Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Unha nova falsa sobre o descubrimento dunha anticitera serve de base para unha curta dos Premios Fouciño

Unha nova falsa sobre o descubrimento dunha anticitera serve de base para unha curta dos Premios Fouciño
Gran repercusión a que tivo a nova falsa nas redes sociais En apenas 24 horas o alumnado de Artes Escénicas de 1º de bacharelato do IES Maximino Romero de Lema de Baio quixeron comprobar a viralidade dunha nova falsa - fake new - como foi a que no día de onte se anunciaba neste xornal dixital sobre o descubrimento dunha anticitera nas augas de Laxe. Así que - coa complicidade de Que Pasa na Costa - puxeron en marcha este experimento sociolóxico-educativo que serve de base para a curta que presentarán na II edición dos Premios Fouciño de Baio. "O noso obxectivo foi comprobar como una noticia falsa pode fluír entre outros medios e a veciñanza local en apenas 24 horas" sinalan este grupo de catro alumnas e un alumno que asisten a esta asignatura impartida polo mestre Manolo Maseda. Ante a trascendencia do experiemento, o alumnado pide desculpas ás persoas que se poidan sentir ofendidas ao descubir esta "inocente falsificación" e agardan que sexan comprensivas co proxecto. "A nosa intención non foi en ningún momento incomodar, posto que o noso obxectivo é crear debate crítico ao redor de varios temas: as novas falsas, o poder de Internet, a necesidade de invertir en arqueoloxía no noso país, xerar debate educativo...", sinalan os estudantes. Para levar a cabo este proxecto, o alumnado contou coa colaboración de varias persoas entrevistadas polo alumnado despois de que leran a nova e a "creran". Aos cales, lles agradecen especialmente a súa colaboración así como a todas aquelas que axudaron a espallar a nova compartíndoa a través das súas redes sociais. Carmen Gloria Cernadas Lema - unha das alumnas participantes no proxecto - escribiu a seguinte reflexión: Vesme? Xenial, agora observa. Óesme? Perfecto, agora escóitame. Que diferencia hai?, preguntaraste. Unha diferencia abismal. Os nosos sentidos perciben información e nós aceptámola como certa. Non nos replantexamos que nos estean enganando. Esperta, si que o fan. Os nosos sentidos engánannos. E as persoas tamén. Nós non somos catedráticos en psicoloxía, nin expertos en socioloxía. Só somos cinco adolescentes que hai relativamente pouco deixamos de ver Doraemon e nin sequera podemos conducir ou votar de momento. E, sen embargo, enganámoste. A ti, a todos. Seguro que algunha vez te preguntaches que se lle pasaría a Don Quixote pola cabeza para crer todas esas barbaridades que se lle ocorrían. Pensas que nós somos mellores? Don Quixote deixou de distinguir ficción de realidade despois de ler numerosas novelas cabalerescas. Nós xa non podemos distinguir entre o que é verdade e o que é mentira, o que é un fake. Todos os días os medios de comunicación bombardéannos con información e nós asumímola como certa, sen pararnos a pensar se é fiable sequera. Pero é que non é nada doado, realmente. Neste caso, ademais de empregar as redes sociais, que xa poden ter fama de dubidosas, utilizamos tamén un telexornal, moito máis fidedigno. Con este experimento queremos que aprendas a distinguir xigantes de muíños de vento. Non creas todo o que vexas e oias... Observa, escoita, pensa...  ESPERTA.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios