Venres. 29.03.2024
El tiempo

#FERROATLÁNTICA

A Xunta recoñece que Ferroatlántica si ten que presentar un plan de viabilidade como lle viña esixindo a CIG

A fábrica de Ferroatlántica
A Xunta recoñece que Ferroatlántica si ten que presentar un plan de viabilidade como lle viña esixindo a CIG

A Xunta de Galicia asumiu finalmente que debe pedir un plan de viabilidade á empresa para que o proceso de compra-venda do complexo industrial e enerxético cumpra coa legalidade e que é precisa unha autorización administrativa previa. Aínda collendo con todas as precaucións e gran escepticismo as afirmacións de Á. Bernardo Tahoces na Comisión de Industria neste sentido, a CIG considera que este cambio de postura é o resultado das intensas e continuadas mobilizacións que o persoal está a realizar dende que se anunciou esta operación especulativa.

 A este respecto, a sección sindical da CIG demanda da Xunta que de inmediato solicite este plan de viabilidade para que se garanta que non haberá segregación de actividades, pois a venda está en marcha, os cambios na dirección xa se produciron e non están exclusivamente diante dun cambio de accionistas. Pola súa parte, agardan que as palabras do director xeral de Enerxía e Minas non se queden nunha simple declaración de intencións que só buscan desactivar a mobilización dos traballadores e as traballadoras.

Doutra banda, evidénciase que a CIG tiña razón cando defendeu a necesidade de autorización previa para que esta venda se poida levar a cabo, tal e como indica o informe xurídico elaborado pola UdC a petición da central nacionalista. Cómpre lembrar que este informe foi trasladado a todo o comité, que o fixo seu, e presentado aos grupos parlamentares para que levaran esta problemática a debate do Pleno.

Así mesmo, co obxectivo de facer unha fronte común en defensa do emprego e da actividade industrial na comarca, a sección sindical da CIG en Ferroatlántica indica nun comunicado que lle pediron ao Concello de Cee que tamén asumira o documento como propio, "proposta á que a alcaldesa non só se negou, senón que mesmo chegou a dicir que as mobilizacións estaban 'politizadas' e que o informe tiña un 'interese político'", indican. Tamén engaden que o concelleiro do PP, Antonio Domínguez, tamén se situou na mesma liña "quen cualificou as concentracións do persoal de 'folclorismo' e asegurou en varias ocasións que non era preciso un plan de viabilidade".

A CIG delcara que, aínda así, "a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo non dubidou en utilizar este informe 'politizado' para argumentar a pregunta presentada na comisión de Industria e asumir, agora si, como propias, as teses que a CIG e a maioría do comité de Ferroatlántica levan meses defendendo". En todo caso,  dende a sección sindical agardan que este oportunismo político leve a que dende a Administración galega se esixa o preceptivo plan de viabilidade e se garanta o emprego e o futuro da actividade produtiva nas fábricas de Cee e Dumbría.  "O único interese desta sección sindical e dos traballadores/as é que se respecte a legalidade, non se especule cos nosos recursos e se manteñan os postos de traballo e a actividade industrial na comarca", explican.

NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA

Artigos relacionados

Comentarios