Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Unha visión moi persoal da Compostela monumental

Unha visión moi persoal da Compostela monumental
A pesar da chuvia asistimos en Praterías a unha sinfonía de cores á saída da misa. Instantánea de Josip Ciganovic de 1968 A pesar da chuvia asistimos en Praterías a unha sinfonía de cores á saída da misa. Instantánea de Josip Ciganovic de 1968 Dicía o historiador da arte E. Panosky que non hai ningún espectador que non sexa capaz, por ben poucos coñecementos que posúa, de apreciar unha obra de arte ou algún aspecto da mesma. Incidindo nesta cuestión e velaquí unha parte da nosa proposta, quizais ninguén mellor que ese espectador sen formación artística para valorar o esforzo da materialización dunha obra de arquitectura. O feito de que sexa alleo a unha morea de teorías estéticas e estilísticas, de métodos iconográficos e formalistas, de comitentes e arquitectos, faino máis sensible a dificultade que supón a construción dun grande edificio, aumentando a súa estima polo traballo anónimo e “calado” dos canteiros que con maxistral pericia lograron domear a eterna natureza do granito para convertelo en “carne de rosa e voz de fontenla”, como dixo Otero Pedraio. Un día de feira cos porcos paseándose por diante do Colexio de San Clemente. Fotografía de Ruth Matilda Anderson de 1924. Un día de feira cos porcos paseándose por diante do Colexio de San Clemente. Fotografía de Ruth Matilda Anderson de 1924. E falando de arquitectura e espectadores alleos ao mundo da arte, podemos lembrar aquí ao xa clásico dialogo entre a aldea e a cidade. No que a aldea facilitará o contemplador e a cidade o seu poder construtivo que, por proximidade xeográfica e sentimental, exemplificaremos en Compostela. Unha Compostela á que Valle Inclán cualificou como a aldea máis grande do mundo, na que a feira ata os anos setenta do século pasado estaba na carballeira de Santa Susana, e a fronte do Colexio de San Clemente parecía máis un curro de pazo rural que unha praza da capital. Unha capital que, non hai moito, pese ás lanzais torres que querían escapar do mundo; aos fidalgos brasóns, pasaportes dos sangues máis elevados; ás tenda finas de coloniais, verdadeiras escolas de mesquindade e de explotación de mancebos; non podía vivir sen o aire fresco da terra farturenta. Unha cidade que precisaba dos froitos e dos servizos provenientes de máis alá dos seus lindeiros para comer, para beber, para quentarse, para criar os porcos e as galiñas que posuíron moitos dos seus veciños ata ben avanzado o século XX ou para liberarse das deposicións de persoas e animais con anterioridade á construción dunha rede de saneamento axeitada. A urbe franqueaba as súas portas ao mundo da aldea que —a pé, a cabalo ou nos seus carros do País— traía a forza do seu traballo e o produto dos seus suores para ofrecelos de porta en porta ou nos lugares acostumados a quen puidera necesitalos. Os lugares? A xa citada feira que os xoves se celebraba en Santa Susana; e despois de 1873 —abolidos os vellos mercados da Praza de Mazarelos, do Campo, da Inmaculada, da Carnicería Vella,…— na nova Praza de Abastos construída con ferro e cristal no espazo que anos antes ocupara o Pazo dos Condes de Altamira, tan estreitamente xunguidos á Costa da Morte. Esta estrutura tan do século XIX foi substituída entre 1937 e 1941 pola conxunto de naves de pedra e formigón que hai na actualidade, quizais unha das mellores intervencións arquitectónicas do século XX no seu da cidade antiga.

A xente do rural enchía a vila coas súas mercadorías e as súas falas sonoras que, alleas aos represivos refinamentos da urbanidade, tamén tiñan algo que dicir sobre o espectáculo da arte, aínda que só subliñaran o colosalismo dos volumes, a inmensidade dos espazos e a dificultade da realización.

