Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Unha viaxe histórica á Malpica de 1933 coas Misións Pedagóxicas e o Teatro dos Fantoches

Unha viaxe histórica á Malpica de 1933 coas Misións Pedagóxicas e o Teatro dos Fantoches
Da man de Xurxo Alfeirán Chouciño, facemos unha interesante viaxe á Malpica do século pasado, cando aló por outubro de 1993, chegaban as Misións Pedagóxicas á vila bergantiñá. Unha visita que recorda durante este mes o Concello de Malpica cun completo programa cultural, e a través do cal aproveitamos para facer esta viaxe histórica.

 

O Padrodado das Misións Pedagóxicas en Malpica, Outubro 1933. Por Xurxo Alfeirán

Mariñeros, mulleres e nenos esperando aos misioneiros para ver o Teatro de Fantoches en Malpica (A Coruña), outubro de 1933. Fotografía de José Val del Omar. Arquivo María José Val del Omar e Gonzalo Sáenz de Buruaga, Madrid. Mariñeros, mulleres e nenos esperando aos misioneiros para ver o Teatro de Fantoches en Malpica (A Coruña), outubro de 1933. Fotografía de José Val del Omar. Arquivo María José Val del Omar e Gonzalo Sáenz de Buruaga, Madrid.

O Concello de Malpica está a celebrar este días a efeméride da chegada á vila en outubro de 1933 do Padroado das Misións Pedagóxicas con actos para escolares, representación de títeres na rúa principal, magosto e unha exposición de fotos no Centro Cívico recordatorio daqueles pretéritos días. Buceando na memoria dos malpicáns octoxenarios actuais, pouco lembran desas Misións culturais que, polas imaxes conservadas, tiveron unha magnífica acollida.

Non están de máis, pois, os actos efeméredes daquelas institucións tan senlleiras que nos falan do seu bo facer pasado cando, por ende, a labor innovadora e universal de levaren cultura aos lugares máis afastados da xeografía española, desgraciadamente segue de actualidade por defecto hoxendía.

COMO XURDE A IDEA DA CREACIÓN DO PADROADO DE MISIÓNS PEDAGÓXICAS EN ESPAÑA

O Padroado das Misións Pedagóxicas foi creado por un decreto do Goberno da Segunda República o 29 de maio de 1931. O seu principal obxectivo era, segundo recollía o preámbulo, levar aos lugares máis afastados de España os bens culturais que pertencían por dereito a todos os cidadáns e non só aos que vivían nas cidades.

Deste xeito e por fin, despois de moitos anos de intentalo, un goberno reformista español recollía a idea dos insignes Francisco Giner de los Ríos e Manuel Bartolomé Cossío, fundadores en 1876 da Institución Libre de Enseñanza, defensora da liberdade de cátedra (o ensino non podía estar sometido aos dogmas oficiais en materia de relixión, política e moral) e daba, como debe ser, primacía ao saber científico pero sen esquecer a sabiduría da cultura popular.

Esta institución ILE consideraba fundamental a culturalización da poboación, especialmente rural, a máis necesitada deste alimento, porque a través dela fornecíase o pensamento crítico e por ende a democracia verdadeira. O Goberno Republicano, sabedor desta deficiencia en moitos dos pobos e aldeas de España, encargou o proxecto culturalizador ao rioxano Manuel Bartolomé Cossío quen, en calidade de fundador e presidente do Padroado das Misións Pedagóxicas, vai ser o autor intelectual das ideas e supervisor das actividades nel desenroladas.

Máis de 600 foron os homes e mulleres que integraron este Padroado -intelectuais, pintores, escritores, mestres, estudantes, veciños...- en moitos casos de forma altruista, participando segundo podían nunha ou varias misións e facendo aquilo que mellor sabían coa dual idea de achegar a cultura ao medio rural e, á vez, descubrir a riqueza que ese medio gardaba, nunha actitude de labor ilusionante.

As actividades do Padroado centráronse en tres aspectos:

1) Fomento da cultura xeral, para o que crearon os diferentes servizos:

  • a) O Servizo de Bibliotecas. Na España de 1931 non había bibliotecas públicas. Grazas ao Padroado fíxose a maior campaña de lectura infantil e adulta nunca antes realizada, chegando a moitas aldeas e vilas pequenas.
  • b) O Museo do Pobo. Os misioneiros explicaban copias de cadros de pintores españois famosos que eran transportadas en fortes caixas de madeira en camionetas especialmente acondicionadas. O Museo permanecía xeralmente unha semana en cada localidade.
  • c) O Servizo de Cine. Naqueles anos, nas aldeas non se coñecía a existencia do cine e por iso esta actividade solía congregar a moito público. A maioría das películas eran mudas, do xénero cómico: Charlot, debuxos animados e documentais.
  • d) O Teatro e o Coro do Pobo. Para o teatro levaban un tablado pequeno, de fácil montaxe. Pretendían achegar o teatro á xente. Realizábase ao aire libre, en prazas públicas. O repertorio eran pezas breves, de pasos e entremeses do teatro clásico (Juan de la Encina, Lope de Rueda, Cervantes e Calderón de la Barca). Para o Coro levaban un repertorio musical integrado por cancións tradicionais do folclore español.
  • e)  O Servizo de Música. Nalgúns pobos deixaban un gramófono e unha colección de discos de compositores españois que quedaban ao cargo do mestre. Antes da audición facían un comentario sobre o compositor e a música a escoitar.
  • f)  O Retablo de Fantoches. Era un teatro de guiñol, fácilmente montable, que substituía ao de persoas porque este non podía chegar a todas as partes.

