Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Veciñ@s polo mundo: “De Australia importaría o convencemento que teñen sobre coidar o entorno”

Veciñ@s polo mundo: “De Australia importaría o convencemento que teñen sobre coidar o entorno”
Valentin Barcia en Australia O santacombés Valentín Barcia en Brisbane, a terceira cidade de Australia

Nunca tan lonxe estivemos na que chamamos a 6ª comarca da Costa da Morte, a diáspora. Hoxe imos ata as Antípodas, ata Australia, para coñecer un xalleiro que anda entre o estudio e a viaxe. Canto se aprende de viaxe de estudios, que envexa.

valentin en australia 2  
  • QPC: Como te chamas?

Valentín Barcia Anido

 
  • QPC: De onde es?

Santa Comba.

 
  • QPC: Onde vives agora?

Australia, para ser máis exactos en Brisbane, que é a terceira cidade máis grande de Australia.

 
  • QPC: Por que motivo te trasladaches aí?

Acabei a carreira en setembro, necesitaba mellorar inglés e quería vivir unha experiencia que non esquecera xamais. Coñecía unha persoa que estivera en Sydney, despois de falalo con el e con meus pais decidinme dar o paso.

 
  • QPC: Canto tempo fai que te mudaches?

Cheguei a Brisbane o 2 de Outubro. Tiven dúas semanas de vacacións na escola e aproveiteinas para viaxar a Melbourne e a diferentes recunchos da costa de Queensland. Non vos podedes imaxinar a cantidade de praias e lugares exóticos que se pode encontrar un por esta parte do mundo.

 
  • QPC: En que traballas?

Polo momento non traballo. Estou estudando nunha escola de lingua inglesa, EF School. Agora mesmo estou preparando un exame de inglés, dado que para o meu CV, e para o de calquera, é moi importante ten un certificado dun idioma estranxeiro.
Intentei buscar traballo en diferentes lugares para gañar algo e así axudar a meus pais cos gastos, dado que a vida en Australia está o dobre de cara que en España, pero co visado que teño é moi difícil debido a que só podo traballar 20 horas semanais.

 
  • QPC: Que é o que máis botas de menos da Costa da Morte? Tes morriña?

Esta pregunta e moi fácil, a comida!!!! Dado que Australia non ten unha gastronomía propia, foi recollendo receitas de diferentes partes do mundo, creándose así a súa propia gastronomía, a cal é moi distinta da nosa. Aquí a xente cociña sen sal e gústalle utilizar moitos tipos distintos de especies, a maioría delas Orientais. O sabor é moi distinto pero sonche bo comedor, así que non tiven problema por acostumarme a comida.

Morriña... que palabra tan xeitosa... pois como bo galego por suposto que teño morriña, boto de menos comer unha tapa de polbo os días da feira en Santa Comba ou facer un churrasco con todos os amigos. Pero a experiencia está sendo máxica, na cal estou aprendendo moitas cousas, que tan só viaxar nos pode ensinar.

 
  • QPC: Manteste ao día da actualidade costeira? Como?

Por suposto que si. Existe unha gran diferencia horaria con respecto España, 8 horas, pero intento ler a prensa todos os días cando me levanto e cando vou durmir. La Voz de Galicia e voso periódico soen ser as miñas fontes de información preferidas.

 
  • QPC: Cantas veces ao ano viaxas a casa?

Pois dado que cheguei en Outubro a idea non era volver a casa hasta que acabara o curso, pero no nadal decidín darlle unha sorpresa a meus pais, aparecendo de repente a hora do xantar na casa.... imaxínate a cara súas caras... Acabaran de falar a noite anterior co seu fillo que estaba a 18.000 km e o día seguinte estaba comendo con eles na casa... foi o mellor nadal que recordo!

 
  • QPC: Que tal embaixador es da túa terra? Canta xente tes traído de aí a visita a Costa? A canta lle tes falado dos nosos recunchos?

Eu creo que son un bo embaixador de Galicia e de toda a Costa da Morte, dado que cando temos que facer unha presentación ou un texto sempre escribo sobre a miña terra... Xente de Xapón, China, Abu Dhabi ou Australia que fun coñecendo desde que levo aquí xa me dixeron máis dunha vez que querían vir a Galicia e probar os Percebes! Chámalle parvos!!!

 
  • QPC: Que diferencias máis grandes atopas entre o teu novo lugar de residencia e a Costa da Morte?