Cando os nosos paisanos van ao Santiago monumental, por motivos nada artísticos, o que máis gaban da cidade apostólica é a solidez, a fortaleza, a perfecta estereotomía , a vigorosa elevación dos seus edificios pétreos. Ninguén mellor que un artesán para considerar e estimar o traballo doutro artesán, sexa este da terra, da madeira ou da pedra. O aldeán, descoñecedor de calquera referencia ás leis do decoro artístico, ás regras de composición, aos vocabularios decorativos ou ás autorías e atribucións, fai da carencia virtude e privilexia, máis que ningún outro, o traballo ingrato e humilde dos canteiros. O traballo dos seus iguais que con maza, cicel e sabedoría antiga labraron con graza e precisión a “dura pedra esencial” e asentárona con rotundidade e limpeza ata conseguir a altura desexada. Asumindo en todo momento a estética e a estática da materia: grandes perpiaños perfectamente escuadrados, tallados axeitadamente sen afogar os seus valores táctiles e expresivos, que lle ten dado á arquitectura galega esa intemporal monumentalidade que dende o dolmen de Dombate ata San Xián de Moraime e do hórreo de Santa Comba de Carnota ao faro do Cabo Vilán, ateiga os froitos de tódalas colleitas estilísticas.

Unha ilustración da fachada do Obradoiro dos anos cincuenta do século pasado Unha ilustración da fachada do Obradoiro dos anos cincuenta do século pasado

Seguindo coas impresións do contemplador rural, aínda me lembro, nas miñas primeiras viaxes a Compostela sendo rapaz, da emoción tinguida de temor que me causaba a visión da inestable fachada do Obradoiro. Daquela non podía reparar nun elemento importante que contribuía á espectacularidade destas olladas iniciáticas. Refírome á incidencia do camiño de aproximación á grande praza. Como tiven unha tía vivindo moitos anos no Carme de Abaixo, subía pola rúa das Hortas. Unha rúa estreita e de casas miúdas, fonda e sinuosa coma unha corredoira que fecha a visión do horizonte. E antes de penetrar en espazos máis liberados atopaba os inmensos volumes cúbicos do Hospital Real e do Pazo de Raxoi, que a modo de pano teatral impedían calquera visión ou presentimento da fábrica catedralicia, que só podía contemplar en fantástica aparición, cando rematado o traxecto, co corazón algo acelerado polo esforzo da empinada subida final, entraba materialmente no escenario como saído da cuncha do apuntador. Para un rapaz da aldea acostumado a ver casas de dous andares con aparello de cachotes, aquela altura plena de movemento ao que contribuían o característico xogo de masas que en contrapostos de cheos e bacíos, dilatacións e contraccións, avances e retrocesos, provocaba unha vibración de luces e sombras que desencadeaba no meu influenciable ánimo un tremer entre o asombre e o medo; porque aquela inmensa estrutura de pedra podía levantar o voo en calquera momento e saír disparada para outra galaxia, ou pola contra, coma nos versos de Rosalía “me pareció al mirarla que quería/ sobre mi frente desplomar, ya en ruínas,/ de sus torres la mole gigantesca”. Ningunha outra entrada na praza do Obradoiro ofrece a insospeitada espectacularidade que posúe a humilde e rural Rúa das Hortas.

Para os labregos e mariñeiros da “Galicia eterna” a fachada do Obradoiro, polo rico acerbo de significados simbólicos que o tempo foi depositando ao longo de case tres séculos, é a imaxe do templo ideal. Aínda que teñan que facer un esforzo suplementario para internarse pola espesura decorativa, deixando a un lado as sombras da foresta e os brillos da pedrería e, así descubrir as calidades tectónicas, a impecable firmeza e o corte preciso, agochados na dinámica plasticidade das formas que, conxuntamente coa evidente altura dos “mellizos lirios de osadía” cantados por Gerardo Diego, enxalzan a unha categoría universal a obra cume de Casas Novoa. O amor pola perenne solidez da pedra e pola exuberancia decorativa conxúganse no aprecio por esta cristalización esencial da nosa historia cultural.

