Martes. 16.04.2024
El tiempo

Xosé Regueira aos entes de xestión: “Cómpre crear produtos turísticos complementarios ao Xacobeo”

Regueira retrato
Xosé Regueira aos entes de xestión: “Cómpre crear produtos turísticos complementarios ao Xacobeo”
Mantiveron hoxe unha xuntanza os entes de xestión turísticos coa Deputación da Coruña, co Xacobeo como telón de fondo. Coa problemática evidente que temos enriba, a crise punzante e a imposibilidade de realizar grandes eventos, o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, cre na oportunidade de “fomentar novos destinos e crear produtos turísticos complementarios ao Xacobeo".

Regueira apunta directamente aos 14 entes de xestión da provincia (na nosa comarca a CMAT, Solpor, Empresarios de Camariñas e Turismo Natural de Muxía) como “pezas clave á hora de traballar pola recuperación do sector e axustar as programacións ás esixencias deste momento”.

Ante todo isto, pide “aproveitar os recursos e apostar pola rendibilidade nun momento en que é urxente traballar pola recuperación dun sector especialmente afectado pola crise do coronavirus”. Porque este 2021 é “fundamental para a recuperación do sector turístico”.

Sinalou que a Deputación vai ter especial coidado do " turismo urbano que é o gran damnificado da pandemia e é o xera máis beneficios porque temos que traballar co obxectivo de que o turismo que chegue ten que deixar un maior retorno económico no territorio".

Novas axudas

O carballés lembrou tamén as novas liñas de traballo para este ano ao abeiro da nova convocatoria de axudas que está aberta para presentar proxectos até o vindeiro 5 de febreiro. Axudas de até 120.000 € por entidade, para os que a entidade provincial se fixará “no número de prazas de aloxamento en establecementos turísticos, a poboación residente no territorio e a propia valoración dos proxectos presentados”.

Os entes de xestión esperan que continúe a comunicación con xuntanzas mensuais de valoración e avance de traballo.

Comentarios