Os horarios que existen. Aquí a maioría da xente levantase as cinco da maña, a comida é moi lixeira, un sandwich ou unha ensalada, e as sete da tarde mais ou menos xa estamos ceando. Acostumado o horario español, os primeiros días cando me ía durmir as once da noite ou así xa tiña fame outra vez...
Con referencia os lugares, na parte de Australia na que vivo hai moito verde, moito monte, as praias son moi extensas, algunha incluso me recordou algunha praia a que só ir no verán cos amigos.

 
  • QPC: Que cousas importaría para a Costa da Morte e que cousas levarías de aquí para aí?

Pois quizás unha axuda no aspecto gastronómico non lle viñan mal e dado que os Australianos son de bo dente, un polbo a feira, a maneira de como facemos o churrasco ou unhas orellas do carnaval seguro que non lles ían facer ascos!

Con respecto á xente, a verdade é que somos moi parecidos, desde o primeiro día notei que a xente e moi sociable e aberta, como ocorre en Galicia. O primeiro día perdinme na cidade e pregunteille a un home onde quedaba a estación de buses, este ensinoume no móbil onde quedaba e preguntoume se xa me localizara e como levaba un día díxenlle que non... e sen pensalo un momento, acompañoume hasta a estación de buses.

E algo que levaría de Australia para Galicia? Quizais sería o convencemento que teñen sobre coidar o entorno que nos rodea, a xente soe ir descalza pola rúa dado que todo está limpo. E tamén roubarlles un poucos de días soleados, en Brisbane hai unha media de 300 días de sol o ano!

valentin en australia  
  • QPC: Cóntasnos algunhas anécdotas que che aconteceron por aí?

Quizais a máis grande foi un día que estaba mergullado ao lado dun antigo barco encaiado na praia é atopeime cunha quenlla… imaxínate a sorpresa que me levei... ó final todo se quedou nunha anécdota, menos mal!!

Outra moi graciosa foi en Melbourne, estaba andando pola calle e párame unha matrimonio xaponés preguntándome onde quedaba un restaurante famoso da cidade, eu expliqueilles que non era de aí e a súa resposta foi: ”Oooh perdón pensabamos que eras australiano…” Eu creo que me falta estar máis moreno e ser rubio...
E un recordo moi bo foi ver as World Series de Tríatlon en vivo! Como seguidor deste deporte, poder ver os profesionais mundiais correr en directo será algo que nunca esquecerei, como poder falar despois cos representantes españois na carreira.

Pero sobre todo quédome, co que finalmente che aporta vivir no estranxeiro, poder somerxerte nunha cultura distinta a túa, coñecer xente, facer amigos desde cero, aprender unha nova lingua, considero que só nun país de fala inglesa podes 100% aprender un idioma, e sobre todo para min, a afouteza que liberei despois de viaxar só.

 
  • QPC: Atopácheste con algún veciño costeiro máis? Xúntaste con galegos ou costeiros habitualmente?

O día do clásico, estabamos nun bar todos os galegos e todos os españois e había bastante xente de Galicia, uns eran de Pontevedra, outros de A Coruña... estamos en todos os lados!

 
  • QPC: Volverás á túa terra? Cando?

Por suposto que si! A pesar de que Australia é un sitio do cal me estou namorando, tanto polas paisaxes, a xente, a cultura e o clima, que posiblemente sexa unha das mellores cousas, a casa é a casa... Agora teño que saír de Australia nun mes e pouco debido a temas de visado, pero a miña intención e pasar aquí un par de anos traballando como enxeñeiro. De vez en cando a morriña e moi grande, pero aquí hai un mundo de posibilidades. Alento a todo o mundo que este dubidando en vir ou non, que si que o fagan! É unha experiencia que nunca vas esquecer e moi enriquecedora .

Dende aquí quero mandarlles un saúdo a meus pais: Jose Lino e Mª Albina, que grazas a eles todo isto é posible, a miña irmá Fátima e Dani que tamén me axudaron e axudan sempre e a todos os meus amigos e amigas que teño por Galicia, que a pesar de estar na outra punta do mundo que non me esquezo de ninguén!

 

Veciñ@s polo mundo

Estes son algúns dos amig@s que xa temos visitado polo mundo. Se queres contarnos a túa historia ponte en contacto en [email protected].

Fonte

Comentarios