Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Carballo

Verto ofrecerá un concerto en directo en streaming na edición híbrida do Carballo Interplay

Falta menos para versión "híbrida" da VII edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. Os días 18, 19, 20 e 21 de novembro a capital bergantiñá acollerá e abrirá as súas pantallas ao mundo para impulsar o talento dixital galego.
 
Un dos pratos fortes deste ano será a entrevista e concerto co grupo revelación na escena musical galega, Verto, que poderán gozar ao vivo unha cantidade limitada de persoas  -atentendo ás restricións sanitarias- pero que moitas máis persoas poderán ver tamén en streaming.
Verto son dous estudantes de medicina -Alberto Mira e Fernando Peleteiro- que en menos dun ano, sobre todo dende o Oie Gayego no Luar, conseguiron converter o seu proxecto musical de trap en galego nun divertido e desenfadado nun referente para a mocidade do país.
 
A sesión incluirá ademais un menú degustación dos mellores podcast galegos, seleccionados por Isaac González, e un percorrido polas etapas e xeracións do Youtube galego, da man de Miguel Silva Conde (o coñecido e comprometido ex- youtuber aquel-e).
 
Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega
 
Para incentivar a creación de contidos en galego adaptados ás novas formas de consumo, creouse este premio arredor do cal naceron proxectos como Peter Brandon, Hai vida en Bran e Sígueme. O seguinte que sairá serán as gañadoras da pasada edición -Amnesia 3.0 e Xan- que se estrearán no festival.

Xan é a historia dun peculiar millenial non emite ningunha palabra. Unha webserie cómica cun certo ton surrealista codirixida por Lucía Estévez e Miguel Canalejo, quen tamén a protagoniza.

Amnesia 3.0 é unha serie futurista escrita e dirixida por Irene Pin, producida por Natalia Porca e Cristela Torres e protagonizada por Daniel Celester, Sara Ferro, Vanessa Dorrei, Monti Castiñeiras e Duarte Galbán, coa participación especial de Isabel Naveira e Sabela Arán.

Premios ás webseries en galego

O Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega chega á súa quinta edición cunha xeitosa colleita de proxectos:


Cacola é un proxecto de webserie de animación 2D dixital de David Fidalgo, director, guionista, animador, director de arte e montador de varias curtas e videoclips de animación. Este ano 2020 foi finalista nos Premios Goya cunha desas curtas, Homomaquia. Cunha estética cartoon con cores planas e animacións irreais, os capítulos de Cacola presentarán historias autoconclusivas duns 30 segundos cun ton  de comedia absurda na que todo pode pasar.

The foundry é un proxecto de miniserie documental de tres minutos ideado por Iria Santos para contar a historia da Ferrería de Bravos, que foi unha fundición de ferro do século XV nun antigo castelo no que actualmente vive un home holandés que o quere converter nunha residencia para artistas. Iria Santos é investigadora na UdC, participou hai un par de anos no Campamento Kamikaze e obtivo o premio a Mellor Webserie en V.O. en Galego xunto coas súas compañeiras por Monumento.

Óleo é un proxecto de ficción que retrata a soidade, o baleiro interno, a rabia e a culpa que sofren as persoas que teñen que deixar a súa vida para coidar dos demais. O Pazo Libunca, unha das arquitecturas máis coñecidas de Narón, é un protagonista máis desta webserie dirixida por Daniel Sanmartín, que combina os seus estudos e traballos con diversos proxectos persoai entre os que destaca o seu rol como vicepresidente da asociación sociocultural Patio de Butacas.

En Cebo&Allo, Román Castaño Frieiro -creador das webseries Gafas e Pallaso e As Cousas do Choio- conta a historia de dous irmáns galegos, Cebolo e Allo, moi diferentes entre eles pero cunha característica en común: a súa paixón pola gastronomía. Cebolo é un youtuber namorado das inxestas masivas e Allo goza coas experiencias culinarias selectas. Do choque entre eses dous mundos xorde este proxecto de ficción cómica.

 

 

Novas relacionadas

Verto ofrecerá un concerto en directo en streaming na edición híbrida do Carballo Interplay