Case tódalas prazas compostelás  ofrecen a visión privilexiada e en primeiro plano de un sen número de edificios de excepcional valor artístico. As catro que rodean a catedral poden ser o exemplo máis sobranceiro, onde ademais do protagonismo absoluto da Igrexa Maior, entran no reparto inmobles fundamentais como o Hospital Real, o Pazo de Raxoi, o de San Xeromo, as Casas do Cabido, da Conga e da Parra, o Mosteiro de San Paio e o de San Martiño Pinario,… Pero “hai máis cousas no ceo e na terra” e en Santiago abundan as prazas que realzan e privilexian un ou varios edificios: a de San Martiño a igrexa do Mosteiro dos bieitos, a do Toural o Pazo de Bendaña, a de Fonseca o primitivo centro universitario que lle da nome, a de Cervantes a igrexa de San Bieito, a das Ánimas a capela da mesma advocación,…

Pese a esta achegada visión, en moitos casos de maneira imprevista e sorprendente, aos máis importantes chanzos construtivos da cidade; entre as maiores singularidades da paisaxe urbana de Compostela, apuntadas xa fai anos polo profesor Marín González, están as perspectivas a longa distancia ás que contribúen tres elementos fundamentais: a desigual orografía sobre a que se asenta a capital, o desenvolvemento do tecido viario que esta desigualdade provoca e o acertado e espectacular aproveitamento que os urbanistas e arquitectos composteláns fixeron destes dous antecedentes para erguer os edificios máis sobranceiros, ou algunha parte especialmente simbólica dos mesmos, tendo moi en conta os eixos visuais dende os que serían observados.

Situada sobre as ladeiras do mítico Monte Libredón da lenda apostólica, e rodeada dun circo de montañas de distinta altitude que nos ofrecen privilexiados miradoiros sobre a inmensa masa de pedra: Belbís, Bonaval, A Almáciga, o Monte do Gozo, Santa Susana, o Pedroso,… De todos eles, quizais sexa o Outeiro de Santa Susana coa súa carballeira e o parque que a rodea, o máis concorrido balcón de observación pola súa proximidade á cidade e polo seu protagonismo histórico, social e cultural ao longo do tempo. Aquí tiñan lugar as feiras dende tempos inmemoriais, e segue sendo o principal escenario dos paseos, dos xogos e das festas. Un enclave de comunicación entre as distintas clases sociais da urbe, e entre esta e o seu entorno rural.

A cidade monumental vista dende o Paseo da Ferradura. Ilustración de Teodoro Miciano dos anos cincuenta do século pasado A cidade monumental vista dende o Paseo da Ferradura. Ilustración de Teodoro Miciano dos anos cincuenta do século pasado

Dos diferentes espazos que configuran o que, sen temor a equivocarnos, podemos cualificar como o parque de maior fermosura de Galicia; o Paseo da Ferradura é dos máis soberbios.  Andar baixo a longa nave de abovedamento arbóreo é sempre unha experiencia gozosa, dilatada de maneira ostensible polas aperturas laterais: a un lado a centenaria carballeira e ao outro o mellor perfil da cidade monumental. Esta vista de Compostela foi xa tantas veces celebrada que é difícil dicir algo novo. Nun primeiro momento ía comparala cunha grande fervenza de pedra. Mais recuei porque non é algo que cae, que se precipita; senón algo que se ergue, que ascende nunha vertixe inalcanzable. Non é unha fervenza senón unha enorme fonte barroca, un inmenso surtidor con tantos chorros, con tantos torrentes que se elevan como torres, cúpulas e miradoiros ten a urbe; trazando unha silueta de continuos in crescendos presididos polos gloriosos e redobrantes campanarios da Igrexa Maior.