2) A orientación pedagóxica das escolas. Foi función especial das Misións dignificar a figura do mestre de escola. Para tal fin, organizaron cursos breves para mestres nos que intercambiaban experiencias pedagóxicas e traballos escolares coa finalidade de reforzar a confianza profesional e mellorar o seu labor docente. Consideraban importante as saídas aos entornos naturais ou artísticos de cada lugar con fins didácticos. Éste era o sentido das Misións de Arte, cuxo obxectivo era «ensinar aos mestres a ler a pedra». «El maestro, que es hoy la palanca más fuerte para el desarrollo de la civilización, es también el camino más fácil y seguro para llevar la ciudad a los campos. Yo, señores, confieso que tengo una fe inquebrantable en el maestro. Dadme un buen maestro, y él improvisará el local de la escuela si faltase, él inventará el material de enseñanza, él hará que la asistencia sea perfecta.» Foron palabras de Cossío pronunciadas en 1882.

3) A educación cidadá das poboacións rurais. Usaron como medio e metodoloxía as reunións públicas e conferencias nas que se informaban aos veciños e se debatían os novos principios políticos que dirixían o país: a democracia, o sufraxio universal, a estructura do Estado, etc. Dentro deste capítulo, a radio foi un recurso chamativo para a xente, anque só aplicable ás poucas poboacións que dispoñían de tendido eléctrico naqueles anos. «¿Dónde, si no es en la escuela, podrá enterarse [el niño] con fundamento de sus derechos naturales, de sus derechos como ciudadano, del régimen de los poderes públicos en su patria, y por dónde, si no es por este camino, ha de llegar algún día a ejercer aquellos derechos con conciencia, a estimarse a sí propio, y a dejar de ser un ciego instrumento, como lo es ahora, en las manos de cualquier intrigante que lo explota para alcanzar sus fines?» Manuel B. Cossío, 1882. Pero estas actividades só durarían cinco anos, durante os cales os membros do Padroado das Misións Pedagóxicas visitaron preto de sete mil pobos e aldeas da xeografía española. A rebelión militar de 1936 remataría con esta experiencia educativa innovadora, provocando o inicio da Guerra Civil Española e a caída da II República. Nembargantes, esta semente pioneira foi exportada anos despois con resultados tamén salientables a Colombia, Cuba e Urugai

As Misións Pedagóxicas en Malpica

As Misións Pedagóxicas en Malpica. Outubro 1933 copia

Cartaz anunciador do Museo del Pueblo, obra do diseñador Sr. Fernández Maza. Foto do libro “Memorias del Patronato de Misiones Pedagógicas” Madrid 1935

En agosto de 1933, comezou a misión pedagóxica de Galicia, dirixida polo escritor pontevedrés Rafael Dieste, nunha viaxe que percorrería as catro provincias galegas, en anos diferentes, dando especial atención aos pobos da Costa da Morte pola singularidade de seren lugares afastados con deficiente comunicación.

O servizo máis importante aquí realizado, por inexistente na zona rural, foi posiblemente o da distribución de 405 bibliotecas: 79 en A Coruña, 48 en Lugo, 123 en Ourense y 155 en Pontevedra. «Porque esto es lo que principalmente se proponen las Misiones: despertar el afán de leer en los que no lo sienten, pues sólo cuando todo español no sólo sepa leer —que no es bastante—, sino tenga ansia de leer, de gozar y divertirse, sí, divertirse leyendo, habrá una nueva España.» Manuel B. Cossío, 1931.   Os misioneiros culturais chegaron a Malpica na terceira semana de outubro de 1933.

Este foi o cartaz anunciador do evento que colgaba nos lugares públicos da vila mariñeira. Entre os misioneiros colaboradores estaban: O escritor galego Rafael Dieste; o pintor Ramón Gaya; Antonio Sánchez Barbudo, como auxiliar; o estudante Arturo Serrano Plaja; o profesor da Escola Plurilingüe, Sr. Otero Espasandín; o deseñador, Sr. Fernández Maza e o escritor Antonio Ramos Varela En Malpica os misioneiros desenrolaron fundamentalmente tres actividades: O Museo do Pobo, Charlas e Conferencias e o Retablo de Fantoches.

