Venres. 29.03.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Xa case estamos tod@s

Luis M Insua Lago no Coristanco-Cabana-Foto-Cabana SD
Luis M. Insua Lago no Coristanco-Cabana-Foto-Cabana SD
Xa case estamos tod@s

Só falta o fútbol 8, polo demais, esta fin de semana bota a andar de forma definitiva, agora si, todo o fútbol costeiro. Arrincan as competicións locais de fútbol infantil, cadete e xuvenil, ademais da Terceira Galicia no fútbol senior e o fútbol feminino nos grupos que faltaban, entre eles o que acolle ao novo equipo costeiro, o Cee (que debuta como local, no Sampaio de Refoxos, o domingo, ás 12.00 horas, Manuel Trillo, fronte ao Bamio).

A fin de semana é tan intensa que, para dar cabida a todo o que haberá nesta finde, o arrinque se adianta xa ao venres tarde: a competición infantil dá o pistoletazo de saída no Conco (18.00 horas, David Cancela) co Dumbría-Fisterra, xa que en Dumbría terán unha fin de semana con moitísimo fútbol, pois ademais da Liga Galega Cadete (na matinal do sábado), os veteranos (domingo pola mañá) e o equipo senior (domingo pola tarde), o sábado pola tarde haberá un torneo de fútbol 8 alevín e benxamín (IX Memorial Manuel Andújar) cun cartel de luxo no que conviven equipos de tanto renome como Oroso, Deportivo da Coruña, Victoria, Calasanz e o propio Dumbría.

E se a competición infantil vive un arrinque en horario adiantado, a Terceira Galicia pecha a súa xornada inaugural en horario Champions cun apaixonante derbi, o que se vivirá (20.00 horas, Óscar Santos) na Grixa entre Porteño e Camelle. 

Colexiados costeiros polo mundo

Moitos colexiados costeiros farán as maletas esta fin de semana, especialmente con destino á zona de Pontevedra, aínda que tamén haberá trío costeiro na Coruña para a tarde do sábado: na Grela 1 (16.00 horas) Bruno Méndez (auxiliado por David Castreje e Luis Insua) dirixirá o encontro da División de Honra Xuvenil entre Calasanz e Sporting de Gijón.

O domingo pola tarde o destino será o sur. Haberá trío costeiro no encontro da Preferente Galicia, grupo 2, que enfronta (18.00 horas, Baltar de Arriba) a Xuventude Sanxenxo e Cambados. Serán Marcos Ordóñez, Alberto Baña e Iván Ferreiro. E haberá representación costeira noutros dous tríos coruñeses: Adrián Pérez acompañará a José Manuel Cives no Choco-Estradense de Terceira División (18.00 horas, Santa Mariña) e Manuel Espasandín estará con Alexandre Represas no Pontevedra B-Cultural Areas da Preferente (16.00 horas, La Junquera).

Dous tríos costeiros máis sairán aos campos o domingo tarde, pero en distancias curtas: no Platas Reinoso (17.30 horas, Baio-Praíña) estarán Luis Insua, José Ageitos e Jorge Calvete, en tanto no Conco (18.00 horas, Dumbría-Tordoia) dirixirán o encontro David Castreje, Daniel Martínez e Sebastián Pérez.

Queren defender os liderados

As competicións que xa arrincaron comezan a avistar, sequera fugazmente, os primeiros aspirantes a todo, que tentarán continuar a boa xeira destes primeiros partidos.

Na Liga da Costa son tres os equipos que suman 6 puntos sobre 6 posibles. Dous deles eran dos agardados para a festa: o Corme (que, desta volta, recibe no Cairo, domingo, 18.00 horas, Pablo Rama, ao Castriz) e o Ponteceso (que visita Xaviña para medirse, o domingo, ás 17.00 horas, David Vázquez, ao Buño). O terceiro é a “sorpresa” positiva deste comezo de temporada, o San Lorenzo, que na súa terceira etapa recibe ao Cerqueda (As Pedreiras, domingo, 17.00 horas, Lucas Vicente).

Por abaixo, os primeiros apuros, con 0 puntos de 6, son tamén para tres equipos: o xa referido Castriz (que visita Corme), o recén ascendido Cabana (As Redondas, domingo, 16.30 horas, Óscar Rey, fronte ao Lira) e o Sporting Zas (A Rocheira, domingo, 18.00 horas, Iván Vilanova, fronte ao conxunto local, o Coristanco).

No fútbol veterano, a primeira xornada deixou dous resultados moi contundentes (un en cada categoría) que supuxeron un primeiro liderado. 

Na División de Honra, o vixente campión, Sporting Zas, comezou arrasando na súa visita ao Carral, e enfronta a segunda xornada recibindo no partido da xornada ao vixente campión de Copa, o San Lorenzo (San Andrés, domingo, 11.00 horas, Óscar Rey).

Na Primeira, o debutante Arasolis pasou como un tornado por Pedra Queimada no seu debut, e agora estréase como local recibindo ao outro debutante da categoría, o Oza (Ara Solis, domingo, 10.00 horas, Daniel Martínez).

--- 

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Ademais, sabedes que todas as táboas e o carrusel dominical en directo, en www.futboldacosta.com.

Comentarios