Imprimir

Volve a ‘Fin de Semana dos Naufraxios’ a Camariñas con propostas gastronómicas, culturais e turísticas

que pasa na costa | 05 de novembro de 2019

O Concello de Camariñas vivirá unha fin de semana repleta de propostas gastronómicas, culturais e turísticas. Do 8 ao 10 de novembro comeza o programa dos ‘Naufraxios de Camariñas’, un evento que pretende reivindicar a historia do municipio a través de diferentes actividades.

NaufraxiosDeCamariñas 2019 programa

O acto central terá lugar o sábado, 9 de novembro, cando se celebrará o acto conmemorativo polo 129 aniversario da traxedia do ‘HMS Serpent’, o cruceiro da Royal Navy que se afundiu en 1890 no corno da Punta do Boi deixando 173 vítimas. O Cemiterio dos Ingleses acollerá, a partir das 19 horas, unha representación teatral e unha ofrenda floral aos náufragos da Costa da Morte. Haberá un bus gratuíto con saída ás 18 horas e que percorrerá Camelle - Ponte do Porto - Xaviña - Camariñas - Cemiterio dos Ingleses. Tamén, o delegado da RLNE na Costa da Morte Rafael Lema ofrecerá unha charla a medio cento de sendeiristas da Ruta dos Faros de Galicia no faro de cabo Vilán.

Ademais, os veciños de Camariñas poderán gozar durante todo o fin de semana dunha ‘Ruta das Tapas dos Naufraxios’ na que os 16 establecementos participantes ofrecerán, por 1 euro, tapas relacionadas cun barco naufragado en concreto. Participan nesta ocasión Bar Pinar, Café Bar A Ría, Cafetería Oasis, O Náutico Bar, O Portiño, Taberna do Bico, A Molinera, Bar Rotterdam, Pub Marítimo, Café Bar O Rosquilleiro, Casa Trabeiro, CunKCafé, La Tavernetta da Ponte, Pizzería Brasil, Restaurante-Pizzería A Xunqueira, Parrillada Rojo.

Para aqueles que enchan o cupón con 6 das tapas participantes o Concello de Camariñas sorteará 210 euros en premios. Un primeiro premio de 120 euros, un segundo de 60 euros e un terceiro de 30 euros. Ademais, todos os que proben as 6 tapas recibirán un agasallo dunha camiseta. O horario para probar as tapas da ruta é de 12 a 14:30 horas e de 19 a 21:30 horas.

Por outra banda, do 8 ao 10 de novembro tamén se levarán a cabo Rutas Marítimas dos Naufraxios en kaiak e barcos de vela pola ría de Camariñas, organizadas por Ubuntu Life no Club Náutico de Camariñas. Os prezos para as rutas en kaiak son de 10 euros por persoa e para as de vela son de 15 euros por persoa. As prazas son limitadas.

Por outra banda o domingo día 10 de novembro ás 22:00 da noite, para seguir estando presentes na data do fatal naufraxio no lugar dos feitos, membros da RLNE acudirán a ler un poema conmemorativo e colocar unha vela na tumba do capitán Ross no Cemiterio dos Ingleses da Punta do Boi. Está prevista a presenza do delegado provincial da RLNE e do promotor desta iniciativa Juan Campos Calvo-Sotelo.

Ademais, levaranse a cabo unha serie de representacións teatrais e rutas guiadas dirixidas aos escolares de Camariñas cunha temática que xirará en torno aos naufraxios.

Máis actividades

Para a próxima semana, o sábado 16, continuarán as actividades relacionadas cos naufraxios xa que ás 18 horas no Museo Man de Camelle se celebrará o relatorio titulado ‘City of Agra, 123 Anos na Memoria’, que servirá para presentar o programa do evento que se levará a cabo no mes de maio de 2020. Ese mesmo día, ás 20 horas, o dique de abrigo acollerá unha teatralización dos naufraxios de Camelle.

Por último, o sábado 23 de novembro, haberá unha representación teatral sobre os naufraxios de Arou na praia de Lobeiras.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/camarinas/volve-fin-semana-naufraxios-camarinas-propostas-gastronomicas-culturais-turisticas/20191105134330114693.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA