Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Xan Fernández Carrera presenta o seu novo libro para "recuperar o prestixio de Moraime"

Tarxeta presentación libro Moraime
Xan Fernández Carrera presenta o seu novo libro para "recuperar o prestixio de Moraime"

Este sábado 15 de agosto, a Igrexa de Moraime acolle, ás 20:00h, a presentación dun libro moi especial. O mestre Xan Fernández Carrera presenta o seu novo libro “Moraime. Centro Histórico da Costa da Morte”. Estará acompañado polo Director do Pobo Galego, o seu amigo Manuel Vilar, (ambos colaboradores de excepción de QPC) ademais de por Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña.

O libro pretende servir de acicate para recuperar o prestixio de Moraime na comarca e en toda Galicia polo seu florecente pasado. E que mellor maneira que aportar coñecemento, arredor do “papel que desempeñou en tempos pretéritos como centro relixioso e administrativo dun amplo territorio que se estendía desde a Baixa do Anllóns ata Fisterra”.

O libro lembra que “o abade de Moraime era a máxima autoridade no eido eclesiástico, pero tamén o que exercía o control político e administrativo de boa parte desta franxa litoral durante a Baixa Idade Media”.

O autor repasará como a influencia de Moraime serviu para cristianizar as lendas da chegada a través do mar de divindades da nova relixión como a do Cristo de Fisterra ou a da Virxe da Barca de Muxía.

”Na fundación destes antigos santuarios seguramente está a orixe da relación deste territorio coa figura do Apóstolo Santiago, que se plasma tanto na lenda da cidade asolagada de Duio, xa recollida no Códice Calixtino, como na da aparición da Virxe da Barca ao Apóstolo nas pedras da punta de Muxía, crenzas nas que se sustenta a chegada de peregrinos a este Finisterrae europeo”, explica a introdución do libro.

Xan pretende cohesionar e darlle máis sentido á comarca da Costa da Morte, recuperando a historia peregrina do noso Camiño.

Máis información

Novas relacionadas

Comentarios