1.- O Museo do Pobo. Este servizo incluía explicacións de copias de cadros de famosos pintores do madrileño Museo del Prado e a Academia de Bellas Artes de San Fernando. 

As Misións Pedagóxicas en Malpica. Outubro 1933-Foto do Libro do Patronato

Foto do libro “Memorias del Patronato de Misiones Pedagógicas Madrid 1935

O galpón da Cerca da casa do Vizconde San Alberto foi o espazo habilitado en Malpica para a exposición dos lenzos, complementados de cortinas colgantes e macetas con ramos de flores que daban a estancia un reclamo especial decorativo para focalizar o interese da xente de cara a arte pictórica. A Malpica trouxeron as copias dos seguintes cadros: Auto de fe, de Berruguete; Retrato do príncipe don Carlos, de Sánchez Coello; Resurrección e Retrato dun cabaleiro, de El Greco; Soño de Xacob, de Rivera; As fiandeiras, Retrato da infanta Margarida e Don Antonio, o Inglés, de Velázquez; A visión de san Pedro Nolasco, de Zurbarán; O neno Deus pastor, de Murillo; Os fusilamentos do 2 de maio, La maja vestida, O Pelele e varias reproduccións dos grabados máis famosos de Goya

2.- Charlas e conferencias. Xiraron fundamentalmente sobre información social, política, economía, instrucción democrática e sobre temas de importancia daquel momento. 

Jose Grana nas Misions Pedagoxicas

Foto do libro “Memorias del Patronato de Misiones Pedagógicas ”Exposición nas “locais da Cerca” Casa do Vizconde San Alberto. Madrid 1935

Como se pode apreciar na foto, as charlas e conferencias tamén engancharon aos veciños de Malpica. Estas charlas eran dadas contra a noite, unha vez rematadas as faenas de pesca e as actividades domésticas. Como o lugar era o mesmo, alternábanas coas explicacións dos cadros pictóricos. A metodología empregada consistía en comezar por motivar aos asistentes facendo referencias históricas sobre o tema a tratar (ben para explicar un cadro, un tema de actualidade ou asuntos de interese nacional e local).

Estas actividades solían rematar con lecturas interesantes e recitando os misioneiros romances e poesías para os asistentes. «Dábamos las charlas bastante tarde, ya de noche ... Venían al Museo muy arreglados y limpios, con sus trajes o blusas azules de domingo. Y esto sólo ya era conmovedor, y al comprender nosotros el homenaje, nos obligábamos para divertirles en lo posible, bien con música antes de empezar o dando a las explicaciones un tono risueño o de anécdota amable.». Patronato de Misiones Pedagógicas.

José Graña “Tío Graña” co seu fillo Manuel Graña Blanco nunha desas conferencias. Foto do libro “Memorias del Patronato de Misiones Pedagógicas” Madrid 1935 José Graña “Tío Graña” co seu fillo Manuel Graña Blanco nunha desas conferencias. Foto do libro “Memorias del Patronato de Misiones Pedagógicas” Madrid 1935

3.- O Retable de Fantoches, espectáculo así titulado, no que se representaban pequenas obras de teatro en formato guiñol, coa posta en escena especialmente da obra de Rafael Dieste titulada “La doncella guerrera”. Malpica tivo o honor de ser o primeiro pobo a nivel nacional onde se realizou esta actividade, na rúa principal, fronte a “Casa da Santa”, acollida por certo con moita curiosidade polos veciños, como se observa na foto testigo do momento.  Representación do Teatro de títeres na praza principal de Malpica, fronte á casa de Ramón da Perilla “Casa da Santa” coa “Rampla de don Anselmo Villar Amigo” á dereita, varadeiro das embarcacións de vela e remo mariñeras. Están identificados varios veciños, entre eles, Consuelo Graña “Consuelo do Cura” (abaixo esquerda) e Antonio Otero Castiñeiras (neno do medio).  20 de outubro de 1933. Colección L. Hernández Iglesias.
Representación do Teatro de títeres na praza principal de Malpica, o 20 de outubro de 1933 (Colección L. Hernández Iglesias) fronte á casa de Ramón da Perilla “Casa da Santa” coa “Rampla de don Anselmo Villar Amigo” á dereita, varadeiro das embarcacións de vela e remo mariñeras. Están identificados varios veciños, entre eles, Consuelo Graña “Consuelo do Cura” (abaixo esquerda) e Antonio Otero Castiñeiras (neno do medio).

De cada Misión Pedagóxica, os misioneiros participantes facían unha memoria das actuacións realizadas en cada pobo. Grazas a iso, sabemos con moito detalle cada unha das actuacións neles realizadas.  

  • Xurxo Alfeirán Chouciño

 

 

Comentarios