Martes. 23.04.2024
El tiempo

Os Veteranos xóganse media tempada esta fin de semana

Braulio con Ivan Cancela recibindo o balon de Buno ao Mellor Xogador de Veteranos 18-19
Braulio, con Iván Cancela, recibindo o balón de Buño como Mellor Xogador de Veteranos 18-19
Os Veteranos xóganse media tempada esta fin de semana

A Liga de Veteranos, na súa División de Honra, vive semanas de intensidade. Os duelos directos están dándolle vida a unha competición que parecía que poder seguir o fío do ano pasado. O Sporting Zas puido ter dado un paso de xigante para repetir o título do curso pasado, pero se atopou cun San Román que venceu en San Andrés. Mentres, o San Lorenzo vencía ao Mazaricos alcanzando no alto da táboa ao cadro zaseiro, e mantendo 3 puntos de vantaxe sobre o propio San Román e un Dumbría que non fallaba nas Redondas.

Esta fin de semana perfílase vital. A falta de 6 xornadas para o remate da Liga, hai dous duelos directos entre os 5 primeiros clasificados. O Zas visita ao Soneira, o 5º clasificado e a só 6 do liderato, co que de vender no Municipal podería meterse tamén no lío. Pero é que mentres, na Porta Santa de Paiosaco, o San Román recibe ao San Lorenzo. A sorte está botada, e aínda quedan por diante un Zas-Dumbría e un San Lorenzo-Soneira na x.22, e un Dumbría-San Lorenzo na 23.

Para analizar a situación queremos falar con Braulio, xogador do Sporting Zas escollido como Mellor Xogador da Liga de Veteranos na pasada Gala do Fútbol da Costa 18/19.

Un Braulio que ademais lidera con diferencia a táboa do Pichichi. O zaseiro ten 29 goles, 9 máis que Mario Casal (do San Román), pero non se fía porque o ano pasado xa o perdeu na última xornada cando Edgar (San Lorenzo) marcou 8 goles na última xornada.

 
  • QPC: Como foi o partido do domingo ante o San Román?

Pois a verdade é que comezaron eles dominando, con nós buscando algo máis a contra, e atopámonos cun gol meu, que marquei dende fóra da área. Despois houbo aí un choque, e eles pediron penalti e penso que o árbitro quedou algo pendente desa xogada e logo non pitou un fóra de xogo no que quedou toda a nosa defensa parada, e Mario Casal meteu o empate.
Ao saír do descanso tivemos dúas boas, non a metemos, e xa se sabe, logo eles marcaron de penalti, por medio de Santiago.

 
  • QPC: En estas dúas xornadas pode estar a clave da Liga, non?

Son a clave. Sobre todo para o San Román, que despois deste partido ten un calendario máis doado.

 
  • QPC: A quen ves de favorito?

Está todo moi igualado. O San Román empezou mal pero agora mesmo está forte, e non lle quedan rivais tan directos coma ao resto. Pero, bueno, favoritos somos nós que estamos de primeiros, pois temos o golaveraxe individual empatado co San Lorenzo pero temos máis goles. Co San Román téñeno gañado eles.
Penso que se gañamos a Soneira e Dumbría teríamolo bastante encamiñado.  

  • QPC: Cales son os puntos fortes de cada un dos equipos que estades na loita?

Nós estamos moi ben arriba, e por iso levamos 86 goles, que a verdade tiñamos que repartir algún cos partidos cos de arriba… Pero as baixas de Rubio e as Josito notáronse moito. Creo que tiveron problemas de “espalda”… a idade non perdoa (risas)

Para min, o San Lorenzo é un dos mellores equipos, ten un equipo completo de adiante atrás. É o mellor equipo defensivamente, e alá déronnos un repaso.

E o San Román son moi bos defensivamente, e Santi saca moi ben os balóns. Ademais este ano están buscando moitos balóns directos a Mario Casal, que este ano está corrrendo moitísimo.

 
  • QPC: Soneira e Dumbría teñen opcións de meterse na pelexa?

Pois parecían que perdían partidos cos de abaixo e ao final estamos todos xuntos. Si que se poden meter, que a liga dá moitas voltas, pero bueno, téñeno algo máis complicado, porque creo que son algo menos regulares ca nós.

 

Novas dos Veteranos

Comentarios