Pasarrúas festeiro por Xelmírez coa torre da Vela da Catedral en profundidade de campo. Fotografía de Josip Ciganovic de 1968 Pasarrúas festeiro por Xelmírez coa torre da Vela da Catedral en profundidade de campo. Fotografía de Josip Ciganovic de 1968

Se as perspectivas que a cidade monumental nos mostra dende fóra do seu perímetro son espectaculares, non o son menos as que se abren dentro do tecido urbano. Por suposto é o complexo catedralicio pola súa extensión, o seu volume e a súa altura, o que máis miradas atrae dende variadas posicións. Sempre en dirección á catedral, segundo avanzamos polo Franco, a Raíña, a Rúa do Vilar, o Preguntoiro, Xelmírez, San Francisco ou Val de Deus, imos apreciando distintos aspectos da inmensa masa da Sé Arcebispal: os dous costados das torres do Obradoiro, a cúpula, a torre da Vela, a Berenguela,… que privilexian a fábrica apostólica ao enriquecela con múltiples puntos de vista, e ás rúas dende as que podemos contemplar con só erguer a vista a magnificencia coa que, aquí e acolá, se coroa esta monumental estrutura de granito.

A Praza da Quintana presidida pola Berenguela dende a entrada da Vía Sacra. Ilustración de Mamano Pino dos anos cincuenta do século pasado A Praza da Quintana presidida pola Berenguela dende a entrada da Vía Sacra. Ilustración de Mamano Pino dos anos cincuenta do século pasado  Un carro de vacas na Praza da Inmaculada (Acibechería) reproducido na portada da revista LA FAMILIA de xullo de 1951 Un carro de vacas na Praza da Inmaculada (Acibechería) reproducido na portada da revista LA FAMILIA de xullo de 1951

Ademais deste ir mirando segundo camiñamos, hai algúns lugares que parecen especialmente deseñados para deterse e demorar a nosa observación. Un deles é a entrada na Quintana dende a Vía Sacra, enmarcada polo Mosteiro de San Paio e a Casa da Parra, temos unha das vistas máis fermosas de Compostela, que inclúe a Porta Santa, fragmentos da Casa da Conga e da do Cabido; as partes superiores da capela maior, do deambulatorio e da capela do Pilar da catedral; e, sobre todo, a Berenguela. Esa perfecta agrupación de volumes decrecentes nos que se xoga coas plantas cadradas, octogonais e circulares; onde as superficies macizas se alternan sabiamente coas perforadas por numerosos ocos; e toda ela revestida polas mellores galas do barroco.

Outro dos paradoiros de obrigada visita é o que nos ofrece o desembarco da Rúa da Moeda Vella na Praza da Inmaculada. Atopámonos novamente cunha escena acoutada, neste caso por unha vivenda e polo Mosteiro de San Martiño Pinario, e na que podemos atopar fragmentos de diferentes casas, do Pazo Arcebispal, da fachada catedralicia da Acibechería e, coroando todas estas estruturas, a parte posterior das torres do Obradoiro. Formando un suxerinte conxunto no que se conxugan os variados graos de plasticidade e volumetría dos diferentes inmobles.

A maiores da catedral  hai outros moitos edificios que atraen a nosa mirada dende a distancia: o avanzado portal rematado polo campanario barroco de Santa María Salomé dende a entrada da Rúa Nova. As torres ou a fronte do Convento dos franciscanos dende a Porta da Pena, as rúas de Val de Deus, de San Francisco e da Costa do mesmo nome. A fachada da igrexa de San Martiño e as torres de San Miguel dende a Algalia de Arriba. O edificio e a igrexa da Universidade, esta última co seu potente campanario, dende a Rúa do Castro, a Caldeirería ou  Mazarelos.

Isto non é máis que un pequeno entrante a unha cidade onde cada praza, rúa, edificio e curruncho merecen ser vistos e gozados con detemento.

Un carro de vacas na Rúa Nova Un carro de vacas na Rúa Nova  
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

  https://quepasanacosta.gal/de-caneiras-e-de-esterco/

Comentarios