Venres. 29.03.2024
El tiempo
José Luis Louzán
18:40
28/08/18

Unha verdade incómoda

Unha verdade incómoda
Toda esta historia que hoxe vos traio sae dunha única frase. “Ao mellor hai menos xente porque nacen menos nenos”. Esta falacia escoiteina no marco dunha conversa onde o argumentador postulaba que, si ben o despoboamento na nosa bisbarra é un feito e un desastre, tal vez, dicía, as causas non tivesen tanto que ver cun éxodo por causas económicas e si máis nun problema xeracional ben simple: nace menos xente da que morre e durante máis tempo. É a raíz disto que decidín estudar o asunto e, de aí, sacar conclusión. Non digo, vou con isto por diante, que a pirámide poboacional non se estea a invertír por esta circunstancia, pero hai matices que, penso, marcan moito a diferencia. De iso quero falarvos hoxe. No cadro que vedes máis arriba amósase o escenario da catástrofe. Todos os concellos da Costa da Morte consultados (todos en realidade) perden residentes no tramo de poboación que vai dos 15 aos 29 anos. Neste período tómanse unha serie de decisións que fan especialmente sensible este tramo de idades cando se trata de medir canto de importante teñen as posibilidades de futuro para unha comunidade. Aos 16 anos decídese o itinerario de estudios decisivo, que aboca a universidade ou a formación profesional, adquírese a maioría de idade, conséguese o primeiro emprego, óptase ou non pola vida en parella e fórmase unha familia e, no seu caso, hérdase ou non un negocio ou actividade profesional. Antes dos 30 unha maioría (o 66%, segundo o INE) decide a traxectoria persoal e profesional da súa vida. E nese período, o éxodo dende a Costa da Morte é masivo. Todos os concellos, incluso aqueles, como Cee e Carballo, que non perderon poboación total no censo nos últimos 20 anos, perden poboación de entre 15 e 29 anos. Por concretar, nalgúns casos, perdeuse máis poboación neste tramo que en total, o que fai pensar en aportes de residente doutras idades por enriba da media. Carballo deixou de contar con 2681 mozos e mozas de entre 15 e 29 anos no período que vai de 1998 ao pasado 2017. Curiosamente (pasou algo similar en Cee) esta merma de poboación non é constante e os veciños de entre 25 e 29 anos aumentaron co fin das “vacas gordas” e o inicio da crise (entre 1998 e 2007), pero caeron de novo de xeito alarmante na última década perdendo todo o gañado. Así, a capital bergantiñana perdeu máis de 1000 mozos e mozas de entre 20 e 24 anos nos últimos 20 anos e case outro tanto de entre 15 e 19. Cee, o outro concello que aumentou en poboación con respecto a 1998, perdeu nembargantes máis de 700 veciños do tramo de idade en estudo. Así, os 213 habitantes máis no total do censo non compensa nin sequera a perda de 265 veciños e veciñas de entre 15 e 19 anos, por exemplo. Vimianzo, outro dos municipios da bisbarra que maior éxodo viviu nas últimas dúas décadas, perdeu nada menos que 1162 veciños de entre 15 e 30 anos nese período, case un 60% do total dos habitantes perdidos por este concello nese período. Pola súa banda, Dumbría, que perdeu aínda máis poboación que Vimianzo nas últimas dúas décadas (-1702) quedou sen máis de 672 veciños do grupo de idade comprendido entre os 15 e os 29 anos. Unha cifra que superan con facilidade Muxía (841 veciños menos de 15 a 29 anos), Camariñas (-920) ou Fisterra (-674). Camariñas, por exemplo, contempla unha perda de mocidade que significa un 60% do total dos veciños que perdeu nese mesmo período de tempo. O triste “récord” no obstante, osténtano outros concellos, como Santa Comba, que resta 1294 mozos e mozas ao seu censo nos últimos 20 anos, cifra inferior a de Muros que quedou sen 1401 veciños e veciñas de entre 15 e 29 anos nas últimas dúas décadas. Hai que agardar ao tramo de idade que cubre os residente a partires dos 34 anos para comezar a ver un repunte neste bloque de poboación, e so nalgúns concellos. Como último dato, se buscan vostedes residentes de entre 15 e 30 anos en Corcubión so atoparan 220 persoas e unhas 376 en Laxe. Claro que, dado que o importante para todos e todas é, sen dubida, si se falsificaron ou non etiquetas de viño e si a virxe ou santo de turno procesionaron ben ou ían retranqueados, pouco importa si hai ou non recambio para que pague as pensións cando a miña xeración e outras comecen a retirarse nos próximos 20 anos…. malo será, non? Cada vez que escribo sobre isto recordo aquel poema de Manuel Antonio “Fomos ficando sós o Mar o barco e mais nós… (…) E ficamos nós sós Sin o Mar e sin o barco / nós  
  • José Luis Louzán é escritor, xornalista e empresario

Artigos de José Luís Louzán en QPC 2016

Verdades de José Luís Louzán en QPC

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

Entradas Relacionadas

Comentarios