Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Vimianzo programa unha ducia de eventos ao aire libre para o verán

Programa eventos Vimiansol.jpeg
Vimianzo programa unha ducia de eventos ao aire libre para o verán

O Concello de Vimianzo arranca unha nova programación de verán para todos os públicos achegando as principais compañías das artes de rúa do momento. Unha completa programación con circo, maxia, teatro, música, cine e moito humor.
Os espectáculos celebrarabse na Praza do Concello, e serán de balde ata completar aforo, e poderanse reservar os billetes na Casa da Cultura, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Un novo xeito de gozar do verán de Vimianzo cunha amable oferta cultural, visual e de humor dirixida a todas as idades e co humor como liña condutora do programa. Por Vimianzo pasarán compañías premiadas en importantes festivais de rúa e moi diversas propostas en canto a estilos e disciplinas. Espectáculos como ‘Saaabor!’ cuxos números poderemos ver na gala de arranque ‘Circando’ do 11 de xullo e gañadora do premio de público de Festiclown 2018.

O 18 de xullo chegará a Vimianzo o Mago Teto, un dos magos máis importantes do momento que nos achega o seu novo show ‘Alquimia’, ademais o 01 de Agosto a compañía de nova creación ‘Muu’ abraiaranos coas acrobacias, saltos e o humor absurdo de ‘Crunch!’

O ciclo escénico pecha a súa programación con dúas importantes compañías chegadas doutras comunidades con grande experiencia e percorrido internacional.

O 8 de agosto Kanbahiota achega unha espectacular propostas de equilibrios e acrobacias aéreas e o 22 de agosto pechamos co gañador en Ascona (Suiza) e Landshut (Alemania) ou Festiclown (Galicia), nun espectáculo onde os malabares, o humor e a improvisación chegan ao seu máximo apoxeo.

Neste Vimiansol hai cabida para a música e gozaremos dun concerto do dúo Caamaño¬Ameixeiras. Poderemos escoitar a Antía Ameixeiras, de orixe vimiancés, gañadora do concurso de xoves intérpretes para tocar con Carlos Núñez na súa xira por E.E.U.U e como violinista en Luar na Lubre; e a Sabela Caamaño, multipremiada acordeonista e pianista de Oza dos Ríos.

As Noites de cine na rúa volven á praza do Concello e acollerán a estrea do filme galego e en galego María Solinha . Na proxeción contarase coa presenza das súas actrices protagonistas, Grial Montes e Laura Míguez, así como do seu director Ignacio Vilar.

O premiado filme “O que arde” tamén chegará á carteleira do Vimiansol o sábado 4 de xullo. Completarán a carteleira de cine os filmes infantís ‘Bebé jefazo’ e ‘Spiderman:un novo universo’ e o filme de produción galega ‘A Galiña Turuleca’.

O 10 de agosto, festivo local, ‘Pura alegría’, das cómicas Celia e Cruz, compartirán coas nenas e nenos unha tarde de moita diversión, na festa con bailes, xogos e animación musical. Desde o goberno local aseguran que se ‘priorizarán as condicións de seguridade promovidas para as autoridades competentes’, afirman.

Comentarios