque a regueifa é retranca, pero tamén diversión, feminismo e compromiso activista.

Unha vez tomados folgos, continuamos co baile e coa boa música das Oîma para viaxar danzando polo mundo adiante. Un marabilloso transporte no espazo-tempo ao son dun violino, un clarinete e un acordeón.

Para rematar, e antes de continuar coa foliada libre, Voodoo mostrará a súa capacidade para mesturar o folque co soul como somentes se pode facer en Galiza, con xera.

O concerto comezará ás 21:00h e o bono axuda será de 5 euros íntegro para “Pallas@s en Rebeldía”.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios