Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Verdegaia outorga a ContraMINAcción o premio semente e ao alcalde de Cabana o cemento

Verdegaia outorga a ContraMINAcción o premio semente e ao alcalde de Cabana o cemento
Verdegaia entrega os seus premios semente e cemento

A loita da mina de ouro Corcoesto protagoniza os premios que a entidade ecoloxista Verdegaia entrega este curso. E a intención é clara, pois xa vedes que a entidade outorgou este ano o seu "premio semente" á mellor actuación ambiental do ano á "rede ContraMINAcción" pola súa labor reivindicativa contra a minaría contaminante en Galiza, e o "premio cemento" ao Alcade de Cabana de Bergantiños -José Muíño Domínguez- "en nome e representación da empresa e accionistas de Edgwater, empresa canadense promotora da mina a ceo aberto de Corcoesto".

Estes premios son propostos e elixidos anualmente entre as consideradas pola base asociativa de Verdegaia como peores actuacións ambientais do ano para o premio cemento, e as mellores actuacións para o premio semente. As propostas de este ano optaron claramente por defender a terra das agresións mineiras.

ContraMINAcción levou o premio semente “polo seu traballo diario tan importante para conservar o territorio e que non sexa vendido a certas empresas o que é de todos”. Compre destacar, que ademais de ContraMINAción foi proposta ao premio semente a ASC O Iribio pola súa loita diaria contra a canteira do penedo de Triacastela. Esta asociación, como finalista aos premios e parte integrante da rede ContraMINAcción recollerá o premio semente no seu nome.

Explican dende a entidade que "o premio Cemento foi outorgado ao Alcade de Cabana de Bergantiños polo seu claro rumbo a favor do proxecto da mina de Corcoesto e da empresa promotora da mesma sen facer valer os intereses da veciñanza. Entre as súas actuacións negativas compre destacar a recollida de currículos de persoas desempregadas no concello que quixesen traballar en Edgwater cando o seu proxecto aínda non está aprobado, e as dificultades que puxo ás veciñas e veciños para informarse sobre o proxecto. A destacar, que a día de hoxe, non ten facilitado un espazo público (a pesar das reiteradas solicitudes) para que especialistas e persoas expertas informasen sobre o proxecto mineiro, mentres que lle deu todo tipo de facilidades á empresa, mesmo saltando a legalidade ao permitirlles traballar sen licencia municipal ata que foron denunciados pola veciñanza. Verdegaia quere que o premio vaia na súa persoa tamén cara aos investidores e investidoras nas empresas mineiras como Edgwater de alto risco financeiro, que por ter ocioso o seu diñeiro, o poñen nestas ruletas rusas perversas da minaría contaminante sen importarlles as desfeitas que puidesen deixan atrás".

Entrega

A entrega de premios vai facerse no local de Verdegaia en Compostela na rúa do Pombal 18, o vindeiro sábado día 30 de novembro a partir das oito da tarde no marco dun magosto reivindicativo.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios